Intervención do 21 de febreiro de 2026 realizada por Xabier Pérez Davila ao remate da manifestación convocada por MODEPEN en defensa da suba anual das pensións e do Decreto-lei do escudo social.

Como é sabido o 21 de febreiro de 2026 Modepén, en coordinación cos outros movementos do estado da Unidade Acción do Movemento Pensionista, convocamos unha manifestación en defensa da suba anual das pensións e do Decreto-lei do escudo social. Ao remate da mesma, diante da sede do Partido Popular, interveu o noso compañeiro Xabier Pérez Davila. Intervención que, polo seu interese transcribimos na ligazón do final.

Xabier dividiu a súa intervención en tres apartados.

1) A importancia e os éxitos da nosa mobilización social poñendo como exemplo o noso o pasado aínda recente, cando no 2018 o goberno de Rajoy estabeleceu o ridículo 0.25% de revalorización das pensións que hoxe, facendo cálculos, tería reducido as nosas pensión a niveis ínfimos, e cuxa eliminación supuxo un grande éxito do noso movemento.

2) Os retos que temos para o futuro, mencionando en primeiro lugar como pretenden incrementar o gasto militar á costa do gasto social e como, grazas a mobilización, apropiarse das pensións estalles a custar máis. E a un nivel máis xeral falando da necesidade da loita na rúa, máis tamén da loita electoral, porque non todos os político son iguais, porque non é igual a extrema dereita que os demócratas.

3) E relacionado co anterior, comenta como os Medios de Comunicación as as Redes Sociais manipulan a información para facernos crer que a vitoria das ideas de ultradereita é inevitábel, pretendendo xerar unha profecía auto-cumprida. Lémbranos algunhas das mobilizacións silenciadas que se están a dar en moitos lugares do mundo e que demostran que non estamos sós, e das que, precisamente por iso, apenas se escoita falar: Non están no seu “relato”.

Reproducimos o remate da intervención, que resume ben a mesma:

Que se atrevan, que se atrevan a volver a conxelar as pensións … a ver por canto nos multiplicamos (sinala a sede do PP) … e non estamos sós … hai xente en Bélxica, hai xente en Italia, hai xente en Portugal, hai xente en Bolivia, hai xente na Arxentina, hai xente en Suecia, en Minneápolis, que resiste … porque alí onde se ameaza a igualdade social, os dereitos adquiridos e as liberdades, aí nace a resistencia, e nós non somos outra cousa que parte desa resistencia.”

Transcrición da intervención do 21 de febreiro de 2026 realizada por Xabier Pérez Davila.

DEFENDAMOS AS PENSIÓNS PÚBLICAS E OS DEREITOS DOS COLECTIVOS VULNERABLES

21, 22 e 23 de febreiro de 2026

COMUNICADO DAS PLATAFORMAS E MOVEMENTOS DE PENSIONISTAS

DOS POBOS E COMUNIDADES DO ESTADO

O RDL aprobado polo Goberno o 3 de febreiro que revaloriza as pensións aínda non foi levado ao Congreso para a súa ratificación e tampouco está incluído nas votacións dos próximos plenos do día 17 e 18 de febreiro. Séguese sen garantir para este ano a revalorización das pensións que nos corresponde e séguese xogando con elas e coa nosa paciencia.

O que está a suceder de novo este ano é intolerable.

É inaceptable que o goberno non sexa capaz de garantir a revalorización das pensións é absolutamente inxusto e rexeitable que partidos políticos (PP, VOX, JUNTS, UPN) impidan a revalorización das pensións no Congreso. É inxustificable que cando as grandes empresas financeiras baten, ano tras ano, récords de beneficios e os ricos pagan menos impostos que as persoas traballadoras, eses partidos políticos derroguen medidas que protexen ás persoas máis vulnerables. Só os que antepoñen os seus intereses particulares á mellora das condicións de vida das persoas son capaces de facelo.

Ademais da revalorización das pensións, a votación da dereita e a ultradereita suspendeu a prórroga do Escudo Social Básico que se aplicaba en anos anteriores, con medidas como:

• Prohibición de desafiuzamentos sen alternativa habitacional para persoas en fogares vulnerables (que afecta a miles de pensionistas).

• Impedir o corte de subministracións básicas (auga, luz, gas), en fogares vulnerables (tamén afecta a miles de pensionistas).

• Prórroga da extensión do desconto no “Bono Social eléctrico” para fogares con rendas moi baixas.

• Revalorización do Ingreso Mínimo Vital.

• Incentivos e axudas fiscais para persoas afectadas por catástrofes naturais como a DANA, incendios forestais etc.Por iso, os próximos días, 21, 22, 23 de febreiro chamamos a todas as persoas pensionistas, traballadoras e afectadas pola derrogación do “escudo social” a mostrar a nosa indignación participando nas manifestacións que convocamos para esixir:

1. A REVALORIZACIÓN AUTOMÁTICA DAS PENSIÓNS EN FUNCION DO INCREMENTO REAL DO CUSTO DA VIDA.

2. A MELLORA SUBSTANCIAL DAS PENSIÓNS MINIMAS QUE A PESAR DA SUBIDASEGUEN SENDO MISERABLES.

3. A EQUIPARACIÓN DA PENSION MÍNIMA AO SALARIO MÍNIMO INTERPROFESIONAL NETO, para impedir a cronificación da brecha de xénero e a insuficiencia de ingresos para as persoas maiores que tras toda unha vida de traballo vemos como se deterioran ano tras ano as nosas condicións de vida.

4. APROBACIÓN INMEDIATA DAS MEDIDAS QUE PROTEXEN ÁS PERSOAS MAIS VULNERABLES RECOLLIDAS NO ESCUDO SOCIAL.

Garantir unhas pensións públicas dignas e suficientes e un Sistema Público de Pensións de repartición segue sendo un obxectivo irrenunciable das nosas organizacións, e demandamos derrogar recortes que seguen vixentes que reducen as nosas pensións públicas e fomentan os plans privados.

Esiximos que a prioridade de, gobernos, partidos políticos e institucións sexa garantir a todas as persoas unhas condicións de vida dignas, a necesidade dunha reforma fiscal obtendo maiores recursos que garantan os servizos públicos, así como cumprir a lei realizando a auditoría pública da Seguridade Social, para recuperar recursos que pechen a brecha salarial e de pensións.

Todas as persoas teñen dereito a un traballo digno e suficientemente remunerado, unhas pensións dignas e suficientes, servizos públicos universais de calidade e prestacións sociais necesarias.

GOBERNE QUEN GOBERNE,

AS PENSIÓNS PÚBLICAS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Mobilización o 21 de Febreiro en Compostela: pola dignidade e pola defensa dos nosos dereitos

Que é o chamado Real Decreto-Lei “ómnibus”?

Unha lei que o Goberno pretendía levar adiante e que contiña diferentes medidas de distintos ámbitos (transportes, pensións, fiscalidade, vivenda…). En vez de implementar unha a unha cada reforma, con este Decreto se pretendía facelo de forma simultánea.

O Goberno non logrou o apoio necesario para aprobalo: 177 votos en contra e 171 a favor. Votaron en contra o PP, VOX, Junts e UPN.

¿Cales son as principais medidas que contemplaba o chamado Real Decreto “Ómnibus” e que quedan paralizadas ao non superar o trámite parlamentario?

1. Suba das pensións.

A revalorización das pensións segundo o IPC, que pretendía mitigar a perda de poder adquisitivo por mor da inflación. e que supuña un incremento xeral do 2,7% e ata un 11,4% nas máis baixas, ademais dunha suba do 7,8% do complemento para a redución da fenda de xénero.

2. Ingreso Mínimo Vital.

O incremento da prestación do Ingreso Mínimo Vital do 11,4%, que procuraba mellorar a economía das persoas máis vulnerables.

3. Moratoria anti-desafiuzamentos.

A extensión das medidas contra os desafiuzamentos das persoas vulnerables, que poderían ser freados por un tribunal se non existía unha alternativa habitacional para as familias expulsadas.

4. Cotizacións sociais.

A perda de recursos que irían ao Fondo de Reserva (a “hucha” das pensións) ao aumentar as cotizacións dos salarios máis altos (aumentaban un 4%).

5. Prohibición de corte dos subministros básicos.

A prohibición de cortar os subministros básicos (luz, auga e gas) ás persoas vulnerables.

6. Bonos sociais.

A prolongación das axudas (bonos sociais) para reducir a factura eléctrica para os fogares vulnerables.

7. Axudas ás persoas afectadas pola DANA.

Un financiamento extraordinario para a Com. Valenciana para atender os danos provocados pola DANA, ademais de ampliar os prazos para pedir subvencións e axudas por parte do sector agrario. Tamén incluía unha serie de medidas económicas para tratar de paliar os efectos da erupción volcánica da illa da Palma en 2021.

8. Deducións fiscais por melloras enerxéticas.

A prórroga das deducións fiscais por inversións en melloras de eficiencia enerxética nas vivendas e pola compra de vehículos eléctricos.

Cal é a situación a día de hoxe?

Ante a negativa do Congreso de aprobar este Decreto o pasado 27 de xaneiro, ao Goberno non lle quedou outra que trocealo tramitando dous Decretos por separado:

Un que garanta o aumento das pensións, e un segundo que prorrogue a suspensións dos desafiuzamentos das persoas vulnerables en determinados casos (para contentar aos partidos da dereita que xa se manifestaron en contra), e outras medidas do “escudo social” que poidan contar co consenso parlamentario (subministros básicos, tributación, axudas…).

Por que MODEPEN se vai mobilizar o 21 de febreiro en Compostela?

As razóns son evidentes. Non podemos estar ano tras ano agardando o acordo dos partidos políticos no tocante á revalorización das pensións con respecto do IPC. Consideramos que cae de caixón que se o custo da vida sube cada ano, as pensións deben facelo, polo menos, na mesma medida. A súa suba automática para manter o poder adquisitivo, como mínimo, ten que quedar garantida por Lei sen depender da aprobación ou non dun decreto-ómnibus anual. Porque sabemos o que farán os partidos da dereita se chegan a gobernar. Por outra parte, o conxunto de medidas de carácter social xa nomeadas afectan a milleiros de familias e pensionistas, principalmente a aquelas que están nunha situación vulnerable, e paralizalas supón agravar a súa situación.

Por elo, xunto coas plataformas de pensionistas do resto do Estado, continuaremos manifestándonos nas rúas e solidarizándonos con todos os sectores sociais que se vexan afectados pola marcha atrás na adopción dunhas medidas que consideramos xustas e necesarias.

En defensa do “Escudo Social!

Acude con nós a Compostela o 21 de febreiro e faite ouvir!

Os dereitos non están garantidos senón os defendemos día a día!

Na mobilización está a nosa forza!

Hoxe por tod@s, mañá por tí!

Praza.gal:    21 de febreiro: En defensa do escudo social

POLA DIGNIDADE DAS PENSIÓNS PÚBLICAS, PENSIÓN MÍNIMA IGUAL AO SMI XA!.

Achegamos o comunicado da Unidade de Acción pensionista (COESPE, EHPM (Euskal Herria) MADPP (Movimiento Andaluz), MODEPEN (Movemento Galego), UNIDADE COESPE, PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…) convocando unha nova manifestación o 25 de outubro co lema xeral de: Pola dignidade das pensións públicas, pensión mínima igual ao SMI xa!.

– Porque o capital segue a cobizar as pensións públicas (Ver o intento de anular a revalorización das pensións segundo o IPC co “decreto ómnibus”, que paramos coa mobilización pensionista e cidadá. Ou a aprobación do decreto 11/2024 que abre a porta para compensar as baixas pensións compaxinando traballo e pensión, mediante o aumento da idade de xubilación que pode chegar ata os 72 anos, nunha estratexia pactada cos dirixentes de CEOE, CEPYME, CCOO e UXT).

– Tampouco podemos esquecer a situación xeral en que se dá esta ofensivo do capital. En concreto o incremento do gasto militar, ese máis do 5% do PIB qu queren que saia dos dereitos sociais da poboación, entre eles as pensións. Nesta liña resúltanos moi sospeitoso (e seguiremos con gran atención) o intento recente de retorcer o último informe da AIReF sobre gasto público e pensións, dentro da guerra polo relato.

Por estes motivos as xentes pensionistas de hoxe e as xeracións traballadoras novas, pensionistas de mañá, temos máis razóns que nunca para rebelarnos E saír ás rúas.

Non imos permitir ningún intento de volver á situación anterior a 2018 e, pola contra, convocamos para o día 25 de outubro de 2025 unha manifestación en Madrid (desde Atocha ata Sol, 12,00 h), como cada ano, para demostrar a forza e a unidade do Movemento, e para esixir unhas pensións dignas e suficientes do Sistema Público, tanto para as pensionistas de hoxe como as xeracións que o serán o día de mañá, coas reivindicacións que non admiten máis demora:

1. Pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional neto (e que este sexa o 60% do salario medio segundo a Carta Social Europea).

2. Acabar dunha vez coa escandalosa fenda de xénero.

3. Auditoría das contas da Seguridade Social, en cumprimento da Lei 21/2021.

4. Revalorización das pensións segundo o IPC real (e compensación do 3,8% que perderon as pensións).

5. Cambio lexislativo na lei 2/2023 substituíndo o limiar da pobreza polo SMI como referencia para o cálculo das pensións mínimas (contributivas e as non contributivas).

6. Alto ás privatizacións dos Plans de pensións de emprego (PPEs).

7. Xubilacións anticipadas sen penalización con 40 anos de cotización.

8. Nin un euro para armamento nin para a guerra. Os gastos militares para fins sociais.

Traballadora, traballador, pensionista de hoxe ou do mañá: Loita polo que son os teus dereitos, porque o futuro das persoas e do planeta será de vida, liberdade, xustiza e dereitos, ou non será.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS, OS SALARIOS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE.

Ver comunicado: POLA DIGNIDADE DAS PENSIÓNS PÚBLICAS, PENSIÓN MÍNIMA IGUAL AO SMI XA!.

NOTA: As plataformas locais do MODEPEN están organizando as viaxes. As persoas que queiran participar na manifestación poden poñerse en contacto a través dos seguintes teléfonos:

CORUÑA: 647 18 60 10-Manuel Gundín.

FERROL: 659 85 58 05, Pablo; 619 44 53 52, Lucía; 629 85 03 05, Pepe Iglesias.

RIBADEO: 669 75 24 95, Evaristo.

CANGAS: 608 13 69 59, Eugenio; 722 17 88 79, Manuel Camaño; 637 69 04 63, Lina.

VIGO-REDONDELA: 616 63 57 08, Gonzalo; 610 02 02 74, Luis Viñas. De Vigo sae o autobús ás 3 da mañá da Praza de España (dos cabalos). Prezo 30 € ida e volta.

Segue a represión contra os movementos sociais en xeral e o pensionista en particular. Derrogación da Lei Mordaza Xa!!

O pasado 29 de marzo a Unidade de Acción, co apoio de Modepén, publicamos un pequeno texto conxunto (A “Lei Mordaza”, agora tamén contra @s pensionistas NON LLES DÁ VERGOÑA?) para denunciar o uso cada vez máis frecuente desa Lei que xa hai tempo tiña que estar derrogada (xa ten máis de 10 anos). Daquela, a pinga que rebordou o vaso fora unha multa porque, 10 meses despois dos feitos, “nunha manifestación legalmente convocada alterouse a orde pública, aínda que ninguén lembra como. Tampouco houbo detidos nin identificados por eses supostos feitos.” Palabra de policía. Amén.

Os feitos sucederan en Madrid, que parece que se está a converter nun lugar “privilexiado” para os que gustan destes excesos administrativos e policiais pois, como nos contan os compañeiros daquela Comunidade, seguen a multiplicarse.

Denunciámolo neste novo comunicado que achegamos e co que nos solidarizamos todas as organizacións da Unidade de Acción.

Documento: XORNADA DE REPRESIÓN CONTRA O MOVEMENTO PENSIONISTA

A UE quere roubarnos as pensións.

Modepen acordou adherirse ao manifesto “A UE quere roubarnos as pensións”, asinado tamén por membros da maioría dos países europeos, co obxectivo de adicionalo ás reivindicacións da clase obreira neste 1º de maio de 2025. No mesmo, que achegamos na súa tradución ao galego, constan as seguintes ideas básicas:

Constatar que o sistema público de seguridade social, pensións, sanidade e asistencia médica en Europa, e tamén en todo o mundo, é un dos maiores logros do século XX, supoñendo un importante baluarte de seguridade, cobertura, atención e xubilación para moitas xeracións de traballadores e traballadoras.

Sen embargo observamos como, do Norte ao Sur e do Este ao Oeste de Europa, se está usando a profunda crise do sistema capitalista dos últimos anos para promover a súa privatización. Os gobernos xestores do Capitalismo pretenden así incrementar as ganancias dos grandes grupos empresariais e dos bancos, utilizando feitos reais como a crise económica, a baixa natalidade, o envellecemento da poboación ou os déficits orzamentarios, pero ocultando as verdadeiras causas, que se atopan nas políticas que serven a un sistema baseado na explotación das masas en beneficio dunha minoría insaciábel, sempre en busca de maiores ganancias.

Así vemos como o novo secretario xeral da OTAN, Rutte, e o banqueiro xefe, Draghi, chaman aos gobernos para que realicen cada vez máis recortes na seguridade social, na sanidade e nas pensións. E reclaman que os aforros vaian a engrosar o gasto militar. Ao tempo, preséntannos o Produto Europeo de Pensións Particulares (PEPP) como unha opción para garantir unha xubilación digna e segura cando, en realidade, é un intento de “crear un mercado único de capitais” que despoxe á cidadanía dos seus dereitos sociais para alimentar os beneficios dos grandes fondos de investimento cos que financiar as guerras promovidas pola OTAN e a UE.

Deste xeito pretendese suprimir o carácter social da Seguridade Social, o seu financiamento polos orzamentos públicos, a exención das cotizacións aos empregadores, a privatización dos sistemas de pensións, de saúde e de asistencia médica, o peche de hospitais e centros de saúde públicos, o aumento da idade de xubilación para homes e mulleres, a redución das pensións. En contraste necesitaríase unha longa lista para enumerar todas as reducións de impostos dos últimos anos.

Como persoas xubiladas a experiencia da nosa vida profesional amósanos que nada está dado, que todo se conquista coa loita, unha loita que non é só para nós mesmos senón tamén para os nosos descendentes. Por iso, esiximos:

• Un sistema público exclusivo de seguridade social, saúde, asistencia médica, con prestacións gratuítas.

• O financiamento da Seguridade Social principalmente polos orzamentos dos Estados de todos os países, polos empresarios, con baixa participación das persoas asalariadas.

• A abolición de todas as actividades bursátiles coas reservas de Seguridade Social.

• A abolición de toda privatización de servizos públicos.

• A redución en cinco anos da idade de xubilación para homes e mulleres.

• A creación de residencias públicas que satisfagan as necesidades das persoas xubiladas en cada país.

• O aumento das pensións de xubilación para satisfacer as necesidades básicas, igualando as pensións mínimas ao salario mínimo de cada país.

• Programas públicos, gratuítos e de calidade de asistencia social, recreativa e cultural.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS DEFÉNDENSE

TEXTO PARA ADICIONAR, O 1 DE MAIO DE 2.025, ÁS REIVINDICACIÓNS DA CLASE OBREIRA EUROPEA:

Modepen apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 06-04-2025.

Por terceiro ano consecutivo SOS Sanidade Pública convoca a todos/as os/as galegos/as a saír á rúa o vindeiro 6 de abril, ás doce horas, en Compostela1 esixindo “MÁIS SANIDADE PÚBLICA”.

Desde Modepen apoiamos esta convocatoria porque, como deciamos hai practicamente un ano, “a Sanidade Pública Galega segue en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque segue a ser necesaria “unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Este ano a convocatoria céntrase nos seguintes puntos:

MÁIS ATENCIÓN PRIMARIA

Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas máximo, con consultas presenciais a solicitude do paciente. Reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

MÁIS ATENCIÓN HOSPITALARIA

Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde. Recuperar os recortes nos hospitais comarcais. Acabar coa política de concertación coa privada e restitución ao sistema público dos centros privatizados. Plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas. Reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto infanto-xuvenil. Acabar coa precariedade laboral do persoal. Esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

MÁIS SANIDADE PÚBLICA

Incrementar o orzamento sanitario público. Elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades. Recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas. Potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.

Artigo de Paco Castro, da Plataforma Pensionistas Compostela sobre a manifestación do día 30 de setembro.

O 14 de decembro de 1990 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou O día 1 de outubro como Dia Internacional das Persoas Maiores.

Con este motivo as plataformas de pensionistas que constitúen a Unidade de Acción convocan para o día 30 de setembro, unha xornada de mobilización, coordinada a nivel estatal, en distintas cidades e pobos do Estado, en defensa dunhas pensións públicas dignas, un servizo de saúde adecuado e un sistema público de atención á dependencia cercano e de calidade.

En Galicia, o MODEPEN e a Plataforma de Pensionistas de Compostela, imos facer unha manifestación unitaria en Santiago, que sairá ás 12 hs. da Alameda e rematará na Praza das Praterías.

Artigo de Paco Castro, da Plataforma Pensionistas Compostela sobre a manifestación do día 30 de setembro

Manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 04-02-2024.

O 12 de febreiro de 2023 tivemos que saír á rúa porque “a Sanidade Pública Galega estaba en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque era “necesaria unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Case un ano despois SOS Sanidade Pública vese obrigada a volver a convocar por eses mesmos motivos. Nun ano non se ten avanzado nada na solución dos problemas da nosa sanidade. Máis ben, seguimos a retroceder. O chamamento, que evidentemente apoiamos desde Modepen, é para o vindeiro 4 de febreiro, ás doce horas, en Compostela (1)

Diante dunha Sanidade Pública Galega en coma, na última fase do seu desmantelamento, é necesaria unha gran mobilización social e profesional, na que esixamos solucións como as que SOS Sanidade Pública e as súas 55 organizacións (que abranguen plataformas cidadás, organizacións políticas e sindicais e colectivos profesionais) sintentizan en 13 medidas urxentes que se poden consultar máis polo miúdo no enlace (2). Entre estas trece medidas están as seguintes:

Incremento do orzamento sanitario. Non a derivación sistemática de pacientes á privada. Incremento do persoal e novas categorías profesionais. Priorización das consultas presenciais. Reapertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos. Potenciación da Atención Primaria. Reintegración das ambulancias ao Sistema Público. Racionalización das listas de agarda.

Garantía de que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) faise dende a sanidade pública en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.

Reintegración ao Sistema Público dos servizos privatizados. Elaboración dun Plan de Saúde Mental. Eliminación da inestabilidade e precariedade laboral. Concursos públicos transparentes e abertos. Restablecemento das Xerencias de Atención Primaria. Reorientación do sistema ao «modelo comunitario e participativo». Desmedicalización do sistema.

(1) Convocatoria (nova no xornal Nós).

(2) 13 medidas urxentes (Ligazón a SOS Sanidade Pública).

(3) 13 medidas urxentes pola sanidade que queremos…e que merecemos (doc. pdf).

O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.

Xa parece unha tradición do Movemento Pensionista iniciar o “curso político” en Madrid, manifestándose. Este ano a Unidade Acción Pensionista (da que forma parte o Movemento pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos -Modepen) tamén convoca. Para o 28 de outubro.

Porque o noso voto conseguiu un obxectivo claro, que mesmo por veces parecía difícil, evitar o trunfo da dereita extrema do PP aliada coa extrema dereita de VOX. Deste xeito é posíbel a formación dun goberno máis democrático que o que se nos viña enriba.

Pero iso non quere dicir que todo estea feito, porque as nosas reivindicacións seguen aí. Porque segue en pé a estratexia, que tan ben coñecemos, de privatizar todo o que se poida, goberne quen goberne, xa sexa a Sanidade, a Educación, a xa case inexistente Vivenda social… A estratexia de converter os nosos dereitos nos seus beneficios en nome dun sacrosanto “libre mercado” non é patrimonio exclusivo da dereita. E nesa estratexia inclúese tamén o noso sistema público de pensións, un substancial bocado, máis de 12.000 millóns de euros só na nómina de setembro e o 11,7% do PIB (1) que queren converter, de público e xestionado polo Estado a privado, un capital xestionado pola Banca.

Creo que este obxectivo estratéxico explica o que está a suceder coas nosas pensións e, por tanto, a razón da ser das nosas reivindicacións, porque o que están a facer é o mesmo guión que no resto das lambiscadas públicas que ansían privatizar. Vexamos:

1) Deteriorar o servizo público a través dunha estratexia a medio-longo prazo que está, como sabemos, en pleno funcionamento. Vémolo na sanidade, na educación ou na vivenda, neste caso xa moito máis avanzado, sen novas construcións nin adquisicións públicas de vivenda para cumprir o esquecido mandato constitucional que entende a vivenda como un dereito

Un deterioro que no caso das pensións vímolo moi claramente cando Fátima Báñez (a ministra de Rajoy) intentou fixar o escandaloso 0,25% como tope das subas anuais, pero que se mantén agora, coa perda real do poder adquisitivo que, a pesar do que nos queren vender, medra por baixo do IPC. Aumentando a idade de xubilación. Ou endurecendo os requisitos para accede á pensión. Ou empeorando a taxa de substitución.

2) O Relato. Ese relato que “explica” que, por exemplo e seguindo coa vivenda, o problema sexan os “Okupas” que atacan o dereito dos propietarios das “vivendas”, aínda que ese fenómeno realmente sexa practicamente inexistente, mentres se agocha sistematicamente o dereito das persoas vulnerábeis a unha vivenda digna. Un relato que se mantén aínda en situacións tan tráxicas e evidentes como a que se deduce na traxedia recente da vivenda de Alfonso X en Vigo (aquí podemos ver un exemplo de “relatos” diferentes do que estou a falar: 1) O relato dos okupas (2) e a realidade da falta de dereito á vivenda (3).

Un relato que, no caso das pensións, son eses mantras repetidos insistentemente de que “hai un problema demográfico”, esquecéndose de que, cos avances tecnolóxicos, hoxe un traballador produce moito máis que antes. Ou que “os gastos aumentan”, esquecéndose de que tamén poden aumentar os ingresos. Ou que a Caixa da Seguridade Social ten un déficit brutal, de arredor de 100.000 millóns de euros, que se di pronto. Un relato, este último, facilitado pola non realización da obrigatoria ( por Lei 21/2021) auditoría da mesma, unha auditoría que, segundo os cálculos do Tribunal de Contas demostraría un superávit de máis de 103.000 millóns de euros, que deixaría un lixeiro superávit real ou en máis de 140.000 millóns, como apuntou o propio ministro Escrivá (4). Unha auditoría que, ao non se facer, permite a pervivencia do necesario “relato” do déficit da seguridade social.

3) A existencia de alternativas privadas a estes servizos públicos, “demostradamente ineficaces, ineficiente e inefectivos”. Unhas alternativas que no caso das pensións a penas existían, con unicamente os desprestixiados Plans de pensións individuais, situación corrixida pola reforma Escrivá que introduciu os plans privados de capitalización colectiva. Xa temos as tres patas do chamado Modelo Holandés coas que avanzar cara á privatización: A Pata pública de reparto, a deteriorar, a Pata deses plans privados de capitalización colectiva, apoiados e financiados en parte polo estado a cargo das nosas pensións, vía desgravacións fiscais e redución de cotas e a terceira Pata, para os que teñan máis poder económico, os fondos individuais, tamén beneficiada por desgravacións a costa dos cartos de todos nós.

Por iso Modepen chama á mobilización (5) polos seguintes obxectivos:

Contra o deterioro das pensións e pola súa mellora:

– Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente. 1.080€

– Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.

– Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.

– Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:

– Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.

– Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.

Contra o “falso relato”

– Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.

Contra as alternativas privatizadoras:

– Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións socias da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.

Documento publicado en Praza.gal: O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.