Xa parece unha tradición do Movemento Pensionista iniciar o “curso político” en Madrid, manifestándose. Este ano a Unidade Acción Pensionista (da que forma parte o Movemento pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos -Modepen) tamén convoca. Para o 28 de outubro.
Porque o noso voto conseguiu un obxectivo claro, que mesmo por veces parecía difícil, evitar o trunfo da dereita extrema do PP aliada coa extrema dereita de VOX. Deste xeito é posíbel a formación dun goberno máis democrático que o que se nos viña enriba.
Pero iso non quere dicir que todo estea feito, porque as nosas reivindicacións seguen aí. Porque segue en pé a estratexia, que tan ben coñecemos, de privatizar todo o que se poida, goberne quen goberne, xa sexa a Sanidade, a Educación, a xa case inexistente Vivenda social… A estratexia de converter os nosos dereitos nos seus beneficios en nome dun sacrosanto “libre mercado” non é patrimonio exclusivo da dereita. E nesa estratexia inclúese tamén o noso sistema público de pensións, un substancial bocado, máis de 12.000 millóns de euros só na nómina de setembro e o 11,7% do PIB (1) que queren converter, de público e xestionado polo Estado a privado, un capital xestionado pola Banca.
Creo que este obxectivo estratéxico explica o que está a suceder coas nosas pensións e, por tanto, a razón da ser das nosas reivindicacións, porque o que están a facer é o mesmo guión que no resto das lambiscadas públicas que ansían privatizar. Vexamos:
1) Deteriorar o servizo público a través dunha estratexia a medio-longo prazo que está, como sabemos, en pleno funcionamento. Vémolo na sanidade, na educación ou na vivenda, neste caso xa moito máis avanzado, sen novas construcións nin adquisicións públicas de vivenda para cumprir o esquecido mandato constitucional que entende a vivenda como un dereito
Un deterioro que no caso das pensións vímolo moi claramente cando Fátima Báñez (a ministra de Rajoy) intentou fixar o escandaloso 0,25% como tope das subas anuais, pero que se mantén agora, coa perda real do poder adquisitivo que, a pesar do que nos queren vender, medra por baixo do IPC. Aumentando a idade de xubilación. Ou endurecendo os requisitos para accede á pensión. Ou empeorando a taxa de substitución.
2) O Relato. Ese relato que “explica” que, por exemplo e seguindo coa vivenda, o problema sexan os “Okupas” que atacan o dereito dos propietarios das “vivendas”, aínda que ese fenómeno realmente sexa practicamente inexistente, mentres se agocha sistematicamente o dereito das persoas vulnerábeis a unha vivenda digna. Un relato que se mantén aínda en situacións tan tráxicas e evidentes como a que se deduce na traxedia recente da vivenda de Alfonso X en Vigo (aquí podemos ver un exemplo de “relatos” diferentes do que estou a falar: 1) O relato dos okupas (2) e a realidade da falta de dereito á vivenda (3).
Un relato que, no caso das pensións, son eses mantras repetidos insistentemente de que “hai un problema demográfico”, esquecéndose de que, cos avances tecnolóxicos, hoxe un traballador produce moito máis que antes. Ou que “os gastos aumentan”, esquecéndose de que tamén poden aumentar os ingresos. Ou que a Caixa da Seguridade Social ten un déficit brutal, de arredor de 100.000 millóns de euros, que se di pronto. Un relato, este último, facilitado pola non realización da obrigatoria ( por Lei 21/2021) auditoría da mesma, unha auditoría que, segundo os cálculos do Tribunal de Contas demostraría un superávit de máis de 103.000 millóns de euros, que deixaría un lixeiro superávit real ou en máis de 140.000 millóns, como apuntou o propio ministro Escrivá (4). Unha auditoría que, ao non se facer, permite a pervivencia do necesario “relato” do déficit da seguridade social.
3) A existencia de alternativas privadas a estes servizos públicos, “demostradamente ineficaces, ineficiente e inefectivos”. Unhas alternativas que no caso das pensións a penas existían, con unicamente os desprestixiados Plans de pensións individuais, situación corrixida pola reforma Escrivá que introduciu os plans privados de capitalización colectiva. Xa temos as tres patas do chamado Modelo Holandés coas que avanzar cara á privatización: A Pata pública de reparto, a deteriorar, a Pata deses plans privados de capitalización colectiva, apoiados e financiados en parte polo estado a cargo das nosas pensións, vía desgravacións fiscais e redución de cotas e a terceira Pata, para os que teñan máis poder económico, os fondos individuais, tamén beneficiada por desgravacións a costa dos cartos de todos nós.
Por iso Modepen chama á mobilización (5) polos seguintes obxectivos:
Contra o deterioro das pensións e pola súa mellora:
– Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente. 1.080€
– Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.
– Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.
– Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:
– Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.
– Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.
Contra o “falso relato”
– Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.
Contra as alternativas privatizadoras:
– Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións socias da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.
Documento publicado en Praza.gal: O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.
2) Mundodiario: Cuatro muertos en Vigo, tres de ellos menores, en un incendio en un edificio con okupas
3) eldiario.es: Muerte en un piso trampa de Vigo: Sara, Ezequiel, Aldara y Rosana fueron expulsados de su chabola por la presión urbanística