A ‘lei Escrivá’ de fondos de pensións debe ser derrogada, por Xabier Pérez Davila.

Compartimos neste enlace unha análise minuciosa publicada en Infolibre polo noso compañeiro Xabier Pérez Davila, sobre os Fondos de Pensións (FFPP).

Ligazón a o artigo de Xabier Pérez Davila:   A ‘lei Escrivá’ de fondos de pensións debe ser derrogada.

Parte da constatación dun feito: Que a existencia dun Goberno de coalición progresista e a Mobilización continuada desde 2018 do Movemento Pensionista conseguiu importantes vitorias, como a que acabou coa conxelación aplicada polo Partido Popular (lembramos aquel 0,25% ?). Este ano a suba do 8,5% garantiu o poder adquisitivo de nove millóns de pensionistas.

Sen embargo, e como sabemos, hai motivos de preocupación. E entre eles sitúase a gran aposta dos Fondos de Pensións (FFPP). A Lei de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego, LRIPPE, aprobada en xuño de 2022, unha opción estratéxica que é una bomba de reloxería que ameaza as pensións dxs traballadorxs máis novos.

O artigo de Xabier céntrase nunha esclarecedora análise desta lei, que define como neoliberal e obsoleta. En resume: Neoliberal “porque privatiza unha parte das cotizacións sociais”. Obsoleta porque vai en contra das investigacións que alertan sobre os efectos macroeconómicos destes fondos: “alimentan a financiarización, promoven o aumento da explotación e a desigualdade, contribúen a converter a vivenda nun activo especulativo, actúan de xeito pro-cíclico, acentuando as recesións, e crean inestabilidade financeira que pode contaxiarse á economía real”.

E desenvolve esta análise nos seguintes apartados:

Neoliberalismo, privatización financiada con fondos públicos: Para alimentar estes FFPP vanse desviar fontes de ingresos públicos, abríndose unha brecha que a dereita sempre saberá ampliar.

Financiarización, explotación e desigualdade: Os FFPP están a ser “o principal instrumento para a acumulación de capital financeiro”, na busca de rendementos que non ofrecen os investimentos reais, co obxectivo principal de incrementar as retribucións de accionistas e directivos, intensificando a explotación e a desigualdade.

Fondos de pensións, financiarización e desigualdade en Estados Unidos: Analiza as consecuencias dos FFPP nos EUA, onde o proceso de financiarización da economía é máis intenso.

Fondos de pensións, financiarización e desigualdade en Europa: Describe varios estudos sobre a evolución e consecuencias da financiarización en Europa.

¿Por que nos debe preocupar a crise dos fondos de pensións británicos? Analiza a crise provocada pola primeira ministra británica Liz Truss, en setembro de 2022, ao propor reducir os impostos aos máis ricos poñendo en perigo ao conxunto do sistema financeiro británico e as leccións que debemos sacar desa crise.

Os tempos están cambiando. Ideas e leis obsoletas: Obsoletas porque inciden no modelo neoliberal que, tras catro décadas, trouxo “un brutal aumento da desigualdade, a xeneralización da precariedade e o malestar no traballo e o estancamento da produtividade”. Que acumula crises nos últimos anos que é incapaz de solucionar e que están a provocar un xiro real nos EUA e en Europa a prol da intervención do Estado na economía. Unha intervención que pode ser a favor da maioría ou da acumulación privada do capital. A lei Escrivá sitúase claramente nesta segunda vía.

A conclusión é obvia: “A derrogación da lei Escrivá debe converterse nun obxectivo prioritario do movemento social en defensa do sistema público de pensións e da esquerda política e sindical.”

Ligazón a o artigo de infoLibre:   A ‘lei Escrivá’ de fondos de pensións debe ser derrogada.