¿ Deben estar exentas as pensións de tributar o IRPF?

Periodicamente difúndese por Whatsapp un manifesto pedindo que as pensións estean excluídas do IRPF. MODEPEN e o conxunto de organizacións que participan na Unidade de Acción Estatal non estamos de acordo con esa proposta.

A seguir analizamos as afirmacións que inclúe o texto

1ª. As pensións non son un rendemento do traballo. As pensións contributivas son un rendemento do traballo, xa que é o feito de ter cotizado durante polo menos 15 anos o que dá dereito á pensión. Así o recolle a normativa do IRPF que inclúe as pensións contributivas entre os rendementos do traballo (Lei 35/2006, de 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF))

2ª. As pensión xa tributaron polo IRPF mentres se traballaba. Isto non é certo. O que xa tributaron foron os salarios percibidos durante a vida laboral activa unha vez deducidas as cotizacións á seguridade social. A pensión é unha prestación periódica distinta do salario que se financia con cotizacións sociais e impostos. Se unha persoa traballou 40 anos e cobra 30 anos unha pensión, percibiu unha renda salarial gravada polo IRPF e percibe unha renda en forma de pensión tamén gravada polo IRPF. Ademais, o IRPF non é un imposto sobre as rendas do traballo, senón un imposto sobre todo tipo de rendas: do traballo, inmobiliarias (de alugueres), do capital (dividendos, xuros …).

3ª. Ao estar as pensións sometidas ao IRPF prodúcese dobre imposición. Non, o salario e a pensión son rendas distintas que se perciben en períodos diferentes: unha durante a vida laboral activa e outra no tempo da xubilación. Ademais, proceden de fontes diferentes: da empresa, a primeira; e do Estado, a segunda.

4ª. A pensión sería o rendemento dun capital que a persoa xubilada foi acumulando ao longo da vida laboral. Rotundamente falso. A persoa ou persoas que redactaron o Whatsapp padecen de ignorancia ou practican a mentira. O sistema público de pensións non é un sistema de capitalización, as persoas traballadoras non acumulan capital ningún. Coas súas cotizacións e impostos financian as pensións das persoas xubiladas. As persoas traballadoras hoxe activas, cando se xubilen percibirán a súa pensión das cotizacións e impostos d@s entón activ@s. Por iso se chama sistema de repartición ou solidariedade entre xeracións.

5ª. Aos cargos políticos do goberno, parlamento, senado non se lles aplica a retención do IRPF. Falso de toda falsidade. As retribucións dos representantes políticos están suxeitas ao IRPF como todas as rendas. Esta afirmación repetida innumerábeis veces fai parte da campaña anti-política que só beneficia á dereita e á extrema dereita. Cando alguén afirma “todos os políticos son iguais”, en 9 de cada 10 veces a persoa que o proclama é votante do PP ou de Vox.

Que hai detrás deste texto?

Un ataque contra a necesidade dun sistema impositivo poderoso que obteña recursos suficientes para financiar os servizos públicos e a intervención pública na economía cada vez máis necesaria.

É necesario investir máis en educación e sanidade para manter uns servizos de calidade. É necesario aumentar o investimento en servizos de axuda á autonomía e á dependencia. É urxente aumentar o gasto para construír un parque público de vivendas de aluguer para permitir ás persoas novas emanciparse e construír unha vida independente, o modelo austríaco e da capital Viena debe servir de exemplo. Para afrontar as transicións ecolóxica e dixital son imprescindíbeis maiores ingresos e un sistema fiscal máis progresivo, no que paguen máis os que máis teñen e ingresan.

A nova dereita mundial reaccionaria (Feijoó, Abascal, Ayuso, Trump, Milei …) quere acabar coas prestacións e servizos públicos para substituílos por prestacións e servizos privados dos que o capital poda obter grandes beneficios. Os republicanos estadounidenses describen o seu obxectivo como “afogar o meniño na bañeira”: 1) organizan grandes campañas contra os impostos para conseguir o apoio popular, 2) aproban leis que lles baixan os impostos aos ricos, 3) en consecuencia, redúcense os ingresos do Estado, 4) aparece ou aumenta o déficit público, 5) entón, organizan campañas contra o déficit, e, 6) como “non hai diñeiro”, propoñen cortar as prestacións e servizos públicos e promover os privados, e, 7) e volta ao inicio, nova campaña contra os impostos … O resultado é unha sociedade extraordinariamente desigual onde as persoas que non pertencen á minoría rica teñen que endebedarse para pagar os gastos sanitarios, os estudos universitarios …

Moitas pensións xa están exentas

As pensións por debaixo do SMI, 1080 € por 14 pagas en 2023, están exentas do IRPF. Na Galiza, 2 de cada 3 persoas pensionistas perciben menos desa cantidade polo que estarían exentas do IRPF se non teñen outros ingresos ademais da pensión de xubilación.

E outras non deben estar exentas

O que sería moi inxusto é que non tributasen polo IRPF as pensións máis altas. A pensión pública máxima para o ano 2024 é de 3.175,50 euros, que multiplicado por 14 pagas son 44.457,00 euros anuais. Os millóns de traballadoras e traballadores que perciben salarios inferiores non comprenderían que estivese exenta do IRPF. Produciría unha ruptura da solidariedade interna entre traballadoras e traballadores en activo e traballadoras e traballadores xubilados.

O que propón MODEPEN

Na asemblea anual nacional de MODEPEN celebrada o 3 de xuño de 2023 aprobamos reivindicar unha “Reforma fiscal radical para construír un sistema progresivo que garanta ingresos suficientes para financiar sistemas 100% públicos de sanidade, educación, dependencia y pensións, e para erradicar totalmente a pobreza, así como para a crecente necesidade de intervención pública na economía”.

Propomos unha reforma fiscal para aumentar a tributación dos altos ingresos, dos grandes patrimonios e dos beneficios das empresas, especialmente das que actúan en réxime de oligopolio (moi poucas empresas dominan o mercado) ou case monopolio (unha única empresa domina o mercado.