Modepen apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 06-04-2025.

Por terceiro ano consecutivo SOS Sanidade Pública convoca a todos/as os/as galegos/as a saír á rúa o vindeiro 6 de abril, ás doce horas, en Compostela1 esixindo “MÁIS SANIDADE PÚBLICA”.

Desde Modepen apoiamos esta convocatoria porque, como deciamos hai practicamente un ano, “a Sanidade Pública Galega segue en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque segue a ser necesaria “unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Este ano a convocatoria céntrase nos seguintes puntos:

MÁIS ATENCIÓN PRIMARIA

Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas máximo, con consultas presenciais a solicitude do paciente. Reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

MÁIS ATENCIÓN HOSPITALARIA

Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde. Recuperar os recortes nos hospitais comarcais. Acabar coa política de concertación coa privada e restitución ao sistema público dos centros privatizados. Plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas. Reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto infanto-xuvenil. Acabar coa precariedade laboral do persoal. Esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

MÁIS SANIDADE PÚBLICA

Incrementar o orzamento sanitario público. Elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades. Recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas. Potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.