Artigo publicado en “65ymás” con información sobre a manifestación do 15 de outubro: Destácase a auditoría da Seguridade Social e a inflación.
1. A auditoría da Seguridade Social é unha reclamación histórica dos pensionistas, recollida por fin na Lei 21/2021, do 28 de decembro, mais aínda pendente. “Entre 1989 e 2013 España gastou máis de 103.690 millóns que pertencían á hucha das pensións noutras cuestións. Foi unha práctica aparentemente legal pero incorrecta, que fixo desaparecer os excedente de cotización ese colchón tan necesario para épocas de crise”. Queremos saber a verdade sobre o tan cacarexado “déficit do sistema”.
2. Outro obxectivo resaltado é a inflación: Como din os compañeiros de Andalucía (MADPP) “O novo mantra é que actualizar as pensións en función do IPC non é posible porque aumentaría a inflación e produciría máis déficit e máis débeda pública. Saben que menten, porque as pensións non afectan ás contas das empresas aumentando os seus gastos que “xustificarían” unha suba de prezos. Ademais, as pensións contributivas páganse coas cotizacións dos traballadores. Non se pagan con impostos e non producen déficit”.
Esta manifestación non vai ser o punto final das mobilizacións e xa estamos preparando mobilizacións para novembro. E seguiremos ata conseguir reverter as contrarreformas que nos están impondo. Como din os convocantes: “Ata acabar coa brecha de xénero en salarios e pensións, recuperar os dereitos perdidos nas sucesivas reformas das pensións, xerar un reparto equitativo da riqueza e mellorar e garantir servizos públicos e comunitarios universais de calidade.”
Unhas mobilizacións para as que estamos quentando motores. En Vigo, Ribadeo, Val Miñor, A Coruña… ou, o vindeiro 10 de setembro, Ferrol, etc.