Modepen solidarízase coa loita en defensa de pensións dignas en Francia

O Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), así como a totalidade das organizacións que fan parte da Unidade de Acción a nivel estatal, solidarízase coa manifestación convocada en París para o 21 de xaneiro de 2023, proposta nun primeiro momento por 10 organizacións xuvenís e apoiada despois por multitude de organizacións sociais (como os coletes amarelos), partidos políticos (como a Franza Insumisa) e a totalidade do mundo sindical nun exemplo de unidade contra a ofensiva neoliberal e contra a precarización das pensións públicas e a súa privatización.

En concreto Modepen convoca unha concentración o día 20 de xaneiro, venres, ás 12:30 horas, na Praza Roxa de Santiago de Compostela, que rematará diante do Consulado Francés para entregar un comunicado de apoio á loita contra as medidas do goberno francés, no fondo semellantes ás que se pretenden aplicar aquí.

Porque esas medidas (os incrementos da idade de xubilación e do tempo mínimo de cotización para ter dereito á pensión máxima) forman parte dunha mesma ofensiva global neoliberal que, coa desculpa dunha suposta insostibilidade dos sistemas públicos de pensións de reparto, da crise económica ou da guerra, pretenden recortar os dereitos sociais e laborais. Unha ofensiva neoliberal que está construíndo, día tras día, o caldo de cultivo da extrema dereita.

A destacar que a iniciativa de convocar a manifestación francesa xurdiu dun acordo de varias organizacións da mocidade que demostraron un gran sentido da realidade ao recoñecerse como principais prexudicados pola regresiva reforma das pensións. Como din no seu comunicado:

“Neste contexto, o Goberno decidiu atacar as nosas pensións… Como futuros traballadores e traballadoras, rexeitamos unha reforma que nos fará traballar máis tempo e dificultará a nosa incorporación ao mercado laboral…”

Un comunicado dos movementos xuvenís que remata cun chamamento á unidade que facemos noso “debemos organizar o contraataque estando na rúa e realizando folgas e mobilizacións masivas para deter a este goberno con todas as forzas que queiran unirse a nosoutros na batalla.”

Comunicado de MODEPEN

Nota de Prensa da Unidade de Acción Pensionista.

Comunicado da Mocidade Francesa (Orixinal e traducido).

A necesidade da Organización e da Unidade de Acción.

O 13 de xaneiro de 2023 as organizacións de pensionistas incluídas na “Unidade de Acción” publicamos o Documento que achegamos e no que realizamos 1) Unha valoración do sucedido neste pasado ano 2022, 2) As respostas do noso movemento a esta situación, 3) As vitorias conseguidas e 4) As tarefas que temos pendentes.

1) O 2022 estivo marcado pola crise das materias primas e a guerra de Ucraína, ante o que a Unión Europea optou por aceptar un papel subalterno en relación aos Estados Unidos e a OTAN desviando dese xeito enormes recursos económicos a gastos militares. Recursos que deberían ter sido destinados a erradicar a pobreza, precariedade, desigualdade e exclusión social que padece a cidadanía. Unha elección que propicia o rexurdir do fascismo e o autoritarismo.

Así, no documento analízase o aumento brutal da inflación e dos tipos de interese en comparanza cos escandalosos beneficios das empresas do IBEX 35. E tamén se analizan as dúas fases da Reforma das Pensións, coa introdución do chamado “IPC medio” e a supresión da paga compensatoria coa consecuente redución do poder adquisitivo, a promoción dos Plans Privados de Empresa (pistoletazo de saída da privatización do sistema de pensións) ou o positivo acordo de realizar unha Auditoría, ilegalmente aínda non cumprido.

2) O movemento pensionista respondeu con mobilizacións como a recollida de máis de 240.000 sinaturas entregadas en outubro ao Congreso dos Deputados, a mobilización unitaria do 15 de outubro, a rolda de entrevistas coas forzas políticas do Congreso ou a mobilización descentralizada do 19 de novembro, desta vez xunto ao sindicalismo combativo e os movementos sociais, como un paso máis na loita conxunta.

3) Unhas mobilizacións que deron os seus froitos. Lembremos a suba do 8,5% (con todos os seus peros, que os ten), a inclusión dos gastos impropios dentro dos orzamentos xerais, os adiamentos de medidas como a ampliación do período de cómputo para o cálculo das pensións ou a creación da “Axencia Estatal da Administración da Seguridade Social” (co seu risco de privatización patrimonial da SS) ou a admisión a trámite no Parlamento Europeo do debate sobre a penalización con coeficientes redutores dos e das pensionistas con longas carreiras de cotización, á hora de xubilarse anticipadamente.

4) E a loita ten que continuar ata conseguir as nosas demandas, entre as cales: Recuperar o poder adquisitivo de salarios e pensións, suba inmediata das pensións mínimas, acabar coa fenda de xénero, realización da Auditoría da Seguridade Social, derrogación dos recortes das reformas de pensións de 2011, 2013, e 2021, e da promoción dos Plans Privados de Empresa, eliminación dos coeficientes redutores ás longas carreiras de cotización, oposición a descapitalización da Seguridade Social e ao aumento dos anos para o cálculo da base reguladora da pensión…

O Documento conxunto remata manifestando a vontade de reforzar a Unidade de Acción Pensionista e “a nosa vontade de unir as nosas loitas coas que se desenvolven en prol dos dereitos laborais, dos servizos públicos esenciais, como a sanidade, a educación, a vivenda, os coidados ás persoas dependentes (xestión das residencias de maiores, servizos de atención domiciliaria…)”

Asinan o Documento:

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar),

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones),

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria),

MADPP (Movimiento Andaluz en Defensa de las Pensiones Públicas),

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos),

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas),

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles, …

 

COMUNICADO DA UNIDADE DE ACCION PENSIONISTA DO 13-01-2023

 

Inflación e beneficios empresariais.

Quen non ten escoitado ultimamente que “toda crise agocha unha oportunidade”? Certamente, se miramos ben a frase, é unha forma positiva de enfrontármonos ás crises, a calquera crise. Diante dos problemas tamén está ben pararse a pensar nos elementos positivos que podemos sacar dunha situación que globalmente é, ou nos parece, negativa.

Mais cando falamos de crises sociais, que afectan á sociedade globalmente, como é a actual crise de inflación, a maioría das persoas consideramos que a principal resposta debe vir desde a solidariedade. Aquilo de “Que ninguén quede atrás”, ou “Mantemento do poder adquisitivo”. Algo que, por certo, non se está a cumprir nin para as/os traballadoras/es nin para as/os pensionistas por moito que a propaganda oficial o repita (ver o punto 1 da declaración das plataformas e movementos de pensionistas do 9 de decembro, no enlace ao final).

Asumida esta necesidade de solidariedade social quen, ademais, atope algunha oportunidade… pois moi ben.

O dito non ten nada que ver con quen, desde posicións de forza e poder, ve nesta crise unha oportunidade, pero unha oportunidade insolidaria, baseada en “que perdan outros para gañar eu” como é o que estamos vendo co incremento dos beneficios dos propietarios e accionistas das grandes empresas ata límites escandalosos. Podemos velo nesta análise do Banco de España sobre unha mostra representativa de 920 delas. Uns beneficios que, vía inflación, imos pagar o resto da poboación.

Nas súas propias palabras: “O Banco de España constata que os beneficios das empresas creceron sete veces máis que os salarios” “As empresas trasladaron o incremento dos custos aos prezos de venda e melloraron ou mantiveron a súa rendibilidade nesta crise inflacionista” ou “Os beneficios das empresas non financeiras aumentaron un 21% de media ata o terceiro trimestre deste ano con respecto a 2021 tanto pola recuperación da actividade económica tras a pandemia como pola suba dos prezos.”

Noticia comentada e publicada en “eldiario.es”:

Declaración das plataformas e movementos de pensionistas do 9 de decembro:

Auditoría das Contas da Seguridade Social, Plans Pensións Privados e Publicidade enganosa.

Como xa falaramos na nosa páxina o día 14 de outubro (artigo ao que nos remitimos para ampliar https://www.modepen.org/index.php/2022/10/11/caminan-a-bancarrota-a-seguridade-social-e-o-seu-sistema-de-publico-de-pensions/ ) unha das tarefas pendentes da Seguridade Social, e que legalmente xa non debería de estalo, é a auditoría das súas contas. Unha auditoría que debe clarificar dunha vez por todas se se trata dun organismo deficitario, como mantén o mantra oficial, ou se en realidade a Seguridade Social é a principal acredora duna Administración central que leva décadas gastando os sus recursos.

Non estamos falando dunha cantidade menor. O Tribunal de contas estimou hai dous anos en 103.690 millóns de euros, como mínimo, o financiamento que a Seguridade Social achegara entre 1967 e 2018 ao resto das administracións para cubrir conceptos non contributivos. Cantidade, repetimos, mínima e que previsibelmente será superior. E sen contar os intereses.

Pero, mentres non se faga esta auditoría, as empresas adicadas á captura por privatización dos cartos do sistema da Seguridade Social seguirán baseándose nos datos “oficiais” para, con argumentos falaces vestidos de artigo de prensa, intentar convencer ao conxunto da sociedade, e a cantos máis incautos concretos mellor, da necesidade de subscribir Plans de Pensións Privados como os recentemente aprobados Plans de Pensións de Empresa. Plans nos que o único seguro é que os xestores (estas empresas, como no noso caso Mapfre) van recibir grandes comisións, independentemente do resultado, positivo ou negativo, da súa xestión.

Unha publicidade para a que necesitan o argumento da tendencia inevitábel do déficit da Seguridade Social. Un déficit que se xustifica en que no 2021 o fondo de reserva era xa de tan só 2.138,00 millóns de euros, cando xa sabemos que a esa cantidade habería que sumarlle, como mínimo, a xa controlada polo Tribunal de Contas. É dicir, como mínimo habería 103.690,00 millóns de euros, superando con creces ao máximo do Fondo (en 2011, con 66.815 millóns) co que cambia radicalmente o conto. Ese conto que permite a Mapfre facer este resume do “seu artigo”: “Ahorrar no es un lujo, sino una necesidad de cara al futuro”.

O máis grave é que a publicidade estea escrita como se fose un artigo serio, redactado por unha xornalista, e publicado nunha revista que se supón seria, e non como o que é: publicidade enganosa

Nota: Este artigo recoméndase lelo unicamente para ler en modo retranca e con moita calma, senón advertimos que pode ser perigoso para o estado de ánimo e a saúde física, psíquica e intelectual.

Ligazón a artigo de 65ymás¿Qué es la hucha de las pensiones y por qué es tan importante?

Os e as pensionistas máis vulnerábeis quedan fora do real decreto-lei 20/2022 de 27 de decembro, e demandamos que sexan incluídos.

As principais organizacións de pensionistas do Estado Español, entre elas o MODEPEN, emitiron o 04/01/2023, unha Nota de Prensa na que rexeitan se o goberno exclúa aos pensionistas con menores recursos do acceso ao CHEQUE DE 200 € que o goberno estatal entregará ás persoas e familias con menores recursos económicos.

As organizacións de pensionistas exixen que se permita acceder ao Cheque aos pensionistas con condicións económicas máis precarias.

NOTA DE PRENSA, 04/01/2023

Os e as pensionistas máis vulnerábeis quedan fora do real decreto-lei 20/2022 de 27 de decembro, e demandamos que sexan incluídos. 

As plataformas y movementos de pensionistas dos Pobos e Comunidades do Estado que que subscribimos este texto, denunciamos:

Que outra vez os e as pensionistas con pensións pequenas, contributivas e non contributivas, quedan fora da medida máis importante das aprobadas polo Goberno para facer fronte a situacións de vulnerabilidade económica e social diante da carestía da vida: O CHEQUE DE 200 EUROS.

Na normativa, de 27 de decembro, establécese claramente que os e as pensionistas con pensións tanto contributivas como no contributivas NON poderán solicitar o cheque. Tampouco poderán pedilo as persoas que cobran o Ingreso Mínimo Vital.

Parécenos ben que podan solicitalo as familias e persoas que ingresen até uns 1.900 € mais/mescremos que, con máis razón, tamén deben poder recibilo os e as pensionistas que cobren cantidades mensuais bastante máis pequenas.

O goberno esquece que máis do 50% de las pensións no Estado Español están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (1.000 € bruto , mensual) que as mulleres pensionistas seguen percibindo as pensións máis baixas, algunhas delas rozando o umbral da pobreza.

Exiximos que as persoas pensionistas que cumpran as condicións de nivel de renda requirida no decreto anticrise, sexan incluídas nesta medida, que podería paliar en parte a situación de precariedade na que se atopan.

As persoas pensionistas demandamos reverter os recortes das reformas de pensións de 2011, 2013 e 2021, recuperar o poder adquisitivo das pensións públicas, restablecer a paga compensatoria de final de ano, e situar a pensión mínima no 60% do Salario Medio.

Asemade, demandamos que se adopten medidas estruturais e non conxunturais para que todas las persoas accedan a unhas condiciones de vida dignas, baseadas no reparto equitativo da riqueza.

Estas, entre outras, son as medidas que vimos demandando dende hai máis de 5 años coas nosas mobilizacións.

GOBERNE QUEN GOBERNE

AS PENSIÓNS PÚBLICAS DEFÉNDENSE !

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar),

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones),

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria),

MADPP (Movimiento Andaluz en Defensa de las Pensiones Públicas),

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos),

UNIDAD COESPE,PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles

Documento de la Nota de Prensa.

Reportaxe no Telexornal da TVGSobre os pensionistas que quedan fora do Real Decreto-Lei 20/2022 de 27 de decembro, sobre O CHEQUE DE 200 EUROS

Noticia publicada en contrainformación.esLos y las pensionistas más vulnerables se quedan fuera del cheque de 200 euros y demandamos que se les incluya.

Noticia publicada en @NegociosTVLos pensionistas denuncian que el Gobierno se ha olvidado de ellos con el cheque de 200 euros.