Nota informativa das plataformas e movementos de pensionistas dos Pobos e Comunidades do Estado ante a derrogación do Real Decreto Lei 16/2025 que recolle a subida das pensións para 2026

28 de xaneiro de 2026

Onte día 27 de xaneiro, o Congreso dos Deputados derrogou con 178 votos en contra das dereitas e ultradereitas de PP, Vox, Junts e UPN, fronte a 171 votos a favor, o Real Decreto Lei do Goberno aprobado en decembro, que recolle a subida das pensións para 2026.

A revalorización das pensións para 2026, concretábase nun incremento do 2,7% para as pensións con carácter xeral, entre un 7% e un 11,4% ás pensións mínimas, e o 11,4% para as non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital.

Estes incrementos, que xa se aplicaron na pensión de xaneiro, ao non ser ratificado este RDL, decaen e quedan sen efecto a partir de febreiro, de non presentarse e aprobarse ningún outro Real Decreto Lei que o permita.

O Decreto viña dar cumprimento á revalorización das pensións co incremento do IPC do ano anterior segundo recollen as leis 21/2021 e 3/2023. Pero como puidemos comprobar, coa votación de onte, segue sen estar definitivamente garantido, e para algúns partidos políticos, as pensións seguen sendo moeda de cambio e non un dereito básico fundamental, utilizándoas de forma partidista para a súa estratexia en cada momento.

Ademais da revalorización das pensións, o RDL contén a prórroga do “Escudo Social Básico” que se vén aplicando en anos anteriores, con medidas como:

Prohibición de desafiuzamentos sen alternativa habitacional para persoas en fogares vulnerables (que afecta a miles de pensionistas).

Impedir o corte de subministracións básicas (auga, luz, gas), en fogares vulnerables (tamén afecta a miles de pensionistas).

Prórroga da extensión do desconto no “Bono Social eléctrico” para fogares con rendas moi baixas.

Revalorización do Ingreso Mínimo Vital.

Incentivos e axudas fiscais para persoas afectadas por catástrofes naturais como a DANA, incendios forestais etc.

Anular todas estas medidas, supón unha agresión perpetrada polos partidos que votaron en contra no Congreso dos Deputados, cara ás condicións de vida das persoas máis desfavorecidas e vulnerables.

Se esta agresión non se reverte satisfactoriamente antes do 20 de febreiro deste ano, As Plataformas e Movementos de Pensionistas sairemos o luns 23 de febreiro á rúa como o fixemos en xaneiro de 2018, chamando ás persoas pensionistas a defender e mellorar con determinación o conseguido pelexando na rúa.

Non imos aceptar nin un só paso atrás, nin políticas de recorte das pensións como as adoptadas de 2011 a 2018.

Nin un paso atrás, pensións públicas dignas xa!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa dás Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

NIN O BBVA NIN FEDEA DEBEN DIRIXIR O DEBATE SOBRE O FUTURO DAS PENSIÓNS

Nas últimas semanas o BBVA e o Ivie (Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas) fixeron pública unha nota de prensa na que manteñen que os traballadores e traballadoras máis novos deberán xubilarse aos 71 anos se queren cobrar unha pensión suficiente. A alternativa sería que subscriban un plan de pensións de capitalización ou que perciban unha herdanza. Os medios de comunicación difundiron masivamente o contido da nota de prensa asumindo o seu marco de interpretación. Desde Modepen entendemos que o obxectivo do BBVA e do Ivie é sementar entre a mocidade a desconfianza sobre a viabilidade do sistema de pensións para facilitar a substitución paulatina do sistema público de repartición por un sistema privado de capitalización.  O noso compañeiro Xabier Pérez Davila analiza a proposta do BBVA e do Ivie no documento que achegamos.

Sobre o relatorio do BBVA: NIN O BBVA NIN FEDEA DEBEN DIRIXIR O DEBATE SOBRE O FUTURO DAS PENSIÓNS

A Comisión Europea quere reducir as pensións públicas

No mes de marzo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizou unha avaliación das previsións sobre ingresos e gastos do sistema público de pensións (SPP). A avaliación concluíu que as medidas de ingresos e gastos adoptadas son suficientes para garantir a viabilidade do SPP até o ano 2050. Este procedemento, estabelecido na Disposición Adicional 2ª do RD-l 2/2023, debe repetirse cada tres anos. Polo tanto, a seguinte avaliación debería facerse en marzo de 2028.

Inesperadamente, o Goberno do Estado anuncia que encargará un informe adicional á AIReF en 2026. Ademais, mudará as regras de avaliación dos ingresos e gastos do SPP. Segundo a disposición adicional 32ª da Lei Xeral da Seguridade Social, as transferencias dos Orzamentos Xerais do Estado deben considerarse un ingreso do SPP. En adiante esta transferencia xa non se considerará un ingreso do sistema, polo que pasaría a recibir a consideración de préstamo e a contabilizarse como resultado dun déficit de recadación.

O Goberno recoñece que esta mudanza de criterio non prevista é consecuencia das presións da Comisión Europea (CE). Mark Rütte, secretario xeral da OTAN, esixiu en decembro reducir o gasto social, e en concreto en pensións, para incrementar o gasto militar até o 5% do PIB. Ursula von Der Leyen, presidenta da CE, apoia firmemente esta política. Ademais, desde hai anos, a CE promove os fondos de pensións privados de capitalización como alternativa aos sistemas públicos de repartición.

A ofensiva contra o SPP procura dous obxectivos:

1º Desviar recursos da protección social e as pensións públicas para as grandes empresas de armamento, o que beneficiará especialmente as compañías estadounidenses.

2º Abrir espazo para os fondos privados de capitalización despois de debilitar os sistemas públicos de repartición.

A quen beneficiarán os fondos privados de capitalización?

Á banca, as compañías de seguros e os fondos de investimento. Por iso financian grupos de “expertos” como Fedea que publican regularmente “informes” alarmistas sobre o déficit do sistema e a necesidade de subscribir contas individuais de plans de pensións privado.

Quen financia o laboratorio de ideas Fedea?

As grandes empresas. Bancos como Caixa Bank, BBVA, Sabadell, Santander, Banca March, Unicaja; e compañías de seguros como Mapfre e Mutua Madrileña. Todas elas interesadas nas comisións que cobran polo depósito e xestión das contas privadas para pensións de xubilación de capitalización.

Que propón o movemento social en defensa das pensións públicas (MSDPP)?

Prevese que nas próximas décadas, a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos pasará do 20% (2 de cada 10) ao 30% (3 de cada 10). As traballadoras e traballadores que se xubilarán a partir de 2030, 2040 e 2050 deben ter dereito a unha pensión digna. Para garantilo será imprescindíbel aumentar o gasto en pensións como porcentaxe do PIB.

O MSDPP vén esixindo que se adopten medidas de aumento de ingresos entre as que destacamos:

1º. Creación dunha nova cotización sobre o valor engadido das empresas que aumentaría a recadación dos sectores intensivos en capital (enerxía, finanzas, tecnolóxicas).

2º. Recuperación da participación dos salarios no PIB perdida nas últimas décadas. O informe sobre competitividade de Mario Draghi cífra no 6% da renda dispoñíbel o que equivale no Estado español a 80 mil millóns de euros. Esta recuperación ademais de permitir recuperar o poder adquisitivo perdido por millóns de traballadores e traballadoras ampliaría a base sobre a que se calculan as cotizacións sociais, incrementando os ingresos do SPP.

3º. Aprobar de vez unha reforma fiscal progresiva que incremente a recadación procedente dos dividendos en máximos históricos e dos grandes patrimonios.

MODEPEN, como parte do MSDPP quere alertar ás traballadores e traballadores en activo de que a OTAN e a Comisión Europea pretenden reducir as súas pensións futuras, e outras prestacións sociais, para as converter en gasto militar.

Nos próximos meses desenvolveremos un labor de información sobre as ameazas que pairan sobre as pensións públicas.

Ese labor de información creará as condicións para unha mobilización contra o aumento do gasto militar e en defensa do SPP que deberá ser o más masiva posíbel.

Galiza, Xuño de 2025

Participa!

EVOLUCIÓN DA BRECHA DE XÉNERO NAS PENSIÓNS DE XUBILACIÓN (1977-2024) – PERSPECTIVAS DE FUTURO – POR XABIER PÉREZ DAVILA

Cando se achega o 8 de marzo facemos público esta análise sobre a brecha de xénero nas pensións de xubilación elaborado polo noso compañeiro Xabier Pérez Davila.

Cada mes as mulleres perciben en concepto de pensións de xubilación menos da metade do que perciben os homes. Esta enorme brecha débese á que nas décadas anteriores a taxa de ocupación das mulleres era moi inferior á dos homes e a que percibían salarios máis baixos.

Actualmente a taxa de ocupación feminina é 10 puntos inferior á dos homes e parece difícil que se reduza coas políticas ao uso.

A creación de un sector público dos coidados sería o mecanismo máis rápido para pechar polo menos parte da brecha de xénero na ocupación, os salarios e, polo tanto, as pensións futuras de xubilación. Un servizo público de axuda á autonomía e á dependencia criaría emprego con salarios e condicións de traballo dignos que contribuirían a avanzar no peche das brechas.

A experiencia dos países nórdicos pode servir de exemplo.

Nota de prensa da Unidade de Acción das plataformas e movementos de Pensionistas de Pobos e Comunidades do Estado do 12/02/2025

12 de febreiro de 2025

Hoxe día 12 de febreiro sométese a votación no Congreso o RDL 1/2025 no que se inclúe a revalorización das pensións, así como outras medidas que forman parte do denominado escudo social.

Hoxe tal como os partidos políticos anunciaron se ratifica o incremento das pensións previsto na Lei 21/2021.

Con todo, as plataformas e movementos de pensionistas abaixo asinantes reiteramos a nosa indignación polo mal trato escenificado no Congreso dos Deputados: o incumprimento da lei contra un dereito fundamental, como a revalorización das pensións. Isto é algo que nunca máis debe repetirse, e esiximos aos partidos políticos plenas garantías para que así sexa.

Valoramos positivamente os apoios de todo tipo que recollemos estes días, e que a nosa esixencia sexa atendida. Nesta ocasión, a resposta que demos en todos os territorios do estado a unha medida que nos levaba de volta a 2018 foi necesaria para que un ataque ás pensións públicas desta natureza non se producise e conseguimos impedir que traspasasen unha liña vermella infranqueable. A mobilización, unha vez máis, foi a garantía para conseguiras as nosas reivindicacións, e facer rectificar a quen tentou vulnerar os nosos dereitos.

Queremos deixar claro que calquera intento de volver á situación anterior a 2018 é totalmente inaceptable e reafirmamos a nosa decidida vontade de saír á rúa para impedilo.

Conseguimos que se revaloricen as pensións, pero moitas reivindicacións urxentes e imprescindibles seguen vixentes e por iso imos seguir mobilizándonos o tempo que sexa necesario para conseguilas.

Hoxe tamén denunciamos de novo que no pleno do día 22 de xaneiro e nesa ocasión cos votos do PP sumados aos do PSOE, Sumar, ERC, PNV, CC e UPN, apróbasese o decreto 11/2024, (dando paso á tramitación de lei do decreto, no último momento) que pretende compensar baixos salarios e pensións compaxinando traballo e pensión mediante o aumento da idade de xubilación que pode chegar ata os 72 anos.

Esta lei, aínda que se di voluntaria, atrasará a idade de xubilación, en especial ás persoas con peores traballos (na súa maioría, mulleres), salarios e pensións ata equiparar idade de xubilación con esperanza de vida. Este decreto tamén supón para a mocidade retardar e dificultar a súa incorporación ao traballo, e fomenta a precarización das súas condicións laborais. Como xa dixemos no noso comunicado do 5 de agosto de 2024, isto tamén é inaceptable.

Por iso, seguiremos na rúa como o vimos facendo desde fai máis de sete anos, defendendo o Sistema Público de Pensións contra os intentos de privatlzación, opoñéndonos á prolongación da idade de xubilación, voluntaria ou non, esixindo o cumprimento da lei e a consecuente realización da auditoría das contas da Seguridade Social e a mellora substancial dos salarios, impedindo a perda de poder adquisitivo para garantir a dignidade das pensións públicas.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS E OS

DEREITOS SOCIAIS DEFÉNDENSE!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Nota de prensa da unidade de acción das plataformas e movementos de pensionistas de Pobos e Comunidades do Estado.

3 de febreiro de 2025

Tras coñecer que novamente está en vigor o incremento das pensións para 2025 así como outras medidas que forman parte do denominado escudo social deixamos sen efecto, de momento, as mobilizacións que anunciaramos no caso de que non se houbera reconducido a situación creada o pasado día 22 de xaneiro.

Con todo, as plataformas e movementos de pensionistas abaixo firmantes reiteramos a nosa indignación polo mal trato escenificado no Congreso dos Deputados: o incumprimento da lei contra un dereito fundamental, como a revalorización das pensións. Isto é algo que nunca máis debe repetirse, esiximos aos partidos políticos plenas garantías para que así sexa.

Valoramos positivamente os apoios de todo tipo que recollemos, e que a nosa esixencia fose atendida. Nesta ocasión, o facer pública a convocatoria de manifestacións masivas, a nivel de todos os territorios do Estado, conseguiu impedir que traspasasen unha liña vermella infranqueable. A mobilización, unha vez máis, foi a garantía para conseguir as nosas reivindicacións, e facer rectificar a quen tentou vulnerar os nosos dereitos. Queremos deixar claro que calquera intento de volver á situación anterior a 2018 é totalmente inaceptable e reafirmamos a nosa decidida vontade de saír á rúa para impedilo.

Denunciamos tamén que nese mesmo pleno do día 22 de xaneiro e nesa ocasión cos votos do PP sumados aos do PSOE, Sumar, ERC, PNV, CC e UPN, aprobásese o decreto 11/2024, que pretende compensar baixos salarios e pensións compaxinando traballo e pensión mediante o aumento da idade de xubilación que pode chegar ata os 72 anos.

Esta lei, aínda que se di voluntaria, atrasará a idade de xubilación, en especial ás persoas con peores traballos (na súa maioría, mulleres), salarios e pensións ata equiparar idade de xubilación con esperanza de vida. Este decreto tamén supón para a mocidade retardar e deificultar a súa incorporación ao traballo, e fomenta a precarización das súas condicións laborais. Como xa dixemos no noso comunicado do 5 de agosto de 2024, isto tamén é inaceptable.

Por iso, seguiremos na rúa como o vimos facendo desde fai máis de sete anos, defendendo o Sistema Público de Pensións contra os intentos de privatización, opoñéndonos á prolongación da idade de xubilación, voluntaria ou non, esixindo o cumprimento da lei e a consecuente realización da auditoría das contas da Seguridade Social e a mellora substancial dos salarios impedindo a perda de poder adquisitivo para garantir a dignidade das pensións públicas.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensións Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Ligazón ao documento Comunicado de U.A. 03-02-2025

Susto e aviso.

Estamos lendo o comunicado da Unidade de Acción (UA), que enlazamos, cando moitos de nós aínda temos o susto no corpo. Ao carallo a actualización das pensións deste ano!!!!. Ese 2,8% para as pensións contributivas, 6% para as pensións mínimas e as non contributivas e 9% para o Ingreso Mínimo Vital. E, o máis preocupante, a conciencia (os que aínda non eran, ou éramos, conscientes) de que están en perigo, que calquera goberno, con calquera desculpa (ou sen ela) pode tirar ao lixo o “incremento segundo o IPC”. Este ano ou calquera ano.

Este 22 de xaneiro quedará marcado como o día do susto aos pensionistas (houbo máis “trasacordos” graves, mais, agora, nós estamos a falar das pensións). Xuntáronse as dereitas: Vox, Junts, PP (xa sabemos como rima) para dar un aviso ao goberno no noso lombo.

E puideron facelo porque, como di o comunicado da UA “As pensións seguen sendo moeda de cambio e non un dereito básico fundamental”.

É un susto e é un aviso, máxime nas vésperas do mes de marzo deste ano cando, como sabemos, toca facer a avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social (disposición adicional 2ª do Real Decreto-lei 2/2023) e adoptar, segundo saia esa avaliación, un aumento dos ingresos, unha redución dos gastos, ou unha combinación de ambos. Un momento “perigoso” á vista da ansia dos nosos banqueiros por xestionar (e cobrar comisións) un sistema privado de pensións. (Ver análise sobre esa DA 2ª i).

Pois ben, Modepén e a UA dámonos por avisados.

Porque “Non imos aceptar nin un só paso atrás nin políticas respecto a as pensións como as adoptadas de 2011 a 2018”. E porque: “Se esta cuestión non está resolta satisfactoriamente antes do 20 de febreiro deste ano, o día 22 sairemos á rúa como o fixemos en xaneiro de 2018”.

Non imos aceptar nin un só paso atrás.

2025: Revalorización das pensións, pero ameazas no horizonte.

Comunicado da Unidade de Acción.

O comunicado da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas céntrase en:

      1)  O incremento das pensións para 2025.

     2)  A batalla polo relato sobre a suposta crise do sistema de pensións públicas.

     3) A necesidade dunha reforma fiscal.

   4)  A preocupación polo aviso de “autoridades competentes” respecto ao “estado de benestar” incluídas as pensións públicas.

     5)  A necesidade da mobilización.

1) As pensións revalorízanse nun 2,8%, ao aplicar a media do IPC dos doce meses anteriores a decembro de 2024, en lugar do IPC total anual. Isto supón recuperar un 0,4% sobre a inflación anual.

Sobre esta revalorización valórase: Que supón unha vitoria do movemento, pero que, ao tempo, significa unha perda acumulada desde o 2011. Que cómpre empezar o debate do concepto do custe da vida (mencionando o brutal incremento do prezo dos alimentos en relación ao IPC xeral) Que hai un empeoramento relativo das pensións mínimas respecto ao SMI e que non hai noticias sobre a reivindicación da derrogación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados. Por iso reivindícase:

Recuperar o poder adquisitivo das pensións demandando recuperar a paga compensatoria vixente ata o 2023. (paga compensatoria en xaneiro de 2025 do 4%).

Equiparar por lei as Pensións Mínimas ao 100% do SMI.

Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados.

2) Seguimos enfrontando o relato da suposta crise do sistema de pensións públicas. A pesar do informe do Tribunal de Contas, que estimou entre 1989 e 2018 gastos impropios da SS por un valor de 104 mil millóns de euros, do aumento da afiliación até máis de 21 millóns de traballadoras e traballadores e á espera da auditoría da Seguridade Social decidida na lei do ano 2021. A pesar de que hai recursos suficientes para mellorar e manter o sistema público de pensións, debemos estar atentos a marzo de 2025 cando a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social. Sabemos que hai forzas interesadas nun resultado negativo desa avaliación (ver: https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2024/09/Avaliacion-marzo-2025-Documento.pdf).

3) Esíxese unha reforma fiscal, para que paguen máis os que máis gañan e teñen para garantir os servizos públicos e o investimento produtivo para impulsar un modelo de desenvolvemento social e medioambiental eficiente e xusto. Igualmente é imprescindible unha mellora substancial de salarios e pensións, especialmente dos más baixos, e erradicar a fenda de xénero nos ingresos.

4) A Unidade de Acción observa con preocupación o marco internacional. Menciona as declaracións do novo secretario xeral da OTAN chamando a incrementar o gasto militar á conta de erosionar o gasto social e, explicitamente, as pensións, aínda máis preocupante porque non se escoitan voces contrarias desde as institucións. (https://es.euronews.com/my-europe/2024/12/12/rutte-pide-a-los-ciudadanos-europeos-sacrificios-para-aumentar-el-gasto-en-defensa )

5) Por todo isto a UA fai un chamamento ás persoas pensionistas en particular e á xente traballadora en xeral a preparar unha defensa activa dos nosos dereitos este ano que se abre. A unidade e a mobilización serán máis necesarias ca nunca.

Podemos acceder ao comunicado completo desde aquí.

A defensa das pensións públicas como un dereito adquirido de carácter salarial.

Na recente asemblea de Modepén do 21 de setembro deste ano acordouse engadir no documento “As ideas que nos unen” (que vén ser o noso programa) unha definición da natureza das pensións polas que loitamos. En concreto acordouse engadir os dous parágrafos seguintes (na asemblea quedou pendente dun maior debate un terceiro parágrafo):

– Entendemos que as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial derivado das contribucións realizadas a raíz da relación laboral que motivou as mesmas.

– Entendemos que as pensións non contributivas derivan do dereito humano a unha vida material digna, de especial relevancia en persoas que, precisamente por ser pensionistas por idade ou por discapacidade, non poden traballar.

Neste artigo, publicado no xornal dixital “Praza.gal”, o noso compañeiro Bieito Lorenzo publica para a súa difusión as que, na súa opinión, son as razóns que nos levaron a aprobar o primeiro parágrafo, o relativo ás pensións contributivas, deixando para un próximo artigo, as razóns do segundo.

Documento: A defensa das pensións públicas como un dereito adquirido de carácter salarial.

Aproveita a publicación do artigo para informar das seguintes datas de interese:

26 de decembro, manifestación en Madrid.

Marzo de 2025, cando se realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social prevista na Disposición Adicional Segunda do Real Decreto-Lei 2/2023.

A BATALLA POLAS PENSIÓNS DE MARZO DE 2025.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA DO REAL DECRETO-LEI 2/2023

Introdución

1º. As reformas do sistema de pensións de 2011 (R. Zapatero) e 2013 (M. Rajoy) tiñan como obxectivo reducir o gasto en pensións nas décadas futuras.

2º. Foron impulsadas desde a Troika (BCE, FMI, CE) como parte da política austericida que causou enormes danos sociais e económicos na Unión Europea, especialmente nos países do sur de Europa.

3º. A reforma de Rajoy concretou o Índice de Revalorización das Pensións (IRP) e o Factor de Sostibilidade (FS).

4º. O IRP introducía unha fórmula para o cálculo da subida anual das pensións que obrigaría a incrementos anuais do 0,25% durante moitos anos o que produciría unha importante perda de poder adquisitivo.

5º. O FS diminuiría o importe das pensións iniciais segundo aumentase a esperanza de vida.

6º. Ademais a reforma de 2011 atrasara a idade de xubilación até os 67 anos e prolongara o período de cálculo da pensión inicial ata 25 anos.

7º. Todas estas reformas serviron para limitar o crecemento das pensións iniciais de xubilación, de maneira que nalgúns anos foron inferiores en valor absoluto ás de anos anteriores e noutros o foron en valor real ao aumentar menos que a inflación.

7º. O informe sobre o envellecemento de 2021 (CE, The Ageing Report 2021) recollía o impacto destas reformas. O gasto en pensións como porcentaxe do PIB caería segundo avanzase o século XXI condenando ás futuras xeracións de pensionistas á xeneralización da pobreza.

8º. As mobilizacións de xaneiro de 2018 fixeron saltar polos aires o IRP e o FS. O movemento social en defensa do sistema público de pensións (MSDPP) derrotou temporalmente o proxecto das finanzas de reducir as pensións públicas para abrir paso aos fondos privados de capitalización.

9º. Así, o informe sobre o envellecemento de 2024 (CE, Axeing Report 2024) corrixía as previsións de 2021, previndo que o gasto en pensións como porcentaxe do PIB aumentará nas próximas décadas.

10º. En consecuencia, a batalla das forzas políticas e organismos partidarios da redución do gasto en pensións desprazouse á redacción e interpretación da Disposición Adicional Ssegunda (DA2ª) do Real decreto lei 2/2023.