Como xa falaramos na nosa páxina o día 14 de outubro (artigo ao que nos remitimos para ampliar https://www.modepen.org/index.php/2022/10/11/caminan-a-bancarrota-a-seguridade-social-e-o-seu-sistema-de-publico-de-pensions/ ) unha das tarefas pendentes da Seguridade Social, e que legalmente xa non debería de estalo, é a auditoría das súas contas. Unha auditoría que debe clarificar dunha vez por todas se se trata dun organismo deficitario, como mantén o mantra oficial, ou se en realidade a Seguridade Social é a principal acredora duna Administración central que leva décadas gastando os sus recursos.
Non estamos falando dunha cantidade menor. O Tribunal de contas estimou hai dous anos en 103.690 millóns de euros, como mínimo, o financiamento que a Seguridade Social achegara entre 1967 e 2018 ao resto das administracións para cubrir conceptos non contributivos. Cantidade, repetimos, mínima e que previsibelmente será superior. E sen contar os intereses.
Pero, mentres non se faga esta auditoría, as empresas adicadas á captura por privatización dos cartos do sistema da Seguridade Social seguirán baseándose nos datos “oficiais” para, con argumentos falaces vestidos de artigo de prensa, intentar convencer ao conxunto da sociedade, e a cantos máis incautos concretos mellor, da necesidade de subscribir Plans de Pensións Privados como os recentemente aprobados Plans de Pensións de Empresa. Plans nos que o único seguro é que os xestores (estas empresas, como no noso caso Mapfre) van recibir grandes comisións, independentemente do resultado, positivo ou negativo, da súa xestión.
Unha publicidade para a que necesitan o argumento da tendencia inevitábel do déficit da Seguridade Social. Un déficit que se xustifica en que no 2021 o fondo de reserva era xa de tan só 2.138,00 millóns de euros, cando xa sabemos que a esa cantidade habería que sumarlle, como mínimo, a xa controlada polo Tribunal de Contas. É dicir, como mínimo habería 103.690,00 millóns de euros, superando con creces ao máximo do Fondo (en 2011, con 66.815 millóns) co que cambia radicalmente o conto. Ese conto que permite a Mapfre facer este resume do “seu artigo”: “Ahorrar no es un lujo, sino una necesidad de cara al futuro”.
O máis grave é que a publicidade estea escrita como se fose un artigo serio, redactado por unha xornalista, e publicado nunha revista que se supón seria, e non como o que é: publicidade enganosa
Nota: Este artigo recoméndase lelo unicamente para ler en modo retranca e con moita calma, senón advertimos que pode ser perigoso para o estado de ánimo e a saúde física, psíquica e intelectual.
Ligazón a artigo de 65ymás: ¿Qué es la hucha de las pensiones y por qué es tan importante?