“A caixa da Seguridade Social ten un déficit asumíbel de máis de 100.000 millóns de euros!!
É unha irresponsabilidade pretender seguir con este sistema que fai auga por todas partes!!
Témonos que encamiñar a un sistema privado de pensións!!
O sistema público e de reparto é inviábel e vai colapsar!!!!”
Pois resulta que o ministro Escrivá cifra en 140.000 millóns os cartos das pensións que “se foron” a outros gastos nos últimos 30 anos. Uns cartos que serían abondos para pór a cero a débeda da Seguridade Social contraída polo Estado desde 1999 (106.178 millóns), e aínda quedarían cartos aforrados (máis de 30.000 millóns).
Lembramos que xa o Tribunal de Contas no ano 2020 recomendara ao Estado devolver as cantidades endebedas á Seguridade Social, que estimaba (nun informe de agosto de 2020 con datos ata decembro de 2018) nun mínimo de 103.690 millóns de euros.
Claro que, de terse feito así, os debates sobre os recortes das pensións, eses recortes que foron ben reais, terían sido diferentes. Ben, precisemos, debates tampouco houbo, o que houbo foron relatos, contos para “xustificar” primeiro o deterioro do sistema e despois a súa privatización.
O que houbo foi un saqueo á Seguridade Social, pero o máis grave é que “O mantra da insustentabilidade e da crise permanente serviu para lexitimar desde hai anos os recortes nas pensións e nos dereitos dos pensionistas. Pero sobre todo -como sostén o deputado Jordi Salvador (ERC)- para crear un pánico que só favoreceu ao sistema financeiro e ao seu negocio de plans de pensións privados.”
E mentres a Auditoría non sexa oficial xa sabemos o caso que a “prensa seria” (seria segundo o seu propio “relato”) lle vai facer. Seguiremos tendo, oficialmente, mediaticamente, déficit da caixa da Seguridade Social, aínda que realmente teñamos superávit.
Por iso esiximos a Audoria xa.