OUTRO “ACORDO” QUE DEBILITA AS PENSIÓNS PÚBLICAS

Comunicado das plataformas de pensionistas de UA valorando negativamente o acordo acadado o 31 de xullo de 2024 polo Goberno do Estado, as organizacións empresarais CEOE e CEPYME e as organizacións sindicais CCOO e UXT.

5 de agosto de 2024.

As plataformas e movementos de pensionistas de diferentes pobos do Estado valoramos negativamente o acordo alcanzado o 31 de xullo de 2024 polo goberno do Estado, as organizacións empresariais CEOE e CEPYME e as organizacións sindicais CCOO e UXT.

De entrada, dicimos que esa mesa de Diálogo Social non nos representa e negámoslles lexitimidade para decidir acordos que nos afectan como persoas pensionistas. Por tanto este acordo, negociado con opacidade e oportunismo no medio do verán, tampouco nos representa, tanto mais canto as mobilizacións pensionistas, que desde hai 10 anos veñen se desenvolvendo, supoñen unha clara expresión deste colectivo. Por tanto, esiximos medidas distintas e opostas ao aprobado.

Ademais, a Mesa estatal consolidouse como instrumento para branquear os persistentes recortes nas pensións públicas. Non é estraño por tanto que os acordos do Decreto Lei pactados o día 31 de xullo teñan como obxectivo: “Seguir dunha maneira e outra atrasando a idade de xubilación para compensar os recortes das prestacións. Como non se adoptan decisións definitivas que garantan ás persoas pensionistas unhas pensións públicas dignas e suficientes os acordos adoptados pretenden resolver o problema facendo que, ante a insuficiencia das pensións, as persoas traballadoras e pensionistas prolonguen a súa vida laboral e/ou compatibilicen traballo e pensión.”

No pacto inclúense as decisións respecto a

  1. Prolongar e desregular aínda máis a idade de xubilación.

Hai que lembrar que estes mesmos actores xa asinaron a reforma de 2011, que elevou a idade de xubilación desde os 65 ata os 67 anos.

A ampliación dos supostos da xubilación parcial, como exemplo. mulleres que teñen poucos anos de cotización por dedicarse aos traballos de reprodución e coidados e necesitan dun segundo traballo para mellorar a súa pensión, autónomos e sectores en xeral con pensións baixas.

O incremento con carácter semestral do 2% da pensión demorada. Trátase de atrasar a idade de xubilación para reducir os gastos de pensións, aínda que supoña para moitos colectivos especialmente castigados igualar a idade legal de xubilación coa esperanza de vida.

A modificación da xubilación activa; elimínase o requisito de contar coa carreira completa de cotización para ter acceso á xubilación activa e recoñecer a compatibilidade da xubilación activa cos incentivos da xubilación demorada.

As organizacións pensionistas non nos esquecemos que atrasar a idade de xubilación aumenta as dificultades da nosa mocidade para atopar un traballo digno e ter un futuro con dereitos.

2. Tímidas e insuficientes melloras en materias como:

A mellora das condicións do contrato de relevo, a recuperación do coeficiente multiplicador do 1,5 para os contratos fixos descontinuos ou o novo regulamento de xubilación anticipada por traballos penosos pendente da creación dun grupo de traballo, aínda que positivas non ocultan o cambio substancial que se realiza ao compatibilizar traballo e pensión que precarizará dun só golpe, salarios e pensións.

3. Dar máis capacidade ás Mutuas patronais para presionar sobre as baixas de incapacidade temporal.

• No Decreto Lei que dará cobertura ao acordo inclúense criterios a ter en conta no Convenio de colaboración para axilizar probas médicas a persoas en incapacidade temporal comprometido no V Acordo de Negociación Colectiva.

• Acordouse unha proposta de convenio marco a subscribir co INNS, os servizos públicos de saúde e as mutuas colaboradoras coa SS para que estas poidan contribuír, previo consentimento informado do paciente, a acelerar os procesos de recuperación en determinadas patoloxías traumatolóxicas.

Partimos da mesma filosofía anterior, como non se adoptan decisións firmes para a mellora e desenvolvemento dos sistemas sanitarios públicos, preténdese solucionar o problema poñendo en mans das mutuas, os diagnósticos e tratamento das patoloxías traumatolóxicas. As garantías do control dos médicos da SS do proceso parécenlles insuficientes aos asinantes do acordo, e determinan que ao longo do proceso todas as patoloxías deste ámbito sexan xestionadas polas mutuas.

Conclusión:

Este chamado cuarto acordo” de pensións nin aborda nin toma medidas para satisfacer as demandas máis urxentes das persoas pensionistas. As nosas demandas non foron atendidas.

Ademais de seguir esixindo a recuperación do poder adquisitivo das pensións perdido desde 2011, cuestión que teremos en conta nos próximos orzamentos, seguimos expondo a urxencia de:

A mellora substancial das pensións mínimas a niveis do SMI, que posibiliten ás persoas pensionistas unhas condicións de vida dignas.

Recuperar a taxa de substitución salario pensión que se está reducindo polos recortes das reformas.

• Adoptar decisións para acabar coa brecha de xénero que se sitúa no 37%.

• Cumprimento da Lei 21/2021 que determina a esixencia da realización da Auditoría de contas da Seguridade Social.

• Revalorizar as pensións de miles de pensionistas que foron prexudicados na súa pensión polos coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 ou máis anos cotizados.

• Garantir o SPP (Sistema Público de Pensións) mediante a creación de emprego de calidade e a mellora substancial dos salarios e cotizacións.

• Derrogar a lei 12/2022 de fomento dos PPEs.

Nada disto formou parte da orde do día desas reunións da “Mesa de Diálogo Social” e queda clara a distancia entre o que se acorda na Mesa e as necesidades urxentes das persoas pensionistas.

Tras máis de seis anos de mobilizacións as organizacións de pensionistas estamos a ser ninguneadas como interlocutores lexítimos das persoas pensionistas. O mes de maio, solicitamos un encontro coa ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións Elma Saiz Delgado e seguimos esperando resposta.

Por todo iso, afirmámonos na necesidade de promover este outono un amplo proceso de mobilización para esixir que sexa escoitada a voz dos pensionistas e situar na axenda como unha cuestión central para toda a sociedade a defensa do Sistema Público de Pensións. Por iso reafirmámonos na convocatoria descentralizada a partir do 30 de setembro en torno o dia internacional dos maiores e a marcha sobre Madrid o 26 de Outubro. Chamamos a abrir debates nos barrios e pobos, nos centros de traballo e no conxunto da cidadanía traballadora contra os efectos regresivos destas novas reformas.

GOBERNE QUEN GOBERNE, OS DEREITOS E AS PENSIÓNS PUBLICAS DEFÉNDENSE

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS de Badajoz e Móstoles…