Intervención do 21 de febreiro de 2026 realizada por Xabier Pérez Davila ao remate da manifestación convocada por MODEPEN en defensa da suba anual das pensións e do Decreto-lei do escudo social.

Como é sabido o 21 de febreiro de 2026 Modepén, en coordinación cos outros movementos do estado da Unidade Acción do Movemento Pensionista, convocamos unha manifestación en defensa da suba anual das pensións e do Decreto-lei do escudo social. Ao remate da mesma, diante da sede do Partido Popular, interveu o noso compañeiro Xabier Pérez Davila. Intervención que, polo seu interese transcribimos na ligazón do final.

Xabier dividiu a súa intervención en tres apartados.

1) A importancia e os éxitos da nosa mobilización social poñendo como exemplo o noso o pasado aínda recente, cando no 2018 o goberno de Rajoy estabeleceu o ridículo 0.25% de revalorización das pensións que hoxe, facendo cálculos, tería reducido as nosas pensión a niveis ínfimos, e cuxa eliminación supuxo un grande éxito do noso movemento.

2) Os retos que temos para o futuro, mencionando en primeiro lugar como pretenden incrementar o gasto militar á costa do gasto social e como, grazas a mobilización, apropiarse das pensións estalles a custar máis. E a un nivel máis xeral falando da necesidade da loita na rúa, máis tamén da loita electoral, porque non todos os político son iguais, porque non é igual a extrema dereita que os demócratas.

3) E relacionado co anterior, comenta como os Medios de Comunicación as as Redes Sociais manipulan a información para facernos crer que a vitoria das ideas de ultradereita é inevitábel, pretendendo xerar unha profecía auto-cumprida. Lémbranos algunhas das mobilizacións silenciadas que se están a dar en moitos lugares do mundo e que demostran que non estamos sós, e das que, precisamente por iso, apenas se escoita falar: Non están no seu “relato”.

Reproducimos o remate da intervención, que resume ben a mesma:

Que se atrevan, que se atrevan a volver a conxelar as pensións … a ver por canto nos multiplicamos (sinala a sede do PP) … e non estamos sós … hai xente en Bélxica, hai xente en Italia, hai xente en Portugal, hai xente en Bolivia, hai xente na Arxentina, hai xente en Suecia, en Minneápolis, que resiste … porque alí onde se ameaza a igualdade social, os dereitos adquiridos e as liberdades, aí nace a resistencia, e nós non somos outra cousa que parte desa resistencia.”

Transcrición da intervención do 21 de febreiro de 2026 realizada por Xabier Pérez Davila.