Quen non ten escoitado ultimamente que “toda crise agocha unha oportunidade”? Certamente, se miramos ben a frase, é unha forma positiva de enfrontármonos ás crises, a calquera crise. Diante dos problemas tamén está ben pararse a pensar nos elementos positivos que podemos sacar dunha situación que globalmente é, ou nos parece, negativa.
Mais cando falamos de crises sociais, que afectan á sociedade globalmente, como é a actual crise de inflación, a maioría das persoas consideramos que a principal resposta debe vir desde a solidariedade. Aquilo de “Que ninguén quede atrás”, ou “Mantemento do poder adquisitivo”. Algo que, por certo, non se está a cumprir nin para as/os traballadoras/es nin para as/os pensionistas por moito que a propaganda oficial o repita (ver o punto 1 da declaración das plataformas e movementos de pensionistas do 9 de decembro, no enlace ao final).
Asumida esta necesidade de solidariedade social quen, ademais, atope algunha oportunidade… pois moi ben.
O dito non ten nada que ver con quen, desde posicións de forza e poder, ve nesta crise unha oportunidade, pero unha oportunidade insolidaria, baseada en “que perdan outros para gañar eu” como é o que estamos vendo co incremento dos beneficios dos propietarios e accionistas das grandes empresas ata límites escandalosos. Podemos velo nesta análise do Banco de España sobre unha mostra representativa de 920 delas. Uns beneficios que, vía inflación, imos pagar o resto da poboación.
Nas súas propias palabras: “O Banco de España constata que os beneficios das empresas creceron sete veces máis que os salarios” “As empresas trasladaron o incremento dos custos aos prezos de venda e melloraron ou mantiveron a súa rendibilidade nesta crise inflacionista” ou “Os beneficios das empresas non financeiras aumentaron un 21% de media ata o terceiro trimestre deste ano con respecto a 2021 tanto pola recuperación da actividade económica tras a pandemia como pola suba dos prezos.”
Noticia comentada e publicada en “eldiario.es”:
Declaración das plataformas e movementos de pensionistas do 9 de decembro: