A UE quere roubarnos as pensións.

Modepen acordou adherirse ao manifesto “A UE quere roubarnos as pensións”, asinado tamén por membros da maioría dos países europeos, co obxectivo de adicionalo ás reivindicacións da clase obreira neste 1º de maio de 2025. No mesmo, que achegamos na súa tradución ao galego, constan as seguintes ideas básicas:

Constatar que o sistema público de seguridade social, pensións, sanidade e asistencia médica en Europa, e tamén en todo o mundo, é un dos maiores logros do século XX, supoñendo un importante baluarte de seguridade, cobertura, atención e xubilación para moitas xeracións de traballadores e traballadoras.

Sen embargo observamos como, do Norte ao Sur e do Este ao Oeste de Europa, se está usando a profunda crise do sistema capitalista dos últimos anos para promover a súa privatización. Os gobernos xestores do Capitalismo pretenden así incrementar as ganancias dos grandes grupos empresariais e dos bancos, utilizando feitos reais como a crise económica, a baixa natalidade, o envellecemento da poboación ou os déficits orzamentarios, pero ocultando as verdadeiras causas, que se atopan nas políticas que serven a un sistema baseado na explotación das masas en beneficio dunha minoría insaciábel, sempre en busca de maiores ganancias.

Así vemos como o novo secretario xeral da OTAN, Rutte, e o banqueiro xefe, Draghi, chaman aos gobernos para que realicen cada vez máis recortes na seguridade social, na sanidade e nas pensións. E reclaman que os aforros vaian a engrosar o gasto militar. Ao tempo, preséntannos o Produto Europeo de Pensións Particulares (PEPP) como unha opción para garantir unha xubilación digna e segura cando, en realidade, é un intento de “crear un mercado único de capitais” que despoxe á cidadanía dos seus dereitos sociais para alimentar os beneficios dos grandes fondos de investimento cos que financiar as guerras promovidas pola OTAN e a UE.

Deste xeito pretendese suprimir o carácter social da Seguridade Social, o seu financiamento polos orzamentos públicos, a exención das cotizacións aos empregadores, a privatización dos sistemas de pensións, de saúde e de asistencia médica, o peche de hospitais e centros de saúde públicos, o aumento da idade de xubilación para homes e mulleres, a redución das pensións. En contraste necesitaríase unha longa lista para enumerar todas as reducións de impostos dos últimos anos.

Como persoas xubiladas a experiencia da nosa vida profesional amósanos que nada está dado, que todo se conquista coa loita, unha loita que non é só para nós mesmos senón tamén para os nosos descendentes. Por iso, esiximos:

• Un sistema público exclusivo de seguridade social, saúde, asistencia médica, con prestacións gratuítas.

• O financiamento da Seguridade Social principalmente polos orzamentos dos Estados de todos os países, polos empresarios, con baixa participación das persoas asalariadas.

• A abolición de todas as actividades bursátiles coas reservas de Seguridade Social.

• A abolición de toda privatización de servizos públicos.

• A redución en cinco anos da idade de xubilación para homes e mulleres.

• A creación de residencias públicas que satisfagan as necesidades das persoas xubiladas en cada país.

• O aumento das pensións de xubilación para satisfacer as necesidades básicas, igualando as pensións mínimas ao salario mínimo de cada país.

• Programas públicos, gratuítos e de calidade de asistencia social, recreativa e cultural.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS DEFÉNDENSE

TEXTO PARA ADICIONAR, O 1 DE MAIO DE 2.025, ÁS REIVINDICACIÓNS DA CLASE OBREIRA EUROPEA: