O Diario.es (xornal considerado próximo ao goberno) infórmanos na ligazón adxunta do inicio da última fase da “Reforma das pensións”, en concreto o cálculo da xubilación e a cotización dos soldos máis altos.
Unha Reforma na que se ben atopamos algúns elementos positivos, froito da presión exercida polo movemento pensionista que conseguiu tumbar parte das medidas do anterior goberno de Rajoy como o “famoso” 025% ou o compromiso de sacar os gastos impropios da Seguridade Social ou o de realizar a tan necesaria auditoría (que, sen embargo, neste momento segue sen concretar).
Pero xunto a estes escasos puntos positivos a Reforma contén graves elementos negativos que levaron as plataformas e movementos de pensionistas dos diferentes Pobos e Comunidades do Estado a convocar para o 15 de outubro unha gran mobilización en Madrid esixindo a revalorización das pensións en función do incremento do IPC acumulado anual, por unha Pensión Mínima do 60% do salario medio, a eliminación da fenda de xénero en salarios e pensións e polo rexeitamento á privatización do Sistema Público de Pensións (SPP).
Tamén esixiremos a realización da prometida auditoría das contas da Seguridade Social aprobada na Lei 21/2021, do 28 de decembro, e aínda non realizada malia que xa pasaron máis de 6 meses desde que esa Lei foi aprobada, e ese era o prazo máximo para a súa realización de acordo co texto da mesma lei.
E desde logo estaremos pendentes deste último tramo de reformas, que vemos con razoable preocupación.