MANIFESTO CONTRA O MALTRATO DAS PERSOAS MAIORES

POR UNHA VELLEZ DIGNA, RESIDENCIAS PÚBLICAS CON XESTIÓN PÚBLICA ESIXENTE E RESPONSABLE

ASINAN:

  •  Plataforma Pensionistas Compostela
  • MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
  •  Vellez Digna (Asociación galega de Familiares e Usuarios de Residencias)
  •  REDE (Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia)
  •  TREGA (Asociación de Traballadoras e Traballadores de Residencias)
  •  ASFAREBA (Asociación de Familiares da Residencia de Barreiro e das Residencias de DomusVi)
  • CRAPD (Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Públicas

O maltrato é unha violación dos dereitos humanos e civís dun individuo por calquera outra persoa ou institución, agravada sempre por producirse en situacións de vulnerabilidade. As institucións en xeral elaboran protocolos de actuación máis centrados no ámbito persoal que no público, malia ser neste ámbito realmente onde se producen con máis frecuencia, onde as institucións públicas teñen a responsabilidade máis directa.

O obxecto deste manifesto é denunciar ese maltrato ocultado e desgraciadamente normalizado, con políticas antisociais que constitúen en se mesmas un arquetipo organizado de abusos e desconsideracións gravísimas cara a persoas moi vulnerábeis e indefensas. Un maltrato estrutural que corrompe e envenena o sistema de coidados e asistencia a persoas maiores e persoas con discapacidade na Galiza, e que afecta en extremo ao deplorábel modelo de xestión das residencias:

A neglixencia, os abusos e o maltrato físico e psíquico, son intolerables. Porén, non son as únicas nin as máis comúns situacións de maltrato, aínda que moitas veces a propia Administración elude a súa responsabilidade descargando a culpa no persoal profesional que traballa nunhas condicións laborais inhumanas. Ten a súa orixe principal nas políticas sociais: con normativas deseñadas para o negocio do sector, coa ausencia de controles reais e incluso, con connivencia criminal da Administración responsable.

Cando faltan dispositivos sanitarios para a atención xeriátrica especializada, cando médicos e médicas lle achacan a idade calquera doenza, cando as residencias establecen normas ríxidas que producen despersonalización, cando se desprazan as persoas a residencias moi lonxe do seu espazo vital producindo desarraigo, Cando a xestión e administración dos coidados é neglixente, cando se produce o abuso en todas as súas formas, cando se infantiliza no trato e non se respecta a intimidade, cando se fai un uso indebido da contención física, cando se abusa da suxeición física e da suxeición química, cando se usan innecesariamente os apósitos de incontinencia, Cando hai uso inadecuado ou abuso de tratamentos que non potencian a saúde e minguan a autonomía persoal, cando se produce a estafa económica e a apropiación de bens aproveitando a incapacidade ou a vulnerabilidade das persoas… Tamén hai maltrato. Un maltrato do que é responsable a Administración Pública, o goberno da Xunta de Galiza neste caso.

O día internacional contra o maltrato das persoas de idade é un bo dia, por tanto, para denunciar todo o que está pasando nas Residencias de maiores e esixir a satisfacción dun dereito. Estamos falando dun dereito. Rexeitamos toda condescendencia que concibe os coidados como beneficencia. As persoas maiores non son: “os nosos maiores que traballaron moito os pobres”. Son simplemente persoas que aspiran con dereito a ter unha vellez activa e digna. En consecuencia RECLAMAMOS AO GOBERNO DA XUNTA DE GALIZA:

1) Un Plan integral de construción dos edificios públicos necesarios para cubrir as necesidades residenciais de todo o territorio de Galiza, RESIDENCIAS PÚBLICAS e CENTROS DE DIA, que evite o desarraigo das persoas maiores obrigadas a trasladarse a moitos quilómetros do seu entorno habitual e familiar por falta de prazas; acorde cos novos principios e estándares sobre a intimidade, humanización e calidade dos servizos, tanto asistenciais como médicos.

2) A asunción do acordo sobre criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) de 2022, do “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema de Autonomía y Atención a la Dependencia”. Trátase dun acordo que mellora substancialmente a orde de 1996 que sigue aplicando a Xunta, establecendo cuartos individuais e incremento substancial da rátium de persoal traballador por número de residentes. Un acordo moi de mínimos que debe interpretarse como un paso cara un sistema universal que garanta unha vellez digna.

3) A humanización dun modelo de servizos que garanta o envellecemento activo, o respecto as contornas de socialización e integración na comunidade veciñal das residencias. Co número suficiente de profesionais, tanto no ámbito sociosanitario como no dos coidados físicos. Acorde cos ditames e recomendacións que a Unión Europea realizou despois da experiencia da Pandemia do COVID19.

4) Investigación, explicación e asunción de responsabilidades polo espectáculo dantesco nas residencias durante a pandemia. Un abandono incomprensible e inhumano que non provocou nin reflexión nin preventiva rectificación. De nada serviron as reclamacións de colectivos sociais nin a grande cantidade de denuncias que a xustiza foi ensumindo no esquecemento. Unha infamia. Vulneración dos dereitos das persoas maiores, do dereito á información e á verdade: seguen sen investigarse, por tanto sen aclararse, as circunstancias que rodearon a morte de 964 persoas maiores nas residencias galegas. O dereito das vítimas e das súas familias foi violado. As vítimas e as súas familias necesitan o repouso digno que só pode vir pola investigación nos Xulgados, polas explicacións nos Parlamentos e pola asunción de responsabilidades.

5) A xestión pública esixente e responsable das Residencias, tamén as doadas pola Fundación Amancio Ortega, malia que nun exercicio perverso de confusión se presente á empresa concesionaria como “Entidade sen animo de lucro”. O desinterese, a neglixencia e o abandono actual contribúe eficazmente ao desprestixio do Servizo Público.

6) Que se realicen inspeccións eficientes e sen previo aviso. Actualmente o Plan de inspección de servizos sociais de Galicia para o ano 2023, contempla a comunicación das inspeccións aos servizos comunitarios.

7) Que se reformule o servizo do SAF, (SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR), destinado a dependentes e maiores en xeral. Reformulalo baixo o principio de universalidade e escoitando aos usuarios e aos concellos. Trátase dun servizo co que non están satisfeitos nin as persoas usuarias, nin as traballadoras, nin os concellos; as únicas que están satisfeitas son as grandes empresas do IBEX 35 que van acaparando mercado dos Servizos Públicos. Un negocio substancioso polo que presionan para privatizalos. Os recursos destinados actualmente son insuficientes para atender todas as necesidades dos fogares, mais son descomunais se consideramos a cantidade e a calidade dos servizos que prestan. Máis do 20% do orzamento queda no peto de empresas como CLECE, filial de ACS de Florentino Pérez ou de DomusVi, empresa de Yves Journel e dous fondos de inversión: Intermediate Capital Group (ICG) e Mérieux Equity Partners. Igual un xuiz non podería considerar isto malversación mais parecer parécese moito.

Non falamos so dun pé fundamental do chamado “Estado do Benestar”, falamos tamén de dereitos humanos. Algo que interpela a toda a sociedade, que nos interpela a todas e a todos. Apelamos con este manifesto á conciencia colectiva para unirse a nosa reclamación do dereito a un envellecemento activo, digno e humano. Os dereitos son conquistas, nunca foron concesións. É moi importante que a cidadanía se mobilice e se organiza para construír unha sociedade máis xusta e capaz de esixir os seus dereitos.

Documento do MANIFIESTO en Pdf.

MANIFESTO CONTRA O MALTRATO DAS PERSOAS MAIORES. POR UNHA VELLEZ DIGNA, RESIDENCIAS PÚBLICAS CON XESTIÓN PÚBLICA ESIXENTE E RESPONSABLE.

O 15 de xuño varias organizacións esiximos o dereito a un envellecemento activo, digno e humano.

O 15 de xuño é o día internacional contra o maltrato das persoas de idade. Con este motivo varias organizacións elaboramos un manifesto unitario.

No mesmo falamos dos maltratos como as violacións dos dereitos humanos e civís dun individuo por calquera outra persoa ou institución. Maltratos obvios e outros menos obvios, como a falta de dispositivos sanitarios para a atención xeriátrica especializada, as normas ríxidas e despersonalizadoras en residencias, o desarraigo por residencias afastadas do espazo vital propio, a infantilización, o uso indebido da contención ou a suxeición física ou química…

Denunciamos estes maltratos, ocultados e desgraciadamente normalizados, dos que é responsable o goberno da Xunta de Galiza. Maltratos que derivan, en último termo, de normativas deseñadas para o negocio do sector, da ausencia de controis reais e mesmo da connivencia criminal da Administración responsable. Uns maltratos que derivan da concepción dos coidados como Beneficencia e non como Dereito a un envellecemento activo, digno e humano.

En consecuencia no manifesto reclamamos 7 puntos ao goberno da Xunta de Galiza. Resumidamente:

1) Un Plan integral de construción de residencias públicas e centros de día que permita o seu uso dentro do entorno habitual e familiar e que cumpran os principios e estándares sobre a intimidade, humanización e calidade dos servizos, tanto asistenciais como médicos.

2) Que no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) a Xunta deixe xa de aplicar a orde de 1996 e asuma o acordo, moi de mínimos, de 2022 (enlace ao acordo na nota 1).

3) Un modelo de servizos co número suficiente de profesionais que garanta o envellecemento activo, o respecto as contornas de socialización e integración na comunidade veciñal das residencias.

4) Investigación e responsabilidades polo ocorrido nas residencias durante a pandemia.

5) A xestión pública das Residencias, incluídas as doadas pola Fundación Amancio Ortega.

6) Que se realicen inspeccións eficientes e sen previo aviso.

7) Que se reformule o servizo o Servizo de Axuda no Fogar baixo o principio de universalidade. Un servizo actualmente insatisfactorio para as persoas usuarias, as traballadoras e os concellos, pero satisfactorio para as grandes empresas do IBEX 35 que o ven só como un mercado e non como un dereito.

Un manifesto no que apelamos á conciencia colectiva para reclamar, non só un pé fundamental do “Estado do Benestar”, senón un Dereito: A un envellecemento activo, digno e humano.

Un manifesto asinado por: Plataforma Pensionistas Compostela. MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos). Vellez Digna (Asociación galega de Familiares e Usuarios de Residencias). REDE (Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia). TREGA (Asociación de Traballadoras e Traballadores de Residencias). ASFAREBA (Asociación de Familiares da Residencia de Barreiro e das Residencias de DomusVi). CRAPD (Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Públicas).

O Manifesto faraise público cando sea presentado por los firmantes.

(Nota 1) “Criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD)” de 2022, do “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema de Autonomía y Atención a la Dependencia” https://www.mdsocialesa2030.gob.es/derechos-sociales/servicios-sociales/docs/AcuerdoSAAD.pdf.

Adxudicada a Xestión das residencias “doadas” por Amancio Ortega aplicando a normativa do ano 1996.

A propia Xunta cifra en 5.000 as camas dispoñíbeis en centros públicos. Nos privados hai case 17.000 prazas. Como apunta Transi Fernández (CIG). “A Consellaría de Política Social mantense nesa aposta malia que está máis que demostrado que privatizar, tamén a xestión, implica peor servizo”. Pódese ler neste artigo en Nósdiario (1) (10-11-2023), onde tamén se indicaba que “non é de recibo” que estes centros (referíndose ás residencia “doadas” por Amancio Ortega) acaben sendo de xestión privada “cando a Consellaría de Política Social presume de que vai ter un orzamento para 2024 máis alto que nunca” ao superar os 1.200 millóns de euros.

Pois si van ser de xestión privada. Polo menos dúas.. Acaban de adxudicarse as de Santiago e Lugo como podemos ler na nova de praza.gal (2) (02-03-2024). E unha das sorpresas é que terán apenas 37 traballadoras por cada 100 persoas residentes (rateo 0,37), só dúas máis do mínimo esixido pola normativa galega, que data de 1996.

As tres fundacións concursantes ofertaron para os diferentes criterios valorábeis melloras mínimas (com rateos no caso do persoal de 0,37 a 0,39), agás no custo das prazas, onde si que houbo diferencias decisivas (bem imaxinamos quen imos sufrir o recorte).

Lembremos que en 2022, tras a pandemia da COVID, o Goberno de España, comunidades autónomas e entidades do sector acordaron novas referencias mínimas de persoal máis elevadas a nivel estatal, pero a Xunta rexeitounas co argumento de que suporía pechar moitos centros “especialmente no rural”.

A Consellería de Política Social ratifica agora que “ao votar en contra de dito modelo, Galicia non ten que aplicalo“, e esa non ratificación serve agora para que estas 2 residencias, malia ser, por outro lado, urbanas e novas, teñan unha ratio “do século pasado”.

O documento de 2022 fixaba unha folla de ruta de rateos en progresivo incremento durante os próximos anos, estabelecendo para o 31 de decembro de 2023 e para residencias de persoas con discapacidade, como é o caso das dúas novas da Xunta, un rateo de 0,42 para persoal coidador, xerocultor ou similar e de 0,50 para “persoal de atención directa conxunta”, con aumentos en anos sucesivos (segundo se ve no próprio artigo) que tampouco non se van cumprir.

1) Nós diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/xunta-reduce-baixo-20-peso-publico-nas-residencias/20231110205128182038.html

2) Praza.gal: https://praza.gal/politica/residencias-de-2024-atencion-dos-90-37-traballadoras-para-cen-ancians-nos-centros-doados-por-amancio-ortega

Pechada en falso a investigación sobre as supostas filtracións das datas nas que as residencias de maiores ían recibir visitas por parte dos servizos de inspección.

Os colectivos TreGa (Traballadoras de Residencias Galegas), Modepen (Movemento Galego pola Defensa dás Pensións e os Servizos Públicos) e a Asociación Vellez Digna consideran que a Xunta “pechou en falso” a investigación interna sobre as supostas filtracións das datas nas que as residencias de maiores ían recibir visitas por parte dos servizos de inspección.1

Consideramos de interese o que informaba el “ElDiario.es o 30-11-2023 2As investigacións internas realizáronse mediante un procedemento de información reservada que, segundo aclarou, “non ten carácter sancionador”, nin se dirixe a “ningunha persoa” en concreto, nin “substitúe” o procedemento que impoñería sancións no caso de detectar irregularidades”. Pola forma en que se fixo, cremos que é lexítimo preguntarse se non se terá entrevistado aos inspectores entre “ameazas veladas” de posíbeis expedientes sancionadores (Ver, por exemplo, este artigo do 05-10-2023 de Público.es3A Xunta abre dilixencias contra os inspectores de residencia que denunciaron “chivatazos” de altos cargos”.

Porque a “inspección interna” centrouse nos denunciantes e non nos feitos denunciados. De feito unha das poucas “probas” externas que podemos ler no artigo citado en “eldiario.es, é “que os cambios no sistema de inspección implantados “con carácter experimental” non tiveron incidencia “no número de expedientes sancionadores”””, algo que, por certo, xa adiantaban os inspectores na súa denuncia, como se pode ler en praza.gal4 na noticia inicial do caso do 08-08-2023 “Fontes de persoal da inspección aseguran que moitas das sancións que se ergueron nos últimos meses foron “daquela maneira” e que “moitas levaban meses gardadas en caixóns”. “Pasadas as últimas eleccións autonómicas e logo de tantas polémicas na etapa da pandemia, empezaron a tramitarse expedientes”.

Como di o comunicado de TreGa, Modepen e Vellez Digna: “Esta investigación pechouse en falso, con falsas conclusións, non se buscou en ningún momento esclarecer a verdade dos feitos senón o lavado de cara da Consellería” een ningún momento se chamou a declarar a ningunha traballadora nin a ningún familiar, usuarios, pensionistas ou asociacións de veciños” que “levan anos” denunciando estas prácticas.

Así as cousas, TreGa, Modepen e Vellez Digna cren que a Xunta busca “facer inoperativo” o servizo de inspección para garantir “a impunidade” das empresas que promoven e xestionan as residencias.

Carta á cidadanía: Outro modelo de residencias é posible

Outro modelo de residencias é posible

O sábado 17 de outubro celebrouse en Madrid, cunha ampla asistencia, á manifestación convocada pola Plataforma estatal de organizacións de familiares e usuarias de residencias. Neste enlace podedes ler a “Carta á cidadanía” que serviu de convocatoria.

Modepen apoiamos o contido da carta, pois, como se di na mesma, estamos nun momento crucial xa que as Comunidades Autónomas, que teñen a competencia nesta materia, terán que elaborar nos próximos meses as novas normativas que rexerán o funcionamento das residencias. É, por tanto, o momento de evitar que se perpetúe o sistema que se saldou co falecemento de 35.000 persoas maiores nas residencias do Estado español pola COVID-19 .

Neste senso a Plataforma, aínda que valora positivamente as melloras que achega o “Acordo sobre Criterios Comúns de Acreditación e Calidade dos Centros e Servizos da Dependencia” aprobado o pasado 28 de xuño no Consello Territorial que reúne ao Goberno central e as Comunidades Autónomas, considera que o documento non garante o cambio de modelo, non asegura coidados dignos e de calidade e que boa parte das demandas prioritarias dos familiares e dos usuarios non se tiveron en conta. En concreto:

– A ratio (0,43) de persoal coidador (xerocultoras o auxiliares) segue a ser insuficiente. Pídese o 1,13, ou sexa 1 traballador/a por cada 4 residentes nas quendas de mañá e de tarde e de 1 por cada 10 no de noite.

– Non se considera o reforzo do número de inspectores, nin se estabelecen órganos de representación coa participación de familiares.

– Non é obrigatorio elaborar en todas as CCAA plans de creación de residencias públicas

– Non desaparecerán as macro-residencias.

En definitiva, trátase de loitar por un novo modelo de funcionamento das residencias e dos demais servizos da Dependencia, no que é inescusable a participación activa de usuarias, familiares e traballadoras, como lexítimos representantes da cidadanía. Un novo modelo onde a iniciativa pública sexa sólida, onde os servizos se ofrezan no ámbito familiar, ben financiados, de calidade suficiente, dotados de persoal adecuado en número e formación, e a un prezo razoable para a realidade actual das pensións.

LIGAZÓN A O TEXTO DA CARTA.

Entrevista ao Presidente da Federación galega de organizacións de familiares e usuarias (REDE) e portavoz da Plataforma.

Crónica da Manifestación.

Modepen apoiou a manifestación convocada pola PLATAFORMA SAF (Servizo de Atención a Dependentes no Fogar) de Galiza por un CONVENIO DIGNO.

Modepen estivo na manifestación convocada pola PLATAFORMA SAF (Servizo de Atención a Dependentes no Fogar) de Galiza co apoio de diferentes Colectivos Sociais, Partidos Políticos e Sindicatos, por un CONVENIO DIGNO.

Como dicían na convocatoria: “Facemos os nosos Servizos con Persoas Dependentes con profesionalidade, responsabilidade e vocación polo que os nosos dereitos teñen que ser cumpridos.”

Levan xa DEZ ANOS sen que a Confederación de empresarios do sector teñan ningunha intención de sentarse a negociar.

Nesta entrevista Gonzalo Balo, presidente de Modepen explica os motivos da nosa presencia.

Entrevista a Gonzalo Balo, presidente de Modepen que explica os motivos da nosa presencia.