Susto e aviso.

Estamos lendo o comunicado da Unidade de Acción (UA), que enlazamos, cando moitos de nós aínda temos o susto no corpo. Ao carallo a actualización das pensións deste ano!!!!. Ese 2,8% para as pensións contributivas, 6% para as pensións mínimas e as non contributivas e 9% para o Ingreso Mínimo Vital. E, o máis preocupante, a conciencia (os que aínda non eran, ou éramos, conscientes) de que están en perigo, que calquera goberno, con calquera desculpa (ou sen ela) pode tirar ao lixo o “incremento segundo o IPC”. Este ano ou calquera ano.

Este 22 de xaneiro quedará marcado como o día do susto aos pensionistas (houbo máis “trasacordos” graves, mais, agora, nós estamos a falar das pensións). Xuntáronse as dereitas: Vox, Junts, PP (xa sabemos como rima) para dar un aviso ao goberno no noso lombo.

E puideron facelo porque, como di o comunicado da UA “As pensións seguen sendo moeda de cambio e non un dereito básico fundamental”.

É un susto e é un aviso, máxime nas vésperas do mes de marzo deste ano cando, como sabemos, toca facer a avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social (disposición adicional 2ª do Real Decreto-lei 2/2023) e adoptar, segundo saia esa avaliación, un aumento dos ingresos, unha redución dos gastos, ou unha combinación de ambos. Un momento “perigoso” á vista da ansia dos nosos banqueiros por xestionar (e cobrar comisións) un sistema privado de pensións. (Ver análise sobre esa DA 2ª i).

Pois ben, Modepén e a UA dámonos por avisados.

Porque “Non imos aceptar nin un só paso atrás nin políticas respecto a as pensións como as adoptadas de 2011 a 2018”. E porque: “Se esta cuestión non está resolta satisfactoriamente antes do 20 de febreiro deste ano, o día 22 sairemos á rúa como o fixemos en xaneiro de 2018”.

Non imos aceptar nin un só paso atrás.