28 de xaneiro de 2026
Onte día 27 de xaneiro, o Congreso dos Deputados derrogou con 178 votos en contra das dereitas e ultradereitas de PP, Vox, Junts e UPN, fronte a 171 votos a favor, o Real Decreto Lei do Goberno aprobado en decembro, que recolle a subida das pensións para 2026.
A revalorización das pensións para 2026, concretábase nun incremento do 2,7% para as pensións con carácter xeral, entre un 7% e un 11,4% ás pensións mínimas, e o 11,4% para as non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital.
Estes incrementos, que xa se aplicaron na pensión de xaneiro, ao non ser ratificado este RDL, decaen e quedan sen efecto a partir de febreiro, de non presentarse e aprobarse ningún outro Real Decreto Lei que o permita.
O Decreto viña dar cumprimento á revalorización das pensións co incremento do IPC do ano anterior segundo recollen as leis 21/2021 e 3/2023. Pero como puidemos comprobar, coa votación de onte, segue sen estar definitivamente garantido, e para algúns partidos políticos, as pensións seguen sendo moeda de cambio e non un dereito básico fundamental, utilizándoas de forma partidista para a súa estratexia en cada momento.
Ademais da revalorización das pensións, o RDL contén a prórroga do “Escudo Social Básico” que se vén aplicando en anos anteriores, con medidas como:
Prohibición de desafiuzamentos sen alternativa habitacional para persoas en fogares vulnerables (que afecta a miles de pensionistas).
Impedir o corte de subministracións básicas (auga, luz, gas), en fogares vulnerables (tamén afecta a miles de pensionistas).
Prórroga da extensión do desconto no “Bono Social eléctrico” para fogares con rendas moi baixas.
Revalorización do Ingreso Mínimo Vital.
Incentivos e axudas fiscais para persoas afectadas por catástrofes naturais como a DANA, incendios forestais etc.
Anular todas estas medidas, supón unha agresión perpetrada polos partidos que votaron en contra no Congreso dos Deputados, cara ás condicións de vida das persoas máis desfavorecidas e vulnerables.
Se esta agresión non se reverte satisfactoriamente antes do 20 de febreiro deste ano, As Plataformas e Movementos de Pensionistas sairemos o luns 23 de febreiro á rúa como o fixemos en xaneiro de 2018, chamando ás persoas pensionistas a defender e mellorar con determinación o conseguido pelexando na rúa.
Non imos aceptar nin un só paso atrás, nin políticas de recorte das pensións como as adoptadas de 2011 a 2018.
Nin un paso atrás, pensións públicas dignas xa!
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa dás Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…