Organizacións sociais, políticas e sindicais alertan da situación de emerxencia na que se atopa o sistema de dependencia en Galiza

Compostela, 22 de setembro de 2025.- Organizacións sociais, políticas e sindicais presentaron esta mañá, en rolda de prensa a Plataforma por unha Atención Digna á Dependencia “Emerxencia, Dependencia”, para facer fronte común á necesidade dunha atención digna á dependencia a través dun sistema público galego forte.

ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (Colexio de Psicoloxía), COTOGA (Colexio de Terapia Ocupacional), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN, SINDICATO LABREGO GALEGO, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma “Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.

Con este motivo anunciaron que se solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e máis cos grupos parlamentarios, para que inclúan estas propostas como emendas nos orzamentos da Xunta para 2026, ademais da convocatoria dunha mobilización para o día 17 de novembro, coincidindo co debate das emendas á totalidade dos orzamentos.

Manifesto presentación da plataforma “Emerxencia, Dependencia”

NosDiario: Organizacions sociais e politicas lanzan a plataforma “Emerxencia, Dependencia” para denunciar situacion critica do sistema en Galiza

Praza.gal: O “colapso” na dependencia leva á creación dunha “fronte común” sindical, social e política

RNE Galicia – Presentación da plataforma “Emerxencia, Dependencia”

Comunicado da U.A. do Movemento Pensionista: ¡¡¡PAREMOS O XENOCIDIO DE GAZA !!!

26 de maio 2025

Desde hai case 22 meses, o mundo é testigo dun dos maiores crimes da historia recente da humanidade. O pobo palestino, espoliado desde hai décadas pola ocupación colonial en Gaza e Cisxordania, agora é vítima, na Franxa de Gaza, dunha especie de solución final”: un xenocidio en vivo que se desenvolve diante dos nosos ollos, por parte do exército de ocupación israelí, co apoio activo de EEUU e outras potencias occidentais, e a complicidade da maioría dos países árabes da zona. Segundo o reconto oficial de vítimas desta masacre, xa son máis de 55.000 as persoas asasinadas desde outubro de 2023.

Pero a traxedia é, sen dúbida, moito maior do que indican as cifras. Porque as vítimas contabilizadas oficialmente, o son a través dos corpos recuperados, pero non se contan os cadáveres sepultados baixo as ruínas dos edificios e casas bombardeadas (a maioría das existentes). Corpos que non se puideron recuperar nin identificar, polo que a cantidade real de vítimas será con seguridade moi superior, sen dúbida unha cifra de dimensións horribles.

Ademais e especificamente, máis de 20.000 desas vítimas son nenas e nenos (máis de 1.100 menores de 1 ano), o que confire ao monstruoso crime perpetrado polo exército de Netanyahu nun infanticidio planificado, o maior da historia da humanidade que se lembra. Eses miles de vítimas inocentes e indefensas, ademais doutros miles de criaturas mutiladas ou traumatizadas para sempre, converte a traxedia de Gaza nun golpe moral dificilmente soportable para calquera persoa cun mínimo de humanidade e sentimentos.

Tampouco podemos pararnos na mera dimensión cuantitativa das vítimas palestinas. Non esquezamos que cada unha desas persoas asasinadas polo exército sionista era unha vida humana, como a nosa, e tiñan o mesmo dereito á liberdade e a dignidade coma nós, os nosos familiares ou os nosos amigos. Cada un deses nenos e nenas asasinados polas bombas de Israel eran vidas tan preciosas como a dos nosos propios fillos, fillas ou netos. Vidas inocentes, segadas pola barbarie. É dificilmente imaxinable o horror e o sufrimento de quen ve os corpos esnaquizados dos seus fillos e fillas, pero non por iso debemos deixar de tentar poñernos no seu lugar, compartindo a súa dor, aínda que só sexa por un momento. O que está a suceder en Palestina e en Gaza interpélanos a toda a humanidade.

Ninguén de nós podería imaxinar, non fai tanto, que cousas como estas puidesen ocorrer en pleno século XXI, pero están a suceder. Nun marco de destrución total, o exército sionista reduciu a entullos casas, escolas, hospitais, instalacións administrativas ou de servizos básicos, como a auga. Están utilizando a fame, a sede e a falta de atención sanitaria como arma de exterminio. Actualmente hai máis de 15.000 bebés a piques de morrer de fame.

Non podemos mirar cara a outro lado, porque os nosos irmáns e irmás palestinas reclámannolo, e porque por conciencia temos a obrigación de tentar parar o xenocidio. Ademais, ninguén nos garante que a barbarie coa que hoxe se asasina a poboación gazatí e palestina, non poida aplicarse, nun futuro incerto, a quen se opoña aos plans dos poderosos, por exemplo nós mesmas.

Por todo iso, desde os movementos e plataformas pensionistas dos pobos e comunidades do Estado español, esiximos:

  • O fin do xenocidio en curso sobre Gaza, así como que acabe xa a ocupación colonial da terra palestina.

  • A entrada inmediata en Gaza de toda a axuda humanitaria para atender as necesidades máis urxentes: alimentación, auga, atención sanitaria e equipos de emerxencia.

  • A detención e posta ao dispor diante dos tribunais internacionais, dos responsables do goberno e do exército de Israel, autores destes horrendos crimes, empezando polo primeiro ministro Benjamín Netanyahu.

  • Mentres dure o xenocidio, a ruptura total de relacións diplomáticas, comerciais culturais e deportivas co ente sionista. É vital, para deter o masacre, que se leve a cabo un boicot real da subministración de material militar, así como a suspensión do comercio de armas con Israel.

  • Neste sentido, demandamos do Goberno español que acompañe as súas declaracións de boas intencións, que valoramos, con feitos concretos e prácticos, como o inmediato embargo de armas, a cancelación dos contratos de defensa con empresas sionistas, ou a negativa á utilización dos portos do Estado español como escala de material bélico para alimentar o xenocidio sobre Gaza e Palestina.

Desde aquí chamamos ás compañeiras e compañeiros pensionistas para que unamos as nosas forzas e sumémonos ás manifestacións e actividades en solidariedade co pobo palestino, que se están convocando en todos os territorios do Estado. Habemos de conseguir parar o xenocidio en Gaza, e tamén os asasinatos e o espolio en Cisxordania. E que o pobo irmán de Palestina poida decidir o seu futuro en paz e liberdade.

GAZA SOMOS TOD@S!! VIVA PALESTINA LIBRE!!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Modepen apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 06-04-2025.

Por terceiro ano consecutivo SOS Sanidade Pública convoca a todos/as os/as galegos/as a saír á rúa o vindeiro 6 de abril, ás doce horas, en Compostela1 esixindo “MÁIS SANIDADE PÚBLICA”.

Desde Modepen apoiamos esta convocatoria porque, como deciamos hai practicamente un ano, “a Sanidade Pública Galega segue en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque segue a ser necesaria “unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Este ano a convocatoria céntrase nos seguintes puntos:

MÁIS ATENCIÓN PRIMARIA

Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas máximo, con consultas presenciais a solicitude do paciente. Reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

MÁIS ATENCIÓN HOSPITALARIA

Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde. Recuperar os recortes nos hospitais comarcais. Acabar coa política de concertación coa privada e restitución ao sistema público dos centros privatizados. Plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas. Reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto infanto-xuvenil. Acabar coa precariedade laboral do persoal. Esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

MÁIS SANIDADE PÚBLICA

Incrementar o orzamento sanitario público. Elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades. Recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas. Potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.

Bulos, trolas e mentiras flagrantes

Moi mal van as cousas para que en Modepén teñamos que asinar manifestos como o de “apoio ao científico Fernando Valladares e ao resto de persoas, colectivos e entidades que están a ser acosadas por amosar as numerosas evidencias do cambio climático”. Un manifesto que naceu xa coa adhesión de 850 entidades, asociacións ou colectivos e a que nos estamos sumando máis, entre elas, como dicimos, MODEPEN (o prazo de adhesións é ata o 28 de novembro). (https://fnca.eu/74-fundacion/1814-manifiesto-en-apoyo-a-fernando-valladare)

Moi mal van as cousas para que Maldita.es, a páxina web especializada en investigar e desenmascarar bulos, trolas e mentiras flagrantes e interesadas, estea estes días batendo récords de análises, chegando a ter que abrir unha páxina específica con información (máis ben anti-desinformación) actualizada sobre a DANA: (https://maldita.es/clima/20241030/dana-consecuencias-este-sur-victimas-bulos/ )

E non é que de súpeto nos volvesemos todos contadores de bulos, trolas e mentiras flagrantes. Os responsábeis son uns poucos, por razóns de lucro, protagonismo ou “política” (se a iso se lle pode chamar política) e todos coñecemos e sabemos de algúns. E hai tamén uns responsábeis especiais, os propietarios das redes sociais centralizadas (Tick.Tock, Instagram, Facebook, X-twitter…) eses magnates e mangantes que viven mellor (aínda) grazas a eses bulos, trolas e mentiras flagrantes, como denuncian neste artigo, tamén de maldita.es, centrado na DANA pero que sabemos que se pode extrapolar a calquera situación que lles dea pé, se ben é certo que utilizar a traxedia de Valencia o fai máis despreciábel. (https://maldita.es/malditatecnologia/20241119/desinformacion-dana-respuesta-plataformas-redes-sociales/)

Unha situación que tampouco é totalmente nova, certamente. Por exemplo, en Modepén coñecemos ben un vídeo de hai uns anos, pero que sigue a rolar, e que utiliza imaxes nosas e de outras organizacións de pensionistas para engadirlle un audio contrario ás nosas ideas e claramente manipulador e fascista. Reproducimos a súa imaxe inicial (e evidentemente rogamos non difundilo e si denuncialo)

Pero aínda que estas “mentiras ” leven tempo entre nós e aínda que lle podamos atopar semellanzas a contos máis antigos como o das meigas, o certo é que neste momento están a acadar niveis moi preocupantes. E que tantas mentiras non poden ser casuais, nin deberse unicamente as novas tecnoloxías, que certamente favorecen a súa propagación. Nin tampouco se deben só a intereses de protagonismo ou de lucro de algúns desalmados. Hai uns intereses de desestabilización política, de potenciar á extrema dereita, contra os que temos que estar alerta e aos que temos que denunciar.

SINDICALISMO NON É DELITO. SOLIDARIDADE COAS 6 DA SUIZA.

Comunicado da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas

1 de xullo de 2024

As Plataformas e Movementos de pensionistas dos pobos e comunidades do Estado vemos con indignación a crecente onda de represión sobre os movementos sociais e os dereitos á manifestación e a protesta.

Comezamos por manifestar o noso rexeitamento á sentenza de condena a tres anos e medio (e unha indemnización de 125.428 euros para o empresario) contra seis traballadoras polas concentracións que se sucederon nun conflito laboral coa empresa A Suíza, pastelería de Xixón. Nunha nova sentenza contra a liberdade sindical e as liberdades democráticas, o Tribunal Supremo, sala segunda presidida por Manuel Marchena, rexeitou o recurso de casación que interpuxo o sindicato CNT, e ratifica dita condena.

Os feitos denunciados consistían en manifestarse fronte á pastelería, utilizando megafonía informando do conflito e chamando á solidariedade. Despois do calvario de máis de 7 anos do proceso, son condenadas, establecendo un perigoso precedente, pois abre unha vía de privación de liberdade ás persoas que se resistan ás actitudes caciquís de calquera empresa.

Facer sindicalismo, non pode ser considerado un delito. Desde o noso Movemento mostramos o noso respaldo cara aos e as sindicalistas combativas e as súas organizacións así como cos movementos sociais que se manifestan nas rúas. E seguiremos mostrando o noso rexeitamento ás accións que pretenden coartar as liberdades da cidadanía. Por ese motivo esiximos a Derrogación da Lei mordaza, e a liberdade sindical absoluta.

Tamén rexeitamos as represalias dirixidas contra dúas compañeiras pensionistas de Alcalá de Henares, por aplicación da nefasta Lei Mordaza e esiximos o peche do expediente sancionador levado a cabo contra elas na concentración dos Luns ao Sol, e o xuízo pendente a outras tres sindicalistas do SAT por protestar polo despedimento dunha delegada sindical, que se unen á larguísima lista de persoas represaliadas en aplicación da “Lei Mordaza”.

Non podemos esquecer tampouco aos 6 de Zaragoza, uns mozos antifascistas que xa están no cárcere por manifestarse contra os fascistas de VOX. Nunca seremos unha democracia plena si se castiga aos que protestan contra os autoritarios herdeiros do franquismo. Vaia pois, a nosa solidariedade e apoio con estes mozos.

O movemento pensionista somos parte da clase traballadora, e as nosas reivindicacións van indisolublemente ligadas aos dereitos e liberdades laborais, salariais e sindicais. Por iso facemos un chamamento á solidariedade con todas as compañeiras e compañeiros que están a sufrir represión xudicial, policial ou administrativa por exercer os seus dereitos.

Podes mostrar o teu apoio ás 6 da Suíza, asinando este manifesto: hcps://www.cnt.es/noocias/sumate-ao-apoio-a-as-compas-de-a-suíza/

SE NOS TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODAS

GOBERNE QUEN GOBERNE, OS DEREITOS E AS PENSIÓNS PÚBLICAS DEFÉNDENSE

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Moviminto Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa dás Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

 

ENCONTRO DE PLATAFORMAS E SINDICATOS DE PENSIONISTAS. POLA EUROPA SOCIAL E DOS POBOS. PENSIÓNS PÚBLICAS DIGNAS E SUFICIENTES.

As plataformas e movementos de pensionistas e as organizacións sindicais que subscriben este comunicado, pertencentes a diferentes pobos da UE, valoramos positivamente o encontro realizado en Bilbao (Euskal Herria) e facemos pública a nosa determinación de facer fronte de maneira compartida ás reformas dos sistemas de pensións que se están impondo tanto desde as directivas e recomendacións da Comisión Europea como desde os Estados.

Aínda que a situación dos sistemas de pensións nos diferentes pobos europeos non é homoxénea, coincidimos en que as reformas que se están impondo en relación coas pensións e os sistemas públicos de repartición caracterízanse polos seguintes elementos:

  1. Redución progresiva das prestacións dos sistemas públicos de pensións (SPP), consecuencia tanto da perda do poder adquisitivo dos salarios e o aumento da precarización do emprego como das reformas lexislativas que elevan a idade necesaria para acceder á xubilación, aumentan os períodos de cálculo das pensións, introducen factores chamados de sustenibilidade que reducen as pensións iniciais, etc.
  2. Establecemento de pensións mínimas moi insuficientes cada vez máis desvinculadas dos salarios mínimos en vigor en cada Estado. Salarios mínimos que incumpren a recente Directiva da Unión Europea 2022/2041, xa de por si pouco exixente.
  3. Perpetuación da brecha de xénero, que se sitúa entre o 30% e 40% debido á escasa envergadura das medidas adoptadas para eliminala.
  4. Redución da taxa de reemprazo das pensións e aumento das variaxes fiscais e de cotizacións sociais para promocionar as pensións privadas.
  5. Cada vez maior número de pensionistas en Europa ven como as súas condicións de vida empeoran e vese obrigados a complementar a súa pensión prolongando a súa vida laboral en precariedade.
  6. En definitiva, a voracidade neoliberal para incrementar os beneficios empresariais acentúa o desigual reparto da riqueza producida por traballadoras e traballadores, base do denominado estado de benestar, incrementando os prezos de mercadorías e servizos, reducindo salarios e pensións e utilizando recursos públicos para mellorar a súa conta de resultados.

Tralos debates mantidos no encontro, demandamos:

1.- Derrogar os aspectos regresivos das reformas que recortan os nosos dereitos e pensións e de maneira especial o aumento dos anos necesarios para acceder á xubilación, a perda do poder adquisitivo das pensións e o empeoramento das condicións para acceder á porcentaxe máxima posible da pensión.

2.- Garantir o SPP de repartición e ingresos suficientes en cada un dos pobos europeos que lles permitan ás persoas pensionistas acceder a unhas condicións de vida dignas e aumentar as taxas de remprazo entre salario e pensión, especialmente dos salarios máis baixos, que en xeral van asociados a traballos máis penosos e insalubres e, con iso, de menor esperanza media de vida e peor saúde.

3.- Medidas efectivas para eliminar a brecha de xénero en salarios e pensións, tanto no ámbito laboral, como o da protección social e de pensións.

Creación dun programa efectivo para conseguir a equidade de xénero nas pensións.

Aínda que a equidade de xénero é un dos principios fundamentais da UE e o principio de igualdade de remuneración polo mesmo traballo introduciuse hai máis de 60 anos, en 2019 a brecha en pensións na UE era do 29,4%. A pobreza e a exclusión social é maioritariamente feminina: segundo Eurostat hai 64,6 millóns de mulleres e 57,6 millóns de homes en situación de pobreza.

O risco de pobreza e exclusión social en 2020 era do 22,9% entre as mulleres e do 20,9% entre os homes. Cómpre o efectivo cumprimento da Resolución do Parlamento Europeo do 5 de Xullo de 2022 sobre a pobreza das mulleres en Europa que reclama á Comisión Europea e os Estados membros un programa de actuación para 2030 con obxectivos concretos para loitar contra a brecha de xénero.

É inaceptable que as novas normas de trasparencia salarial como a de marzo de 2023 ou a resolución sobre a estratexia da UE para a igualdade de xénero de xaneiro de 2021, ou a exixencia dos deputados para abordar o problema das pensións máis baixas para as mulleres estean tendo un efecto inapreciable para reducir a brecha de xénero pola inacción da CE á que van dirixidas estas demandas.

4.- Incorporar o dereito a pensións públicas decentes e aos SPP de repartición como dereito fundamental na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE.

5.- Incorporar na Carta Social Europea revisada (CSEr), o dereito a unha pensión pública mínima cos criterios de suficiencia marcados para o SMI e concretándoa polo menos no 60% do salario medio.

6.- Reforzar a obrigatoriedade para os Estados do cumprimento do establecido no artigo. 12 da Carta Social Europea (revisada) de 1996 respecto a “manter o réxime de Seguridade Social a un nivel satisfactorio, igual polo menos que o que cómpre para a ratificación da Convención internacional do traballo nº 102”, e no artigo 23 referido ao dereito das persoas de idade avanzada a protección social.

7.- Derrogación do Regulamento europeo 2019/1938 que regula os (PEPP) plans paneuropeos de pensións individuais privadas, para desenvolver as cales a Comisión Europea propuxo que os Estados lle apliquen o mesmo trato fiscal que aos produtos estatais xa existentes e iso, aínda que os PEPP non cumpran os criterios estatais de desgravación fiscal.

O obxectivo da CE (Comisión Europea), da man do BCE (Banco Central Europeo) pretende mediante os incentivos fiscais aumentar os activos xestionados no mercado financeiro das pensións individuais desde os 0,7 billóns de euros no 2018 a 2,1 billóns en 2030.

8.- Demandamos ás institucións europeas plans concretos para impulsar políticas eficaces de repartición equitativa da riqueza, creación de emprego de calidade e pensións decentes nos diferentes pobos europeos e valorar o seu desenvolvemento de maneira positiva para acceder aos fondos europeos.

9.- Xerar unha oposición frontal ás reformas que se están lexislando contrarias ao fortalecemento dos SPP de repartición.

Desenvolver unha oposición frontal ás reformas que se están lexislando contrarias ao fortalecemento do SPP de repartición en cada un dos pobos europeos.

O sistema de pensións de repartición e solidariedade entre xeracións debe ser eixe central dun esquema de protección social para as traballadoras e os traballadores que finalizaron a súa etapa laboral.

10.- Demandamos o acceso a pensións decentes ás persoas que non teñen a nacionalidade de ningún Estado membro da Unión Europea aos cales, ao non terse recoñecido os permisos de residencia e de traballo, traballan na economía somerxida, con condicións laborais e salariais moi precarias e inferiores ás legais en vigor en cada Estado. Esiximos a súa regularización inmediata. Así mesmo, débeselles garantir a liberdade de circulación para que se lles aplique a totalización das cotizacións se traballaron en varios Estados membros.

11.- Por todas estas razóns facemos un chamamento que se vai realizar unha mobilización compartida no conxunto dos pobos da UE, que se concretará nos próximos meses.

Estas demandas serán presentadas ao Parlamento Europeo, a Comisión e os distintos parlamentos dos pobos europeos para o seu cumprimento efectivo.

Como demostran as loitas que nos últimos anos fixemos desenvolvido e seguimos realizando como persoas pensionistas e traballadoras, a mobilización consegue resultados e é a mellor garantía para conseguir os nosos obxectivos.

Este é un comunicado aberto á adhesión de cantas organizacións de pensionistas e sindicatos europeos o queiran subscribir, entre todas e todos conseguiremos reverter os recortes e ameazas das pensións públicas e os sistemas públicos de repartición.

Os nosos dereitos non caducan coa idade.

Esta batalla la vamos a ganar.

Bilbao (Euskal Herria) 24 de Maio de 2024

Asinantes:

Comunicado UA sobre reunión do Pacto de Toledo

Este luns día 8 de abril reúnese a comisión de seguimento e avaliación dos acordos do Pacto de Toledo

8 de abril de 2024

Nesa xuntanza a ministra de Inclusión, Seguridade Social E Migracións comparecerá para informar sobre as liñas xerais da política do seu departamento.

As organizacións e movementos de pensionistas abaixo asinantes queremos aproveitar a ocasión para lembrarlle á ministra, e á comisión, que cuestións fundamentais para garantir pensións públicas dignas e suficientes seguen pendentes, e que compromisos recollidos na Lei, como a Auditoría das contas da Seguridade Social e a taxa de reemprazo das pensións públicas, seguen sen realizarse.

As persoas pensionistas seguimos comprobando que, debido á insuficiencia das pensións públicas, as nosas condiciones de vida se están deteriorando e sufrimos especialmente as consecuencias da privatización dos servicios de sanidade, residencias, … e o encarecemento deses servizos. Os efectos sobre a nosa economía do medre dos custes de produtos e servizos básicos (38% segundo a OCU), fan que cada vez máis persoas maiores non podan acceder a unha medicación correcta, alimentación san, unha vivenda confortábel con servicios básicos garantidos (Luz, Auga, etc.) e pensións públicas por riba do umbral da pobreza.

As decisións adoptadas para mellorar as pensións mínimas son moi insuficientes e despois de máis de seis anos de exixir unha pensión mínima de 1.080 euros seguimos esperando.

A pobreza e insuficiencia das pensións ten cara de muller e séguese sen adoptar medidas eficaces para erradicar a fenda de xénero en salarios e pensións e mellorar substancialmente a pensión de viuvez.

A taxa de reemprazo das pensións segue diminuíndo debido a que os recortes introducidos na reforma do 2011 se manteñen na do 2021 e seguen a reducirse a medio prazo, a idade de xubilación aumenta de maneira progresiva, vanse profundando as medidas para contraer ao máximo o sistema público de pensións e a seguridade social, mentres segue sen resolver de maneira definitiva a grave medida de reducir as pensións a aquelas traballadoras e traballadores con 40 años ou máis de cotización na súa vida laboral.

Reclamamos que todo o esforzo que se está realizando por construír un sistema complementario de pensións privadas (baseadas na recomendación número 16 do Pacto de Toledo), a través de los eufemisticamente chamados ¨plans de pensións de emprego¨, se aplique en garantir o sistema público e en mellorar as pensións públicas.

Por esas e outras razóns, as organizacións de pensionistas que subscribamos este comunicado dicimos NON ao Pacto de Toledo, e pedimos que se derrogue a lei de creación do fondo de pensións privadas (PPEs) a través da negociación colectiva, e que nin un só euro dos salarios diferidos na vida laboral das traballadoras e traballadores, se destinen a fomentalos.

Estas demandas deben ser contempladas no só nas liñas xerais do ministerio, senon nas decisións concretas do goberno e os seus apoios parlamentarios. Só é cuestión de vontade política facelas realidade.

O conxunto de pensionistas dos diferentes pobos do estado seguiremos loitando porque estamos convencidos que esta batalla ímola gañar; celebramos o conseguido, pero queda moito por conseguir, após de decenas de anos de traballo é de xustiza conseguilo.

NON AO PACTO DE TOLEDO !!!

GOBERNE QUEN GOBERNE

OS DEREITOS E AS PENSIÓNS PUBLICAS DEFÉNDENSE !!!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles, …

Comunicado da Unidade de Acción pensionista estatal ante a prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado.

25 de marzo 2024

A UAE pensionista rexistrou con data de decembro e febreiro dos anos 2023/2024 no Congreso as demandas urxentes que o colectivo consideraba necesario introducir na tramitación parlamentaria dos PXE.

Por mor do rexistro das nosas reivindicacións no Congreso dos Deputados, por parte das organizacións de pensionistas de Unidade de Acción Estatal fóronse celebrando diversas reunións cos grupos parlamentarios de BNG, SUMAR, EH Bildu, ERC e PODEMOS (o PSOE de momento non nos contestou), con diverso grao de compromiso respecto ao apoio das nosas reivindicacións, para levalas ao debate (que parecía inminente) dos Orzamentos Xerais do Estado.

Despois de celebradas esas reunións o calendario político cambiou, ese debate non se dará. Pero sexa cal for a situación, as organizacións que subscribimos este comunicado manifestamos a nosa vontade decidida e unitaria de esixir, ao goberno e aos partidos que lle apoian, os obxectivos da nosa táboa reivindicativa e os compromisos adquiridos. Os PXE prorróganse, pero as necesidades das persoas pensionistas son improrrogables. Se hai vontade de atendelas, seguro que son posibles, e desde as rúas e as prazas así o esixiremos.

Ao colectivo pensionista esta situación atrasa a posibilidade de que o goberno poña en marcha unha serie de medidas económicas, sociais e políticas que vimos esixindo. A non aprobación dos orzamentos pode poñer en cuestión algunhas das subidas previstas e vai seguir perpetuando a enorme brecha de xénero en pensións (máis do 30%) que afecta as mulleres, e ás pensións mínimas cuxa subida do 6,9% é insuficiente e seguen sendo pensións de miseria.

Así mesmo a prórroga orzamentaria consolida a desigual distribución da riqueza. As rendas do capital seguen aumentando. Este ano as empresas do IBEX tiveron un récord de beneficios, os bancos máis de 26.000 millóns, mentres que os salarios crecen por baixo da inflación, é dicir, redúcense en termos reais ao mesmo tempo. En todo o Estado 12,6 millóns de persoas (o 26% da poboación) atópanse no limiar da pobreza ou na exclusión social.

Observamos con preocupación que a actuación dos grupos parlamentarios, salvo algunha excepción, cada vez afástase máis dos intereses xerais da cidadanía. Hai unha crecente percepción, de que as nosas institucións e representantes non dan solución ás necesidades máis claras e concretas da xente: sanidade, educación, pensións públicas, condicións decentes de traballo, protección do dereito á vivenda etc.

Desde todas as institucións, desde a xudicatura ao Parlamento, erosiónanse cada vez con máis enerxía os dereitos de manifestación e expresión. Os movementos sociais vémonos baixo ameazas de todo tipo cando denunciamos inxustizas evidentes: desde a morte nas residencias, ao bloqueo do acceso á administración por medios telemáticos, os desafiuzamentos a persoas desamparadas, os abusos laborais, os incumprimentos de contratos, a corrupción ou as estafas estruturais aos consumidores por parte de grandes empresas. O Movemento Pensionista está a sufrir a aplicación da Lei Mordaza, desprazándonos de forma arbitraria da Praza do Congreso, do mesmo xeito que outros colectivos e movementos, e abriuse proceso sancionador a dous compañer@s de Alcalá de Henares. Esta perda de liberdades sociais non a imos a permitir.

As persoas pensionistas e calquera traballador@ están ameazadas pola perda ou a privatización do salario diferido que son as pensións públicas. Por iso, imos seguir expondo sexa cal for a situación institucional do país, as nosas reivindicacións:

– Pensións públicas mínimas equiparadas co SMI e ambas equivalentes ao 60% do salario medio segundo a carta social Europea. Plantexamos 1080 € xa!

Habilitar partidas económicas para pechar a vergoñosa brecha de xénero. O complemento asignado e non consolidado de 33 € non resolve ningún problema.

–  Aumentar a base reguladora da pensión de viuvez que permita unha pensión digna.

Esiximos o cumprimento da lei 21/2021, segundo a cal se realizaría unha
auditoría das contas da Seguridade Social (S.S.) que garanta a compensación derivada do desvío de cotizacións a fins alleos ao sistema público de pensións e da Seguridade Social.

– Rexeitamos os PPEs (Plans de Pensións de Emprego) que detraen diñeiro público á Seguridade Social, e só benefician ás empresas mediante exencións fiscais e deducións do 10% do Imposto de Sociedades.

–  Esiximos eliminar os coeficientes redutores en longas carreiras de xubilación.

A acción e a mobilización diante das institucións e nas rúas é o camiño!

Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Público
UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DEPENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles…

Plan de pensións do convenio estatal da construción: unha análise crítica por Xabier Pérez Davila.

O 1 de febreiro comezou a implantarse o plan de pensións de emprego (PPE) acordado no VII Convenio colectivo estatal da construción (VII CCEC). É o primeiro gran PPE adaptado á Lei 12/2022 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE). Por iso é de gran importancia analizar as consecuencias que terá a súa aplicación, xa con datos concretos.

Nestes dous artigos de divulgación, o noso compañeiro Xabier Pérez Davila analiza polo miúdo as consecuencias que vai ter a aplicación do PPE.

No primeiro artigo (1) compara os resultados da aplicación do PPE cos que se obterían de dedicarse as achegas empresariais ao plan a aumentos adicionais de salarios. Os cálculos individuais realízanse para o nivel XII do convenio correspondente a peón ordinario ou limpeza.

No traballo analiza por separado os efectos do plan para os Traballadores, para as Empresas e para os Ingresos públicos, rematando cunha Análise dos gañadores (empresas e xestores) e perdedores (traballadores e sector público).

Como ampliación dos efectos do plan para os ingresos públicos, estima o impacto da xeneralización dos PPE seguindo este esquema, concluíndo que as entidades que xestionan os fondos recibirían anualmente en depósito 5.500 millóns. Unha cantidade superior á previsión de ingresos do Fondo de Reserva da Seguridade Social para o ano 2024, uns 3.700 millóns de euros. A perda de ingresos públicos sería superior a 1.800 millóns de euros (1.290 millóns de cotizacións sociais e 550 millóns do imposto de sociedades).

No segundo artigo (2) analiza os efectos da aplicación dos PPE no logro dos dous obxectivos que se marca a propia Lei de regulación e impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE)

Con respecto ao 1º. Fomentar o aforro especialmente “das rendas medias e baixas” e incorporar “aos novos” mediante incentivos fiscais para “mellorar o benestar dos cidadáns ao chegaren á xubilación”, a senda máis previsíbel é que nos novos PPE as achegas se concentren nos salarios máis altos e, en menor contía, nos salarios medios. O efecto, para a metade inferior da distribución salarial, será unha pensión pública inferior ao reducirse a base de cotización, e un fondo de capitalización de volume mínimo ou inexistente.

Con respecto ao 2º. Promover o aforro colectivo para “investir e aumentar a capacidade produtiva e … elevar os ingresos e o nivel de vida da sociedade española”, a realidade amosa que os fondos oriéntanse a unha xestión a moi curto prazo co obxectivo prioritario de garantir liquidez para facer fronte ás súas obrigas, contribuíndo así ás crises financeiras de liquidez cada vez máis frecuentes, e que non actúan como investidores pacientes ao servizo da economía produtiva.

Como conclusión deste importante traballo, quedámonos con que a promoción dos plans de pensións de emprego de capitalización insírense nas políticas neoliberais de financeirización da protección social que incrementan a desigualdade e aumentan o poder das finanzas sobre a economía e a sociedade.

En consecuencia, como defensores dos pensionistas presente e futuros, esiximos que a LRIPPE, que inspira os plans de emprego de capitalización, sexa derrogada.

1 https://praza.gal/opinion/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-i

2 https://praza.gal/opinion/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-e-ii

Análise do Plan de Pensións de Emprego do Convenio da Construción por Xabier Pérez Davila.

O 1 de febreiro comezou a funcionar o plan de pensións de emprego acordado no VII convenio estatal da construción, o primeiro gran plan de emprego baseado na Lei 12/2002 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE) promovida polo ex-ministro Escrivá.

Neste documento o compañeiro Xabier Pérez Davila analiza criticamente este acordo.

As principais conclusións do documento son:

1º. Que converte salarios en capital financeiro do que obterá beneficios CaixaVida, a entidade xestora do plan.

2º. Que contribúe a reducir as bases de cotización dos  traballadores do sector, polo que as súas pensións públicas futuras serán inferiores as que terían sen plan de pensións de emprego.

3º. Que contribúe á perda de poder adquisitivo dos salarios ao transformar parte do posíbel incremento salarial en aportacións empresariais ao plan de empresa.

4º. Que nos confirma na posición crítica de MODEPEN da LRIPPE.

Continuamos a pedir a derrogación da lei e o fortalecemento do sistema público de repartición e solidariedade entre xeracións sen inxerencias do capital financeiro.

Documento de Análise do Plan de Pensións de Emprego do Convenio da Construción por Xabier Pérez Davila.

Artigo sobre a Lei de Plans de Pensions de Empresa de Xabier Pérez Davila do pasado 4 de Marzo do 2.023