Plan de pensións do convenio estatal da construción: unha análise crítica por Xabier Pérez Davila.

O 1 de febreiro comezou a implantarse o plan de pensións de emprego (PPE) acordado no VII Convenio colectivo estatal da construción (VII CCEC). É o primeiro gran PPE adaptado á Lei 12/2022 de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE). Por iso é de gran importancia analizar as consecuencias que terá a súa aplicación, xa con datos concretos.

Nestes dous artigos de divulgación, o noso compañeiro Xabier Pérez Davila analiza polo miúdo as consecuencias que vai ter a aplicación do PPE.

No primeiro artigo (1) compara os resultados da aplicación do PPE cos que se obterían de dedicarse as achegas empresariais ao plan a aumentos adicionais de salarios. Os cálculos individuais realízanse para o nivel XII do convenio correspondente a peón ordinario ou limpeza.

No traballo analiza por separado os efectos do plan para os Traballadores, para as Empresas e para os Ingresos públicos, rematando cunha Análise dos gañadores (empresas e xestores) e perdedores (traballadores e sector público).

Como ampliación dos efectos do plan para os ingresos públicos, estima o impacto da xeneralización dos PPE seguindo este esquema, concluíndo que as entidades que xestionan os fondos recibirían anualmente en depósito 5.500 millóns. Unha cantidade superior á previsión de ingresos do Fondo de Reserva da Seguridade Social para o ano 2024, uns 3.700 millóns de euros. A perda de ingresos públicos sería superior a 1.800 millóns de euros (1.290 millóns de cotizacións sociais e 550 millóns do imposto de sociedades).

No segundo artigo (2) analiza os efectos da aplicación dos PPE no logro dos dous obxectivos que se marca a propia Lei de regulación e impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE)

Con respecto ao 1º. Fomentar o aforro especialmente “das rendas medias e baixas” e incorporar “aos novos” mediante incentivos fiscais para “mellorar o benestar dos cidadáns ao chegaren á xubilación”, a senda máis previsíbel é que nos novos PPE as achegas se concentren nos salarios máis altos e, en menor contía, nos salarios medios. O efecto, para a metade inferior da distribución salarial, será unha pensión pública inferior ao reducirse a base de cotización, e un fondo de capitalización de volume mínimo ou inexistente.

Con respecto ao 2º. Promover o aforro colectivo para “investir e aumentar a capacidade produtiva e … elevar os ingresos e o nivel de vida da sociedade española”, a realidade amosa que os fondos oriéntanse a unha xestión a moi curto prazo co obxectivo prioritario de garantir liquidez para facer fronte ás súas obrigas, contribuíndo así ás crises financeiras de liquidez cada vez máis frecuentes, e que non actúan como investidores pacientes ao servizo da economía produtiva.

Como conclusión deste importante traballo, quedámonos con que a promoción dos plans de pensións de emprego de capitalización insírense nas políticas neoliberais de financeirización da protección social que incrementan a desigualdade e aumentan o poder das finanzas sobre a economía e a sociedade.

En consecuencia, como defensores dos pensionistas presente e futuros, esiximos que a LRIPPE, que inspira os plans de emprego de capitalización, sexa derrogada.

1 https://praza.gal/opinion/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-i

2 https://praza.gal/opinion/plan-de-pensions-do-convenio-estatal-da-construcion-unha-analise-critica-e-ii