A propia Xunta cifra en 5.000 as camas dispoñíbeis en centros públicos. Nos privados hai case 17.000 prazas. Como apunta Transi Fernández (CIG). “A Consellaría de Política Social mantense nesa aposta malia que está máis que demostrado que privatizar, tamén a xestión, implica peor servizo”. Pódese ler neste artigo en Nósdiario (1) (10-11-2023), onde tamén se indicaba que “non é de recibo” que estes centros (referíndose ás residencia “doadas” por Amancio Ortega) acaben sendo de xestión privada “cando a Consellaría de Política Social presume de que vai ter un orzamento para 2024 máis alto que nunca” ao superar os 1.200 millóns de euros.
Pois si van ser de xestión privada. Polo menos dúas.. Acaban de adxudicarse as de Santiago e Lugo como podemos ler na nova de praza.gal (2) (02-03-2024). E unha das sorpresas é que terán apenas 37 traballadoras por cada 100 persoas residentes (rateo 0,37), só dúas máis do mínimo esixido pola normativa galega, que data de 1996.
As tres fundacións concursantes ofertaron para os diferentes criterios valorábeis melloras mínimas (com rateos no caso do persoal de 0,37 a 0,39), agás no custo das prazas, onde si que houbo diferencias decisivas (bem imaxinamos quen imos sufrir o recorte).
Lembremos que en 2022, tras a pandemia da COVID, o Goberno de España, comunidades autónomas e entidades do sector acordaron novas referencias mínimas de persoal máis elevadas a nivel estatal, pero a Xunta rexeitounas co argumento de que suporía pechar moitos centros “especialmente no rural”.
A Consellería de Política Social ratifica agora que “ao votar en contra de dito modelo, Galicia non ten que aplicalo“, e esa non ratificación serve agora para que estas 2 residencias, malia ser, por outro lado, urbanas e novas, teñan unha ratio “do século pasado”.
O documento de 2022 fixaba unha folla de ruta de rateos en progresivo incremento durante os próximos anos, estabelecendo para o 31 de decembro de 2023 e para residencias de persoas con discapacidade, como é o caso das dúas novas da Xunta, un rateo de 0,42 para persoal coidador, xerocultor ou similar e de 0,50 para “persoal de atención directa conxunta”, con aumentos en anos sucesivos (segundo se ve no próprio artigo) que tampouco non se van cumprir.
1) Nós diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/xunta-reduce-baixo-20-peso-publico-nas-residencias/20231110205128182038.html