En xaneiro de 2018, o goberno de Mariano Rajoy dirixiu unha carta ás persoas pensionistas na que lles comunicaba que as súas pensións subirían un 0,25%.
A mobilización de milleiros de pensionistas conseguiu, en poucas semanas, que todas as pensións subisen un 1,6%, e as mínimas e non contributivas, un 3%. Nacía un novo e poderoso movemento social que xa non abandonou as rúas e as prazas.
Nos 5 anos transcorridos a mobilización constituíuse en factor decisivo para conseguir importantes avances na defensa do sistema público de pensións (SPP):
1º. A suba anual das pensións segundo o IPC, traducida nun 8,5% en 2023.
2º. O aumento do 15% das pensións mínimas e non contributivas.
3º. A modificación do discurso sobre as pensións. Agora, acéptase que, ao aumentar a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total, será necesario aumentar os ingresos do sistema público de pensións.
4º. As pensións non contributivas, e outras partidas, pagaranse con cargo aos orzamentos xerais do Estado.
Estes avances non nos fan esquecer as reivindicacións pendentes:
1ª. Garantir que ningunha persoa pensionista perciba menos do SMI, actualmente 1.080€.
2ª. Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.
3ª. Derrogar a Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións sociais da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.
4ª. A realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.
5ª. A derrogación das reformas de 2011 e 2013 e a recuperación da xubilación aos 65 anos.
6ª. A oposición a medidas como a mochila austríaca que volve propor o Partido Popular.
A posíbel constitución dun goberno da dereita, e aínda peor coa extrema dereita, abriría paso a unha máis intensa privatización dos servizos públicos de sanidade e educación, maiores incentivos aos plans de pensións privados e recortes nas pensións públicas.
Por iso, o 23 de xullo a mobilización electoral debe, por un día, tomar o relevo da loita social. A partir do día 24, retomaremos o noso labor de información, organización e mobilización.
Goberne quen goberne, as pensións públicas, deféndense!
Galiza, 30 de xuño de 2023