O 19 de Novembro voltamos á rúa en Santiago en defensa dos Servizos Públicos.

Como sabemos o pasado 15 de outubro os Movementos de pensionistas do estado manifestármonos unitaria e masivamente en Madrid en Defensa da suba de salarios e pensións de acordo co IPC real, pola Eliminación da brecha de xénero tanto en salarios como en pensións, por unhas Pensións mínimas dignas, contra a Privatización do sistema público de pensións, en Defensa de todos os servizos públicos e pola realización dunha vez da Auditoría de Contas da Seguridade Social.

De como foi esta manifestación tedes cumprida información nestas mesmas páxinas. Como broche final por agora o pasado día 27 de outubro presentáronse no Congreso dos Deputados as sinaturas recollidas para esixir estas mesmas reivindicacións (máis de 225.000 segundo “65 y más”: https://www.65ymas.com/futuro-pensiones/pensionistas-entregan-225000-firmas-exigiendo-subida-pensiones-con-ipc-real_44680_102.html) .

No acto de entrega Gonzalo Balo, de Modepen, esixiu o cumprimento dunha vez por todas dos prazos estabelecido na Lei 21 do 28 de decembro de Auditoría das Contas da Seguridade Social, como podemos ver neste vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=cdOLsoflDbg

Porque, a quen non lle interesa demostrar con luz, taquígrafos e números que o actual Sistema de Reparto das Pensións é perfectamente viábel? Porque ese é o problema, que a Auditoría vai por números aos cartos que o Estado sacou da caixa da seguridade social, os gastos impropios, e iso non interesa aos poderosos sectores que vén un gran negocio no “suposto fracaso” do Sistema Público e na “suposta insotenibilidade” do mesmo, eses “corvos” privatizadores, que ven como se lles pode escapar ese gran negocio da súa privatización. Por de pronto están ganado tempo para desenvolver o seu plan.

Modepen e os demais movementos de pensionistas non imos ficar calados. Imos seguir a saír á rúa. E xa puxemos data, o vindeiro 19 de novembro, en Compostela: En Defensa do Estado do Benestar e dos Servizos Públicos. E non estaremos sós, iremos da man doutros colectivos interesados nos mesmos obxectivos.