Pep Juárez, membro da “Plataforma de Mallorca per la Defensa del Sistema Públic de Pensions” fai neste artigo publicado en “Viento Sur”, unha análise do Movemento Pensionista no Estado Español. Unha análise que cremos que mesmo pode servir como “hemeroteca” do que fomos e somos neste momento.
Analiza en primeiro lugar que é o noso Movemento Pensionista e por que se diferencia do existente noutros estados europeos (en xeral máis vinculados aos sindicatos) para a continuación realizar un percorrido histórico desde os seus inicios, xa no ano 2011, até a súa explosión no ano 2018 coa “desculpa” daquela carta “insultante” de Fátima Báñez (o famoso 0,25% de suba das pensións), a crise de unidade de 2020 e os actuais avances na súa recuperación coa formación da Unidade de Acción Pensionista (UAP).
A continuación lembra cal é a táboa reivindicativa común da UAP neste momento: -Pensións mínimas suficientes. -A eliminación da fenda de xénero. -A Auditoría das contas da SS. -A revalorización das pensións segundo o IPC real. -Redución da idade de xubilación. -Redución do período de cómputo para o cálculo das pensións. -Eliminación dos coeficientes redutores para longas carreiras de cotización. -Loita contra a privatización das pensións públicas. -Derrogación dos recortes establecidos nas reformas de 2011, 2013, 2021, 2022 e 2023)
E tamén cales son debates pendentes: – Pensións non contributivas. -A porcentaxe de incremento da base reguladora das pensións de viuvez. – O cómputo dos (15) mellores anos de cotización para calcular a pensión.
No balance do conseguido hai, como sabemos, éxitos e tamén derrotas. De feito o goberno conseguiu sacar adiante as tres fases da Reforma, mais a simple existencia do noso movemento fai que “o poder non se sinta cómodo nin nun marco impune”.
Finalmente informa dos próximos pasos na loita en outono que esperamos sexan nun marco unitario co conxunto de movementos sociais e o sindicalismo combativo, empezando pola gran mobilización para o vindeiro 28 de outubro, e tamén as que se desenvolverán con ocasión da cimeira europea de Granada os 5 e 6 de outubro.
E tamén a busca dun obxectivo estratéxico, a unidade Europea do noso movemento, coa intención de convocar a organización dunha xuntanza europea en Bilbao a principios do vindeiro ano, xa que sabemos que a voracidade e especulación do capital tradúcese, nos diferentes países da UE, en “medidas neoliberais da mesma matriz: aumento da idade de xubilación, empobrecemento das prestacións, endurecemento das condicións para acceder á pensión, pensións privadas ou privatización da xestión das públicas, etc.”
Tamén son interesantes, no sentido en que falabamos antes de hemeroteca, os dous anexos do artigo. O 1º co Resume das mobilizacións e actividades da Unidade Acción Pensionista e o 2º coa Táboa reivindicativa incluída no último comunicado das organizacións da Unidade de Acción Pensionista estatal (carta aos partidos políticos) do 13 de xullo de 2023.