24 de outubro de 2026
O día 24 de outubro de 2026 manifestámonos en Madrid cargados de razóns para defender os dereitos que nestes últimos oito anos conseguimos, e para esixir ao goberno que dea resposta posivas ás nosas demandas pendentes.
No mes de xuño fixemos pública a nosa posición respecto ao último informe da AIReF sobre a súa avaliación do SPP, un informe que confirmaba que non era necesario adoptar novas medidas de axuste para garantizar o Sistema Público de Pensións, pero dirixíase ao goberno para que cambiase a Lei co fin de que o diñeiro das pensións se utilizara tamén para reducir o déficit público derivado dunha política fiscal que beneficia aos ricos ou para financiar o incremento do gasto en defensa.
Hoxe nesta manifestación o repetimos máis alto e máis claro. Nin o permitimos en 2018, nin en 2026 nin o permitiremos en 2027, goberne quen goberne. As nosas pensións son parte do noso salario e non toleraremos que se reduzan para que uns poucos sigan facendo negocio coas guerras, especulen coas materias primas e os prezos e batan marcas históricas de beneficios. A acumulación e concentración de riqueza cada vez en menos mans está na orixe das guerras e na lei do máis forte cuxo expoñente máis cruel é o xenocidio sionista en Palestina.
Non imos aceptar cambiar pensións por armas.
Hoxe nesta manifestación dirixímonos publicamente ao goberno, porque ata a data non recibimos resposta ás cartas que facendo uso do dereito de petición recollido na Lei Orgánica 4/2001 enviamos á ministra Elma Sáiz, Félix Bolaños e Carlos Cuerpo o 27 de xullo deste ano. Nesas cartas demandabámoslles modificar o DL 2/2023 para igualar a Pensión Mínima ao SMI neto, eliminando a referencia ao limiar da pobreza, a revalorización das pensións en función do IPC real e o restablecemento da paga compensatoria do poder adquisitivo perdido a final de cada ano.
O tempo pasa e as oportunidades pérdense e hoxe, en outubro, as persoa pensionistas temos menos capacidade de compra que en xaneiro e a pensión, para o 51,3% das persoas pensionistas non nos permite chegar a final de mes e garantizar unha alimentación sa, a saúde, os servizos de coidados que necesitamos ou unha vivenda confortable. O dato demoledor da subida do IPC en setembro nun 4,9% (e todo indica que vai en aumento) empobrece severamente a vida das persoas máis vulnerables. Non aceptamos que pola vía do incremento dos prezos os oligopolios financeiros, as empresas enerxéticas, os fondos voitre e as grandes cadeas de distribución metan a man nos nosos petos para seguir, ano tras ano, batendo récords de beneficios. Tampouco toleramos a prívatización das pensións nin os Plans privados de empresa (PPEs).
Todas e todos nós instamos publicamente ao Goberno a que antes de que finalice o ano garantan por lei:
1. Equiparar a Pensión Mínima co Salario Mínimo Interprofesional neto e, desta forma, reducir a enorme e vergoñenta brecha de xénero nas pensións.
2. Compensar a perda do poder adquisitivo das pensións, incrementándoas en función do IPC real e recuperando a paga compensatoria de final de ano existente antes da reforma do 2021.
3. Así mesmo débense derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con corenta ou máis anos cotizados. Esta, é unha reivindicación do movemento pensionista que a través de ASJUBI40 chegou ao congreso para o seu debate. Esta esixencia fai xustiza con miles de pensionistas castigados para sempre, tras toda unha vida de traballo. Urxe convertir esta proposta parlamentaria nunha realidade definitiva. Unha vez máis temos que dicir que loitar merece a pena.
4. Presentar a auditoría das contas da Seguridade Social recollida na lei e aínda non realizada.
Depende da vontade política dos gobernos e do poder lexislativo que isto sexa posible. Só fai falta valor e vontade política para facelo.
Así mesmo, as organizacións de pensionistas que formamos parte da Unidade de Acción apoiamos todas as mobilizacións que teñen o común denominador da repartición equitativa da riqueza e garantizar dereitos sociais básicos para todas as persoas. Garantizar o dereito á vivenda, defender a sanidade e educación públicas e os servizos de coidados públicos e comunitarios, incrementar o poder adquisitivo dos salarios, mellorar as condicións de traballo e defender as liberdades democráticas son parte da mesma resistencia popular. Identificámonos coas mobilizacións para acabar co negocio da vivenda e os fondos voitre (con frecuencia vinculados aos fondos privados de pensións) que o fomentan e mostramos a nosa solidariedade e apoio ás persoas que son expulsadas das súas casas utilizando a violencia e vulnerando o dereito básico a unha vivenda e á propia vida. A vivenda non é un produto financeiro, é un dereito.
En defensa do dereito a teito, de salarios e pensións dignas APOIAMOS ACTIVAMENTE A FOLGA XERAL CONVOCADA POLOS SINDICATOS O DÍA 11 DE NOVEMBRO. A LOITA E A MOBILIZACIÓN É A NOSA GARANTÍA PARA DEFENDER E CONQUISTAR DEREITOS E GARANTIR A TODAS AS PERSOAS UNHAS CONDICIÓNS DE VIDA DIGNAS.
As organizacións pensionistas asinantes de Unidade de Acción, facemos un chamamento á participación nas mobilizacións que se van a seguir desenvolvendo, reforzando a unidade de acción con todas as organizacións sociais, insistindo na especial coincidencia de intereses coa mocidade e a clase traballadora, co común denominador de esixencia de salarios, vivenda e pensións públicas dignas, reafirmándonos que a mobilización da maioría da sociedade é o factor determinante para avanzar en dereitos e liberdades democráticas, pechando o paso así á onda de conservadorismo que percorre o mundo.
GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE
ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa do Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa dás Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…