Comunicado da Manifestación 19N Compostela: Na defensa da vida digna, os servizos públicos e o Estado de Benestar.

Representantes do Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN Galicia), a Plataforma Pensionistas Compostela, a Central Unitaria de Traballadoras (CUT), a Confederación Xeral do Traballo (CGT Galicia) e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) -entidades convocantes canda TReGa, FOANPAS, Vellez Digna, Plataforma SAF Galiza, Sindicato de Estudantes, Os Ninguéns, Verdeval, colectivos da Renda Básica e distintas formacións políticas- presentaron na mañá de hoxe en rolda de prensa no local nacional do SLG en Compostela a mobilización descentralizada na defensa dunha vida digna, a recuperación e fortalecemento dos servizos públicos e a esixencia de medidas políticas que garantan o Estado de Benestar que terá lugar en todo o Estado español vindeiro sábado 19 de novembro, convocada na capital galega con saída dende a Alameda compostelá ás 12h.

Francisco L. Vázquez Vizoso, de MODEPEN Galicia, explicou que esta convocatoria xurde a iniciativa da Coordinación Estatal de Pensionistas, tomando como impulso o éxito da manifestación celebrada en Madrid o pasado 15 de Outubro, na que máis de 50.000 persoas demandaron a posta en marcha de medidas políticas que garantan a recuperación do poder adquisitivo e salarios dignos para as clases traballadoras.

Vizoso valorou que estamos entrando nunha vaga de mobilizacións na que é fundamental a unidade das loitas dos traballadores e traballadoras fronte a intención das forzas políticas de non equilibrar os salarios e pensións co IPC, atacando frontalmente as nosas economías, empobrecéndonos recurtando a nosa capacidade adquisitiva. Dende MODEPEN Galicia animan a “ir dinamizando a creación dunha forza social para acadar que os gobernos acepten as reivindicacións dos distintos sectores sociais”, e nesta liña avanzou que a mobilización do vindeiro sábado será sucedida pola convocatoria na defensa da sanidade pública realizada por SOS Sanidade Pública o 30 deste mes nun importante número de localidades galegas.

Nesta mesma liña, Paco Castro Alvaredo, da Plataforma Pensionistas Compostela, reiterou a importancia de que, canda os espazos reivindicativos que está abarcando cada sector,  haxa tamén un espazo de confluencia de todos estes procesos sectoriais, uníndonos en convocatorias como a mobilización deste sábado 19 polo Estado de Benestar e os servizos públicos.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, abondou nos motivos desta convocatoria explicando que  as pensións das persoas do rural que normalmente traballaron na agricultura toda a súa vida son das máis baixas do Estado, e as sucesivas reformas non fixeron máis que incrementar esta precariedade e esta perda de capacidade adquisitiva. No tocante aos servizos básicos, denunciou,  ca excusa de que no rural hai cada vez menos poboación estanse suprimindo constantemente servizos sanitarios, educativos, de transporte, afectando estes recortes a moitas familias, e especialmente ás mulleres, que é sobre quen recae en maior medida as responsabilidades vinculadas aos coidados das persoas do seu entorno”.

Vilalba tamén quixo mencionar de xeito explícito a loita das traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar, en folga dende o pasado 2 de novembro convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e secundada pola Plataforma SAF Galiza, apuntando que a mobilización do 19 procurará tamén reforzar a presión social para que se proceda á negociación dun convenio laboral que poña fin á vergoñenta precariedade na que desenvolven un traballo tan sensíbel como é garantir a dignidade das persoas dependentes.  Estas traballadoras están vendo como non lles des dan condicións de traballo dignas, están con xornadas parciais, con salarios moi baixos, non hai mesmo protocolos de prevención de riscos laborais porque traballan en domicilios particulares, véndose sometidas moitas veces a condicións mesmo extremas. Incomprensiblemente plantéxaselles unha subida do 1%, unhas condicións que non teñen nada que ver nin co IPC ni ca inflación que estamos sufrindo actualmente”.

A Secretaria Xeral do SLG salientou tamén que o deterioro da atención primaria e da sanidade “é un feito que nos está preocupando dun xeito moi importante ao conxunto da poboación, afortunadamente está sendo contestado cunha gran reacción social que esperemos que na Galiza tamén serva para acabar con estas políticas neoliberais que nos quitan dereitos e nos privatizan a vida. Dende o SLG todo o noso apoio, é unha reivindicación da que nos sentimos partícipes todas e todos, esteamos no rural ou esteamos no urbano”.

Iria Beiroa Otero (CUT Galicia), trasladou o apoio da Central Unitaria de Traballadoras porque como sindicato de clase defendemos os servizos públicos, queremos que as pensións contributivas e non contributivas -moitas deas percibidas por mulleres- sexan un ben público, opoñémonos á súa privatización e esiximos que tanto estas como os salarios suban co IPC, para que ninguén quede atrás.

Miguel Ángel Cuña (CGT Galicia), corroborou o compromiso da Confederación Xeral do Traball na defensa dos servizos públicos, contra a destrución do poder adquisitivo da maioría da poboación e a oposición á rebaixas nos salarios e pensións. Avogou ademais porque todos os servizos públicos “sexan sometidos ao control social e da clase traballadora” e trasladou o apoio da da CGT Galicia ás vindeiras mobilizacións que terán lugar logo deste sábado 19.As organizacións convocantes apelan á unidade para conformar unha forza plural que presione para garantir a protección social.

Canda a defensa das pensións públicas, a Sanidade ou o Ensino a mobilización procurará fortalecer o apoio ás demandas do SAF.

Documento do Comunicado de Prensa

Documento do Manifiesto da Manifestación do 19 de Novembro.

Texto publicado o xoves 24 de novembro 2022, en “Praza Pública”.

19-11-2022. En Defensa da Vida Digna, dos Servizos Públicos e do Estado do Benestar.

Como sabemos este sábado 19 de novembro hai convocada unha manifestación en Santiago de Compostela en defensa “dunha vida digna, a recuperación e reforzo dos servizos públicos e a demanda de medidas políticas que garantan o Estado do Benestar”.

Os convocantes son diversas organizacións sociais que abranguen desde Movementos de pensionistas (Modepen, Plataforma pensionistas Compostela), Sindicatos (CGT, CUT), da Defensa do Mundo Rural (SLG) das Dependencias (Vellez Digna, Trega, Plataforma SAF), Ecoloxistas e de defensa do territorio (Verdeval), Sociais (Os Ninguéns, Colectivos pola Renda Básica), da Defensa da Educación (Foanpas).

Neste enlace temos información sobre a rolda de prensa celebrada para convocar esta acción, na que interviron Francisco Vázquez Vizoso, de MODEPEN Galicia, Paco Castro Alvaredo, de la Plataforma Pensionistas Compostela, Isabel Vilalba Seivane, do Sindicato Labrego Galego, Iria Beiroa Otero, de CUT Galicia e Miguel Ángel Cuña, de CGT Galicia.

Tamén relacionado con esta convocatoria consideramos de intereses enlazar o artigo do noso compañeiro Bieito Lorenzo, publicado no xornal Praza.gal.

Enlaces:

Rolda de prensa.                                                Artigo de Bieito Lorenzo.                                   Máis información nesta web.

 

O 19 de Novembro voltamos á rúa en Santiago en defensa dos Servizos Públicos.

Como sabemos o pasado 15 de outubro os Movementos de pensionistas do estado manifestármonos unitaria e masivamente en Madrid en Defensa da suba de salarios e pensións de acordo co IPC real, pola Eliminación da brecha de xénero tanto en salarios como en pensións, por unhas Pensións mínimas dignas, contra a Privatización do sistema público de pensións, en Defensa de todos os servizos públicos e pola realización dunha vez da Auditoría de Contas da Seguridade Social.

De como foi esta manifestación tedes cumprida información nestas mesmas páxinas. Como broche final por agora o pasado día 27 de outubro presentáronse no Congreso dos Deputados as sinaturas recollidas para esixir estas mesmas reivindicacións (máis de 225.000 segundo “65 y más”: https://www.65ymas.com/futuro-pensiones/pensionistas-entregan-225000-firmas-exigiendo-subida-pensiones-con-ipc-real_44680_102.html) .

No acto de entrega Gonzalo Balo, de Modepen, esixiu o cumprimento dunha vez por todas dos prazos estabelecido na Lei 21 do 28 de decembro de Auditoría das Contas da Seguridade Social, como podemos ver neste vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=cdOLsoflDbg

Porque, a quen non lle interesa demostrar con luz, taquígrafos e números que o actual Sistema de Reparto das Pensións é perfectamente viábel? Porque ese é o problema, que a Auditoría vai por números aos cartos que o Estado sacou da caixa da seguridade social, os gastos impropios, e iso non interesa aos poderosos sectores que vén un gran negocio no “suposto fracaso” do Sistema Público e na “suposta insotenibilidade” do mesmo, eses “corvos” privatizadores, que ven como se lles pode escapar ese gran negocio da súa privatización. Por de pronto están ganado tempo para desenvolver o seu plan.

Modepen e os demais movementos de pensionistas non imos ficar calados. Imos seguir a saír á rúa. E xa puxemos data, o vindeiro 19 de novembro, en Compostela: En Defensa do Estado do Benestar e dos Servizos Públicos. E non estaremos sós, iremos da man doutros colectivos interesados nos mesmos obxectivos.