Pois un bon día collemos a prensa seria e económica (por exemplo “Eleconomista”i) e encontrámonos con este alarmante titular: Bruxelas destapa o gran burato das pensións en España: como pagar a un 60% máis de pensionistas co mesmo número de ocupados.
Alarmados, como se pretende, seguimos lendo (e alarmándonos máis). Nun subtitular lemos: “Salvo milagre da produtividade, chegarán recortes e subidas de impostos”. Os milagres non existen, pensamos. Da alarma pasamos ao medo.
Máis adiante observamos que os sesudos redactores sobre o informe “Ageing Report 2024-R2024”, que analiza a evolución prevista pola Comisión Europea das pensións ata o 2070, atoparon o quid da cuestión: “…nun recadro ‘perdido’ en medio do denso informe de Bruxelas, pódese observar a evolución prevista do número de ocupados e de pensionistas en España… En tres décadas haberá un 60% de pensionistas máis que manter (sic) coa mesma cantidade de ocupados de hoxe…”…
Ímonos achegando do medo ao pánico.
Chegados aquí parámonos a analizar. Vemos que os redactores asesoráronse con dous expertos “independentes”: Miguel Ángel García, profesor da URJC e investigador de Fedea (ver nota ao final sobre a imparcialidade de Fedea) e Enrique Devesa, neste caso lendo un informe seu publicado por Fundación BBVA (do BBVA non poñemos nota, a súa “imparcialidade” falando das pensións é notoria). Ben, nalgún momento tamén fan mención aos economistas (tamén de “recoñecida imparcialidade”) de CaixaBank Research. É dicir, os asesores do artigo son todos do sector financeiro e/ou das grandes empresas. Xa máis tranquilos razoamos: Talvez non sexan moi imparciais. Talvez lles interese crear medo (ou, mellor, pánico) sobre o futuro das pensións públicas de reparto. Tal vez as pensións privadas e de capitalización serían un gran negocio… precisamente para eles.
Pois resulta que o noso compañeiro Xabier Pérez Davila, tamén leu o informe de Bruxelas (o Ageing Report 2024-R2024) e o artigo este de “Eleconomista”. E chegou a un “titular” distinto. Concretamente: A Comisión Europea confirma a viabilidade do sistema público de pensións nas décadas vindeiras.
Claro que Xabier analiza os propios datos do informe seriamente, sen rebuscar “algún recadro perdido” que poder sacar fóra de contexto. Por exemplo que “o PIB por persoa multiplícase por 1,8 veces; o PIB por persoa dedicado ás persoas maiores de 65 anos aumenta un 50%, multiplícase por 1,5; e o PIB por persoa menor de 65 anos aumenta un 100%, multiplicándose por 2. Despois de pagar mediante impostos e cotizacións sociais as pensións dunha poboación pensionista incrementada, a sociedade de menos de 65 anos disporá para manter a capacidade produtiva (amortizacións), incrementala (investimento) e para o consumo do dobre de recursos que na actualidade.”
E que pasa cos milagres? “A CE estima que a produtividade por hora traballada incrementarase nun 1,3% anual” (case o dobre ata o 2070, e non fala de milagres).
E non seguimos co spoiler, mellor ler o artigo. E de paso saber desde cando temos “titulares” dun novo xénero literario (como di Xabier) “o da profecía do colapso dos sistemas públicos de pensións”. E tamén da súa opinión sobre o crecemento indefinido do PIB como solución para todos os problemas económicos, ignorando os límites físicos do planeta.
Praza.gal: A Comisión Europea confirma a viabilidade do sistema público de pensións nas décadas vindeiras.
InfoLibre: La Comisión Europea confirma la viabilidad del sistema público de pensiones en las próximas décadas
El Economista: bruselas-destapa-el-gran-agujero-de-las-pensiones-en-espana-como-pagar-a-un-60-mas-de-pensionistas-con-el-mismo-numero-de-ocupados
Fedea é unha Fundación. Podemos ver quen son os seus órganos reitores aquí: https://fedea.net/organos-de-gobierno/ Para ver a súa independencia, unicamente hai que ver quen é os seus Membros Protectores.