O movemento social en defensa das pensións públicas ante as eleccións do 23 de xullo

En xaneiro de 2018, o goberno de Mariano Rajoy dirixiu unha carta ás persoas pensionistas na que lles comunicaba que as súas pensións subirían un 0,25%.

A mobilización de milleiros de pensionistas conseguiu, en poucas semanas, que todas as pensións subisen un 1,6%, e as mínimas e non contributivas, un 3%. Nacía un novo e poderoso movemento social que xa non abandonou as rúas e as prazas.

Nos 5 anos transcorridos a mobilización constituíuse en factor decisivo para conseguir importantes avances na defensa do sistema público de pensións (SPP):

1º. A suba anual das pensións segundo o IPC, traducida nun 8,5% en 2023.

2º. O aumento do 15% das pensións mínimas e non contributivas.

3º. A modificación do discurso sobre as pensións. Agora, acéptase que, ao aumentar a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total, será necesario aumentar os ingresos do sistema público de pensións.

4º. As pensións non contributivas, e outras partidas, pagaranse con cargo aos orzamentos xerais do Estado.

Estes avances non nos fan esquecer as reivindicacións pendentes:

1ª. Garantir que ningunha persoa pensionista perciba menos do SMI, actualmente 1.080€.

2ª. Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.

3ª. Derrogar a Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións sociais da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.

4ª. A realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.

5ª. A derrogación das reformas de 2011 e 2013 e a recuperación da xubilación aos 65 anos.

6ª. A oposición a medidas como a mochila austríaca que volve propor o Partido Popular.

A posíbel constitución dun goberno da dereita, e aínda peor coa extrema dereita, abriría paso a unha máis intensa privatización dos servizos públicos de sanidade e educación, maiores incentivos aos plans de pensións privados e recortes nas pensións públicas.

Por iso, o 23 de xullo a mobilización electoral debe, por un día, tomar o relevo da loita social. A partir do día 24, retomaremos o noso labor de información, organización e mobilización.

Goberne quen goberne, as pensións públicas, deféndense!

Galiza, 30 de xuño de 2023

Inflación e beneficios empresariais.

Quen non ten escoitado ultimamente que “toda crise agocha unha oportunidade”? Certamente, se miramos ben a frase, é unha forma positiva de enfrontármonos ás crises, a calquera crise. Diante dos problemas tamén está ben pararse a pensar nos elementos positivos que podemos sacar dunha situación que globalmente é, ou nos parece, negativa.

Mais cando falamos de crises sociais, que afectan á sociedade globalmente, como é a actual crise de inflación, a maioría das persoas consideramos que a principal resposta debe vir desde a solidariedade. Aquilo de “Que ninguén quede atrás”, ou “Mantemento do poder adquisitivo”. Algo que, por certo, non se está a cumprir nin para as/os traballadoras/es nin para as/os pensionistas por moito que a propaganda oficial o repita (ver o punto 1 da declaración das plataformas e movementos de pensionistas do 9 de decembro, no enlace ao final).

Asumida esta necesidade de solidariedade social quen, ademais, atope algunha oportunidade… pois moi ben.

O dito non ten nada que ver con quen, desde posicións de forza e poder, ve nesta crise unha oportunidade, pero unha oportunidade insolidaria, baseada en “que perdan outros para gañar eu” como é o que estamos vendo co incremento dos beneficios dos propietarios e accionistas das grandes empresas ata límites escandalosos. Podemos velo nesta análise do Banco de España sobre unha mostra representativa de 920 delas. Uns beneficios que, vía inflación, imos pagar o resto da poboación.

Nas súas propias palabras: “O Banco de España constata que os beneficios das empresas creceron sete veces máis que os salarios” “As empresas trasladaron o incremento dos custos aos prezos de venda e melloraron ou mantiveron a súa rendibilidade nesta crise inflacionista” ou “Os beneficios das empresas non financeiras aumentaron un 21% de media ata o terceiro trimestre deste ano con respecto a 2021 tanto pola recuperación da actividade económica tras a pandemia como pola suba dos prezos.”

Noticia comentada e publicada en “eldiario.es”:

Declaración das plataformas e movementos de pensionistas do 9 de decembro:

Manifesto del 15 de Outubro de 2022: POLA RECUPERACIÓN DO PODER ADQUISITIVO DE PENSIÓNS E SALARIOS.

Manifesto del 15 de Outubro de 2022: POLA RECUPERACIÓN DO PODER ADQUISITIVO DE PENSIÓNS E SALARIOS.

O 15 de outubro as/os pensionistas imos dar inicio a un período de mobilizacións cos seguintes obxectivos:

– Defender o mantemento do poder adquisitivo das pensións, e a súa revalorizándoas en función do incremento do “IPC real” (o IPC Acumulado Anual).

– Esixir unhas Pensións dignas para todos (que non haxa pensións por baixo do limiar da pobreza, eliminación da brecha de xénero en salarios e pensións e aumento da pensión mínima ata equipararse ao Salario Mínimo Interprofesional, e este situarse no 60% do Salario Medio como recomenda a Carta Social Europea).

– E contra a privatización das pensións públicas, esixindo, neste sentido, a derrogación da Lei de Regulación para o impulso dos Plans de Pensións de Emprego (PPEs).

Os pensionistas somos conscientes de que a nosa loita non está nin pode estar illada da das traballadoras e traballadores hoxe en activo. Aínda que non sexa máis que porque é imposíbel imaxinar pensións decentes (as de hoxe e, sobre todo, as do futuro) sen salarios decentes.

Por iso sentimos preocupación coa marcha das “negociacións” (ou a falta destas) para evitar a perda de poder adquisitivo das traballadoras e dos traballadores que provoca a negativa da patronal a incluír a cláusula de revisión salarial nos convenios en negociació.

O artigo que enlazamos informa de como está a situación neste momento no conxunto do Estado.  Ligazón a o artigo “las patronales no quieren que los salarios suban más del 3,5% este año“