Somos un colectivo de persoas fondamente preocupadas pola deriva que se está a producir no Sistema Público de Pensións.
Estamos asociándonos para, de forma organizada, loitar contra as medidas antisociais tomadas ata agora polos gobernos, claramente dirixidas á desaparición deste Sistema, e encamiñadas a favorecer plans de pensións privados para beneficio do seus amigos da banca e das grandes aseguradoras, en prexuízo da clase traballadora, que en moitos casos, se non lle poñemos remedio, nos levarán a subsistir coas axudas da beneficiencia.
Falamos dun colectivo solidariamente organizado, plenamente democrático, asambleario e participativo. Fóra de todo sometemento a ningunha instancia partidaria, institucional ou patronal, pero abertos á máis estreita colaboración solidaria con todo colectivo humano disposto a defender consecuentemente a xustiza social e unha vida digna para toda a humanidade.
Porque cremos na solidaridade de clase, no apoio interxerenacional e na concilición da vida laboral e familiar, defendemos un sistema público de pensions, de reparto, igualitario, digno e universal.
Coas movilizacions dos pensionistas consegiuse que a suba das pensións dos anos 2018 e 2019 fose dun 1,6% e as mínimas do 3% e non o miserable 0,25%, xa que a reforma do 2013 do goberno do PP sigue sen derogar. Por iso, GOBERNE QUE GOBERNE, seguiremos na rúa loitando polas pensións públicas.
Obxectivos
O Movemento Galego pola Defenda do Sistema Público de Pensións (MODEPEN), ten como fin a defensa do dereito de tódalas persoas xubiladas, actuais e futuras, a percepción dunha pensión pública que lle permita, despois dunha longa etapa laboral, vivir con dignidade os últimos anos da sua vida. Estamos constituidos a nivel galego pero colaboramos a través da Coordinadora Estatal con outros colectivos do estado para conseguir entre tod@s, revertir a situación de miseria na que nos meteron o poder político e económico con esta estafa chamada crise, que afecta directamente a 9.400.000 persoas e indirectamente ao 25% dos fogares que dependen das aportacións dos pensionistas para que os fillos e netos poidan chegar a fin de mes.