Mobilización o 21 de Febreiro en Compostela: pola dignidade e pola defensa dos nosos dereitos

Que é o chamado Real Decreto-Lei “ómnibus”?

Unha lei que o Goberno pretendía levar adiante e que contiña diferentes medidas de distintos ámbitos (transportes, pensións, fiscalidade, vivenda…). En vez de implementar unha a unha cada reforma, con este Decreto se pretendía facelo de forma simultánea.

O Goberno non logrou o apoio necesario para aprobalo: 177 votos en contra e 171 a favor. Votaron en contra o PP, VOX, Junts e UPN.

¿Cales son as principais medidas que contemplaba o chamado Real Decreto “Ómnibus” e que quedan paralizadas ao non superar o trámite parlamentario?

1. Suba das pensións.

A revalorización das pensións segundo o IPC, que pretendía mitigar a perda de poder adquisitivo por mor da inflación. e que supuña un incremento xeral do 2,7% e ata un 11,4% nas máis baixas, ademais dunha suba do 7,8% do complemento para a redución da fenda de xénero.

2. Ingreso Mínimo Vital.

O incremento da prestación do Ingreso Mínimo Vital do 11,4%, que procuraba mellorar a economía das persoas máis vulnerables.

3. Moratoria anti-desafiuzamentos.

A extensión das medidas contra os desafiuzamentos das persoas vulnerables, que poderían ser freados por un tribunal se non existía unha alternativa habitacional para as familias expulsadas.

4. Cotizacións sociais.

A perda de recursos que irían ao Fondo de Reserva (a “hucha” das pensións) ao aumentar as cotizacións dos salarios máis altos (aumentaban un 4%).

5. Prohibición de corte dos subministros básicos.

A prohibición de cortar os subministros básicos (luz, auga e gas) ás persoas vulnerables.

6. Bonos sociais.

A prolongación das axudas (bonos sociais) para reducir a factura eléctrica para os fogares vulnerables.

7. Axudas ás persoas afectadas pola DANA.

Un financiamento extraordinario para a Com. Valenciana para atender os danos provocados pola DANA, ademais de ampliar os prazos para pedir subvencións e axudas por parte do sector agrario. Tamén incluía unha serie de medidas económicas para tratar de paliar os efectos da erupción volcánica da illa da Palma en 2021.

8. Deducións fiscais por melloras enerxéticas.

A prórroga das deducións fiscais por inversións en melloras de eficiencia enerxética nas vivendas e pola compra de vehículos eléctricos.

Cal é a situación a día de hoxe?

Ante a negativa do Congreso de aprobar este Decreto o pasado 27 de xaneiro, ao Goberno non lle quedou outra que trocealo tramitando dous Decretos por separado:

Un que garanta o aumento das pensións, e un segundo que prorrogue a suspensións dos desafiuzamentos das persoas vulnerables en determinados casos (para contentar aos partidos da dereita que xa se manifestaron en contra), e outras medidas do “escudo social” que poidan contar co consenso parlamentario (subministros básicos, tributación, axudas…).

Por que MODEPEN se vai mobilizar o 21 de febreiro en Compostela?

As razóns son evidentes. Non podemos estar ano tras ano agardando o acordo dos partidos políticos no tocante á revalorización das pensións con respecto do IPC. Consideramos que cae de caixón que se o custo da vida sube cada ano, as pensións deben facelo, polo menos, na mesma medida. A súa suba automática para manter o poder adquisitivo, como mínimo, ten que quedar garantida por Lei sen depender da aprobación ou non dun decreto-ómnibus anual. Porque sabemos o que farán os partidos da dereita se chegan a gobernar. Por outra parte, o conxunto de medidas de carácter social xa nomeadas afectan a milleiros de familias e pensionistas, principalmente a aquelas que están nunha situación vulnerable, e paralizalas supón agravar a súa situación.

Por elo, xunto coas plataformas de pensionistas do resto do Estado, continuaremos manifestándonos nas rúas e solidarizándonos con todos os sectores sociais que se vexan afectados pola marcha atrás na adopción dunhas medidas que consideramos xustas e necesarias.

En defensa do “Escudo Social!

Acude con nós a Compostela o 21 de febreiro e faite ouvir!

Os dereitos non están garantidos senón os defendemos día a día!

Na mobilización está a nosa forza!

Hoxe por tod@s, mañá por tí!