A necesidade da Organización e da Unidade de Acción.

O 13 de xaneiro de 2023 as organizacións de pensionistas incluídas na “Unidade de Acción” publicamos o Documento que achegamos e no que realizamos 1) Unha valoración do sucedido neste pasado ano 2022, 2) As respostas do noso movemento a esta situación, 3) As vitorias conseguidas e 4) As tarefas que temos pendentes.

1) O 2022 estivo marcado pola crise das materias primas e a guerra de Ucraína, ante o que a Unión Europea optou por aceptar un papel subalterno en relación aos Estados Unidos e a OTAN desviando dese xeito enormes recursos económicos a gastos militares. Recursos que deberían ter sido destinados a erradicar a pobreza, precariedade, desigualdade e exclusión social que padece a cidadanía. Unha elección que propicia o rexurdir do fascismo e o autoritarismo.

Así, no documento analízase o aumento brutal da inflación e dos tipos de interese en comparanza cos escandalosos beneficios das empresas do IBEX 35. E tamén se analizan as dúas fases da Reforma das Pensións, coa introdución do chamado “IPC medio” e a supresión da paga compensatoria coa consecuente redución do poder adquisitivo, a promoción dos Plans Privados de Empresa (pistoletazo de saída da privatización do sistema de pensións) ou o positivo acordo de realizar unha Auditoría, ilegalmente aínda non cumprido.

2) O movemento pensionista respondeu con mobilizacións como a recollida de máis de 240.000 sinaturas entregadas en outubro ao Congreso dos Deputados, a mobilización unitaria do 15 de outubro, a rolda de entrevistas coas forzas políticas do Congreso ou a mobilización descentralizada do 19 de novembro, desta vez xunto ao sindicalismo combativo e os movementos sociais, como un paso máis na loita conxunta.

3) Unhas mobilizacións que deron os seus froitos. Lembremos a suba do 8,5% (con todos os seus peros, que os ten), a inclusión dos gastos impropios dentro dos orzamentos xerais, os adiamentos de medidas como a ampliación do período de cómputo para o cálculo das pensións ou a creación da “Axencia Estatal da Administración da Seguridade Social” (co seu risco de privatización patrimonial da SS) ou a admisión a trámite no Parlamento Europeo do debate sobre a penalización con coeficientes redutores dos e das pensionistas con longas carreiras de cotización, á hora de xubilarse anticipadamente.

4) E a loita ten que continuar ata conseguir as nosas demandas, entre as cales: Recuperar o poder adquisitivo de salarios e pensións, suba inmediata das pensións mínimas, acabar coa fenda de xénero, realización da Auditoría da Seguridade Social, derrogación dos recortes das reformas de pensións de 2011, 2013, e 2021, e da promoción dos Plans Privados de Empresa, eliminación dos coeficientes redutores ás longas carreiras de cotización, oposición a descapitalización da Seguridade Social e ao aumento dos anos para o cálculo da base reguladora da pensión…

O Documento conxunto remata manifestando a vontade de reforzar a Unidade de Acción Pensionista e “a nosa vontade de unir as nosas loitas coas que se desenvolven en prol dos dereitos laborais, dos servizos públicos esenciais, como a sanidade, a educación, a vivenda, os coidados ás persoas dependentes (xestión das residencias de maiores, servizos de atención domiciliaria…)”

Asinan o Documento:

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar),

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones),

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria),

MADPP (Movimiento Andaluz en Defensa de las Pensiones Públicas),

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos),

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas),

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles, …

 

COMUNICADO DA UNIDADE DE ACCION PENSIONISTA DO 13-01-2023