Ata o 15 de outubro seguimos a recoller sinaturas contra os aspectos máis negativos da Reforma Escrivá.

O artigo 50 da Constitución vixente di: “Os poderes públicos garantirán, mediante pensións adecuadas e actualizadas periodicamente, a suficiencia económica dos cidadáns durante a terceira idade. Así mesmo, e independentemente das obrigas familiares, promoverán o seu benestar mediante un sistema de servizos sociais que atenderán os seus problemas específicos de saúde, vivenda, cultura e lecer”.

Cómpre lembralo. Porque unhas pensións públicas dignas non son un privilexio senón un dereito, un dereito que, na nosa regulación, xérase ao longo da vida laboral activa mediante as cotizacións sociais (que son salario indirecto das persoas traballadoras), a través dun sistema solidario de repartición.

Máis este dereito, como adoita pasar con outros instrumentos do estado de benestar, é un bocado moi apreciado polo poder financeiro e o capital especulativo. Pretenden eliminar ese dereito social, converténdoo nun suculento negocio para a banca, as aseguradoras e as xestoras de fondos privados.

A peza fundamental son os chamados plans de pensións de empresa (PPEs), que pretenden ser o inicio da privatización das pensións públicas, utilizando subvencións e desgravacións fiscais (que pagaremos entre todos/as) e mantendo e afondando nos aspectos máis negativos do sistema actual, como a brecha de xénero ou pensións mínimas por baixo do 60% do Salario Medio, ou o cambio no sistema de cómputo do “IPC real”, que supuxo unha perda do poder adquisitivo precisamente neste ano no que a inflación se dispara. Trátase de depreciar o sistema de reparto para facer “inevitábel” eses Plans de pensións de empresa.

Por todas estas razóns Modepen, e outras organizacións do estado, chamamos ás xentes traballadoras de calquera idade, pensionistas de hoxe ou de mañá, a que tomen conciencia do que nos estamos xogando e, entre todas e todos, consigamos estes obxectivos:

           -EVITAR O EMPOBRECEMENTO DAS PENSIÓNS.

          -PENSIÓNS DIGNAS PARA TODOS E TODAS.

          -PENSIÓNS PÚBLICAS, NON Á PRIVATIZACIÓN.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE

Para conseguir estes obxectivos imos iniciar un período de mobilizacións, empezando en Madrid este 15 de outubro, onde, ademais, faremos entrega no Congreso dos Deputados das decenas de miles de sinaturas recollidas ata ese momento.

Se aínda non asinaches podes facelo nas mesas que estamos a poñer ou no enlace que achegamos.

Ligazón para asinar.

Outros enlaces de interese:

– Convocatoria manifestación 15 de outubro.

– Informacións de utilidade na páxina de Modepen sobre esta mobilización.