Alá vai o 23 de xullo! Xa pasou o día e contivemos ao peor dos pesadelos. Polos pelos mais non pasaron, salvámonos a nós mesmos co noso voto.
Porque non era broma. Un toureiro de Conseller de Cultura, a censura en forma de PIN parental na educación, as linguas propias prohibidas, a violencia de xénero virada en violencia “familiar”. Son exemplos soltos, hai máis. Como o afán privatizador neoliberal, un afán que nos afecta directamente como pensionistas. Un afán que perseguen, tamén, sen pudor ningún.
Porque é carecer totalmente de vergoña facer nomeamentos como os de Extremadura (1): “Raposos” a coidar das “galiñas”.
Porque non outra cousa é o nomeamento como responsábel do “Servicio Extremeño de Salud (SES)” dunha unha persoa (Jesús Viles Piris) que ten desenvolvido a súa carreira profesional nos últimos 20 anos no sector dos seguros privados de saúde (Director médico de SegurCaixa Adeslas na área de Cáceres e asesor médico de Adelante Salud, ademais de Cordinador do servizo de urxencias da Clínica Quirúrgica Cacereña e médico da Mutualidad General Judicial (Mugeju)).
Ou o nomeamento como responsábel do “Servicio Extremeño de Promoción de la Autonomía Personal y Atención a la Dependencia (SEPAD)”, que xestiona as Residencias públicas de maiores, Centros de día e Centros residencias da ata agora directora da residencia DomusVi de Badajoz (Estrella Ángeles Martínez Lavado). Unha rede de residencias privadas, Domus Vi, que nós coñecemos ben.
Eles van ser os responsábeis da defensa e potenciación da Sanidade e das Residencias Públicas na Extremadura. A bon entendedor…
E como puideron sortear a investigación sobre as incompatibilidades ou intereses que dificultaran o nomeamento? houbo algunha investigación, algún debate aclaratorio?… Pois non, porque antes do nomeamento a Junta de Extremadura (PP e VOX) tivo tempo de eliminar a obriga dos altos cargos de comparecer na Asamblea para analizar esas posíbeis incompatibilidades e intereses. Rápidos no seu si son estes acaparadores, abofé!
Máis esta constatación de que a nivel de Estado non pasoou o peor, non nos leva a esquecer que o malo segue aí, que o afán privatizador non está só na extrema dereita, que ese vén ser o seu plan “A”, o que mellor lles iría, privatizar todo sen maiores trámites, pero mentres a opción PP-VOX non se consolide van seguindo co seu plan “B”, paseniño pero seguro. Por exemplo coa privatización das pensións.
Porque mentres miramos para o toureiro, o PIN, a censura, a “violencia de familia”… aproveitan para avanzar coa privatización das pensións. Coa constitución, o 4 de xullo, do plan de pensións da Construción (2) ou coa adxudicación, como lemos neste enlace (3) do contrato de xestión destes fondos públicos de pensións a VidaCaixa (CaixaBank), Xestión de Previsión e Pensións (BBVA), Caser Pensións, Santander Pensións e Ibercaja Pensión, segundo a documentación remitida ao Portal de Contratación do Estado español. O 21 de xullo, dous días antes do 23-X.
Unha adxudicación que demostra a decisión de implantar estes plans privatizadores neste mesmo exercicio como xa se denuncia, por exemplo, nesta análise (4)
Finalmente lembrar este artigo de 4 de marzo deste ano do noso compañeiro Xabier Pérez Davila explicando os Fondos de Pensións da Lei Escrivá (5).
4) https://poderpopular.info/2023/07/25/silencio-se-privatizan-las-pensiones/?
5) Análise Xabier: https://www.infolibre.es/opinion/plaza-publica/ley-escriva-fondos-pensiones-iniciativa-neoliberal-obsoleta-gobierno-coalicion-progresista-debe-derogada_129_1439833.html