O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e dende Modepen queremos apoiar esta xornada reivindicativa
Dende o inicio de 2003, son 1383 mulleres as vítimas mortais da violencia de xénero.
Dende o 1 de xaneiro de 2013 ata hoxe, houbo 68 menores, vítimas mortais desta violencia.
Segundo datos de Consello Xeral do Poder Xudicial en 2025 un total de 185.188 mulleres foron vítimas de violencia de xénero.
Vemos os informativos: outra vez sucedeu e non será a última. Contamos as vítimas. No que vai de ano 43 mulleres foron asasinadas polas súas parellas presentes ou pasadas, e non só sentimos pena, senón tamén unha rabia crecente.
Non é cuestión de incrementar as penas dos asasinos porque moitos entréganse e, bastantes, suicídanse. Ou sexa que nin o aprecio á vida os disuade. A “obriga social” de castigar á súa parella, de vingarse dunha obsesiva afronta porque ela se foi da casa, porque ten unha nova relación, porque pretende refacer a súa vida…
As persoas non abandonaron o mito da Eva pecadora que aprenderon na súa nenez, e o seu rol de sometemento. Admítese o cambio da lexislación dende a Constitución de 1978, e as normas complementarias co recoñecemento formal da igualdade entre o home e a muller, pero iso non é real, non está dixerido e aplicado na vida cotiá dentro de cada parella.
Poderiamos dicir que existe un “terrorismo machista e patriarcal” e, ante esta realidade, falla o protocolo institucional da adopción de medidas eficaces e a súa execución. A xudicatura ten que calibrar as probas , resolver sobre os instrumentos, esixir o mantemento da vixilancia sobre o agresor… sen revictimizar á muller.
Hai unha sentenza do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos de Estrasburgo, moi pouco difundida polos medios de comunicación, sobre un xuízo por agresión sexual, na que condena a ineficacia do sistema español , os mecanismos de control das conductas da policía e dos xuíces, incapaces de amparar ás mulleres vítimas.
A sentenza incide en que, en ocasións, os xuíces non controlan á policía e ninguén controla aos xuíces que adoptan resolucións baseadas na súa ideoloxía patriarcal.
Ë tremenda a indefensión sentida polas mulleres e unha desesperación crecente ante a evidencia de que seguimos sen gañar “o relato” ante a opinión pública, e, tan sequera tras o drama Gisele Pellicot, “ a vergoña cambiou de bando”.
QUERÉMONOS VIVAS!!!
QUERÉMONOS LIBRES!!!
NON QUEREMOS SER MALTRATADAS!!!
Documento: Dende MODEPEN queremos apoiar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller