No mes de marzo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizou unha avaliación das previsións sobre ingresos e gastos do sistema público de pensións (SPP). A avaliación concluíu que as medidas de ingresos e gastos adoptadas son suficientes para garantir a viabilidade do SPP até o ano 2050. Este procedemento, estabelecido na Disposición Adicional 2ª do RD-l 2/2023, debe repetirse cada tres anos. Polo tanto, a seguinte avaliación debería facerse en marzo de 2028.
Inesperadamente, o Goberno do Estado anuncia que encargará un informe adicional á AIReF en 2026. Ademais, mudará as regras de avaliación dos ingresos e gastos do SPP. Segundo a disposición adicional 32ª da Lei Xeral da Seguridade Social, as transferencias dos Orzamentos Xerais do Estado deben considerarse un ingreso do SPP. En adiante esta transferencia xa non se considerará un ingreso do sistema, polo que pasaría a recibir a consideración de préstamo e a contabilizarse como resultado dun déficit de recadación.
O Goberno recoñece que esta mudanza de criterio non prevista é consecuencia das presións da Comisión Europea (CE). Mark Rütte, secretario xeral da OTAN, esixiu en decembro reducir o gasto social, e en concreto en pensións, para incrementar o gasto militar até o 5% do PIB. Ursula von Der Leyen, presidenta da CE, apoia firmemente esta política. Ademais, desde hai anos, a CE promove os fondos de pensións privados de capitalización como alternativa aos sistemas públicos de repartición.
A ofensiva contra o SPP procura dous obxectivos:
1º Desviar recursos da protección social e as pensións públicas para as grandes empresas de armamento, o que beneficiará especialmente as compañías estadounidenses.
2º Abrir espazo para os fondos privados de capitalización despois de debilitar os sistemas públicos de repartición.
A quen beneficiarán os fondos privados de capitalización?
Á banca, as compañías de seguros e os fondos de investimento. Por iso financian grupos de “expertos” como Fedea que publican regularmente “informes” alarmistas sobre o déficit do sistema e a necesidade de subscribir contas individuais de plans de pensións privado.
Quen financia o laboratorio de ideas Fedea?
As grandes empresas. Bancos como Caixa Bank, BBVA, Sabadell, Santander, Banca March, Unicaja; e compañías de seguros como Mapfre e Mutua Madrileña. Todas elas interesadas nas comisións que cobran polo depósito e xestión das contas privadas para pensións de xubilación de capitalización.
Que propón o movemento social en defensa das pensións públicas (MSDPP)?
Prevese que nas próximas décadas, a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos pasará do 20% (2 de cada 10) ao 30% (3 de cada 10). As traballadoras e traballadores que se xubilarán a partir de 2030, 2040 e 2050 deben ter dereito a unha pensión digna. Para garantilo será imprescindíbel aumentar o gasto en pensións como porcentaxe do PIB.
O MSDPP vén esixindo que se adopten medidas de aumento de ingresos entre as que destacamos:
1º. Creación dunha nova cotización sobre o valor engadido das empresas que aumentaría a recadación dos sectores intensivos en capital (enerxía, finanzas, tecnolóxicas).
2º. Recuperación da participación dos salarios no PIB perdida nas últimas décadas. O informe sobre competitividade de Mario Draghi cífra no 6% da renda dispoñíbel o que equivale no Estado español a 80 mil millóns de euros. Esta recuperación ademais de permitir recuperar o poder adquisitivo perdido por millóns de traballadores e traballadoras ampliaría a base sobre a que se calculan as cotizacións sociais, incrementando os ingresos do SPP.
3º. Aprobar de vez unha reforma fiscal progresiva que incremente a recadación procedente dos dividendos en máximos históricos e dos grandes patrimonios.
MODEPEN, como parte do MSDPP quere alertar ás traballadores e traballadores en activo de que a OTAN e a Comisión Europea pretenden reducir as súas pensións futuras, e outras prestacións sociais, para as converter en gasto militar.
Nos próximos meses desenvolveremos un labor de información sobre as ameazas que pairan sobre as pensións públicas.
Ese labor de información creará as condicións para unha mobilización contra o aumento do gasto militar e en defensa do SPP que deberá ser o más masiva posíbel.
Galiza, Xuño de 2025
Participa!