Modepen solidarízase coa loita en defensa de pensións dignas en Francia

O Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN), así como a totalidade das organizacións que fan parte da Unidade de Acción a nivel estatal, solidarízase coa manifestación convocada en París para o 21 de xaneiro de 2023, proposta nun primeiro momento por 10 organizacións xuvenís e apoiada despois por multitude de organizacións sociais (como os coletes amarelos), partidos políticos (como a Franza Insumisa) e a totalidade do mundo sindical nun exemplo de unidade contra a ofensiva neoliberal e contra a precarización das pensións públicas e a súa privatización.

En concreto Modepen convoca unha concentración o día 20 de xaneiro, venres, ás 12:30 horas, na Praza Roxa de Santiago de Compostela, que rematará diante do Consulado Francés para entregar un comunicado de apoio á loita contra as medidas do goberno francés, no fondo semellantes ás que se pretenden aplicar aquí.

Porque esas medidas (os incrementos da idade de xubilación e do tempo mínimo de cotización para ter dereito á pensión máxima) forman parte dunha mesma ofensiva global neoliberal que, coa desculpa dunha suposta insostibilidade dos sistemas públicos de pensións de reparto, da crise económica ou da guerra, pretenden recortar os dereitos sociais e laborais. Unha ofensiva neoliberal que está construíndo, día tras día, o caldo de cultivo da extrema dereita.

A destacar que a iniciativa de convocar a manifestación francesa xurdiu dun acordo de varias organizacións da mocidade que demostraron un gran sentido da realidade ao recoñecerse como principais prexudicados pola regresiva reforma das pensións. Como din no seu comunicado:

“Neste contexto, o Goberno decidiu atacar as nosas pensións… Como futuros traballadores e traballadoras, rexeitamos unha reforma que nos fará traballar máis tempo e dificultará a nosa incorporación ao mercado laboral…”

Un comunicado dos movementos xuvenís que remata cun chamamento á unidade que facemos noso “debemos organizar o contraataque estando na rúa e realizando folgas e mobilizacións masivas para deter a este goberno con todas as forzas que queiran unirse a nosoutros na batalla.”

Comunicado de MODEPEN

Nota de Prensa da Unidade de Acción Pensionista.

Comunicado da Mocidade Francesa (Orixinal e traducido).