Ás persoas pensionistas e maiores,
Á mocidade, ao pobo traballador de calquera idade,
Aos movementos sociais, ao sindicalismo de clase e combativo,
Á cidadanía en xeral
25 de setembro 2023
Antes das eleccións do 23J, os movementos e plataformas de pensionistas dos diferentes pobos e comunidades do Estado que subscribimos este escrito, dirixímonos por carta aos partidos, para que incluísen nos seus programas electorais as nosas reivindicacións básicas.
Tras esas eleccións, volvemos esixir que esas reivindicacións básicas sexan integradas tanto nas negociacións para elixir presidente, como no programa do goberno. As nosas propostas han de ser atendidas de inmediato. Non hai escusa para non facelo, aínda que o goberno estea en funcións.
Houbo eleccións, pero os problemas das persoas pensionistas non desapareceron; o incremento do custo da vida está a empeorar drasticamente as nosas condicións de vida. A subida imparable dos prezos da cesta básica ponnos cada vez máis difícil acceder a unha alimentación sa e aos medicamentos, a unhas condicións habitacionais dignas que garantan a mobilidade e unha temperatura adecuada nas nosas casas, o acceso aos servizo sociosanitarios de atención á dependencia, a residencias con condicións dignas, etc.
O IPC interanual é do 5% e o subxacente de 2023 do 6,1%. Cómo é posible manter e mellorar as nosas condicións de vida se a pensión mínima é de 783 € e o 51,02% das persoas pensionistas teñen unha pensión por baixo de 1000 €?
Mentres tanto a banca, as eléctricas e tamén as grandes empresas non financeiras baten récord de beneficios. Soamente no primeiro trimestre de 2023, a gran banca obtén 12.385 millóns € de beneficios, un 20,7 % máis que o mesmo período do ano anterior (que se suman aos 40.666 millóns obtidos nos anos 2021 e 2022), aproveitándose da subida dos tipos de interese que afunde as economías das familias traballadoras e das pequenas empresas.
Ao mesmo tempo, un total de 28 das principais empresas do IBEX35 incrementaron os seus beneficios nun 39% en 2021 (15.800 millóns €) e nun 43% en 2022 (18.400 millóns €). Estas obscenas cifras de beneficios da banca e do gran empresariado inciden directamente na carestía da vida e deixan ben ás claras que se segue producindo unha desigual repartición da riqueza, que reduce salarios e pensións para mellorar as contas de resultados das grandes empresas, e o goberno ten que facer algo ao respecto.
Segundo os últimos datos publicados en agosto, o Estado español dedica a pensións o 11,8% do PIB, por baixo da media europea e descendendo ano tras ano (en 2019 dedicouse o 12,7%). Lonxe de países como Grecia (17,8% do PIB), Italia (17,6%) ou Francia(15,9%).
Por iso as diferentes plataformas e movementos de pensionistas que asinamos este escrito imos seguir na rúa esixindo:
- Unha pensión mínima de 1080 € con efectos retroactivos a xaneiro de 2023. Xa! Restablecer para decembro deste ano a paga compensatoria pola perda do poder adquisitivo das pensións. E recuperar a revalorización anual das pensións e os salarios en función do IPC real. Desde o primeiro ano de vixencia da reforma de pensións de 2013, a 2018 incluído, as persoas pensionistas perdemos 2,8% de poder adquisitivo. De 2019 a 2022, ambos incluídos perdemos un 6%. Total 8,8%. Veremos a final de 2023 o incremento do IPC xeral.
- Acabar coa brecha de xénero (32,65%) en pensións establecendo unha compensación para conseguilo e mellorar a pensión de viuvez (coas cifras publicadas de agosto de 2023, a pensión media de homes é de 1.443,3 euros e a das mulleres de 972,04 euros).
- A realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social, aprobada polo Parlamento na Lei 21/2021, que continúa sen cumprirse.
- Eliminación do requisito esixido de 2 anos de cotización nos quince últimos anos para poder acceder á pensión.
- Garantir o financiamento do SPP mediante un SMI do 60% salario medio, a creación de emprego de calidade e a recuperación do poder adquisitivo dos salarios.
- Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados.
- Restablecer a idade de xubilación en 65 anos e 15 anos de cotización para o cálculo da pensión.
- Garantir a taxa de substitución de salario e pensión por encima do 90% para salarios inferiores a 1.500 € e 80% para o resto. Actualmente a taxa de substitución nos salarios medios é do 72,3%, co agravante de que a diferenza salarial nos devanditos salarios é de menos 21% en relación á UE27.
- Derrogar a Lei 2/2022 de Fomento dos plans de pensións de emprego que persegue a privatización do SPP.
- Que así mesmo se pare o proceso de privatización do patrimonio da Seguridade Social que se está producindo, coa constante e encuberta venda de activos, inmobiliarios e outros.
- Apertura dun diálogo permanente cos movementos e plataformas de pensionistas que asinan esta declaración para estudar a derrogación dos recortes establecidos nas reformas de 2011, 2013, 2021, 2022 e 2023.
Daremos conta das nosas demandas de inmediato aos grupos políticos do Congreso.
Sabemos que a mobilización segue sendo a nosa garantía para conseguir os nosos obxectivos e así o faremos o próximo día 28 de outubro, nas rúas de Madrid, como vimos facéndoo desde fai máis de cinco anos.
O 28 de outubro de 2023, tod@s a Madrid!
Goberne quen goberne as pensións públicas deféndense!
ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…