Valoración de urxencia da negociación sobre a última fase da reforma das pensións.

Compartimos neste enlace a nosa Valoración de Urxencia diante dalgunhas das medidas sobre a segunda parte da reforma das pensións feitas públicas nos medios de comunicación este venres día 10. Trátase, por tanto, dunha valoración de urxencia e provisional, feita antes de pecharse a mesa de diálogo e sen que se sexa público o texto definitivo do acordo. En resume, valoramos:

Que parece que non vai haber endurecemento do período de cálculo da base reguladora das novas pensións iniciais. Pola contra semella que nos vindeiros 20 anos, as traballadoras e os traballadores poderán optar pola máis favorábel de dúas posibilidades: seguir como ata agora ou realizar o cálculo sobre os últimos 29 anos, mais descartando os dous menos favorábeis (Esta opción voluntaria favorecería as traballadoras e traballadores con carreiras de cotización irregulares).

Que estas medidas non son firmes e que por agora destacamos a mudanza de discurso: do “non hai recursos” a “hai que buscar ingresos para pagar as pensións futuras”

Que esta mudanza é froito da mobilización social na Galiza, en todo o Estado español e en Francia (lembremos que neste tema tamén intervén Bruxelas) e confírmanos na convicción de que é imprescindíbel continuar o labor de información, organización e mobilización. Neste sentido situamos como obxectivos os seguintes: Recuperar os 65 anos como idade legal de xubilación e Derrogar a Lei Escrivá dos fondos de pensións de empresa.

– Constatamos e felicitámonos polos avances conseguidos coa mobilización social: a Actualización das pensións ao 8,5%, a Suba das pensións mínimas e non contributivas un 15% e a Paralización do incremento do número de anos para calcular a base reguladora.

É posíbel avanzar en dereitos. A mobilización social é o único camiño.

Ligazón ao documento: Valoración de urxencia da negociación sobre a última fase da reforma das pensións.