O pasado 17 de marzo publicouse no BOE o “Real decreto-lei 2/2023, do 16 de marzo, Sobre o número de anos para cálculo da base reguladora das pensións”. Con esta cuarta lei remata o actual ciclo de reformas do sistema de pensións.
Estas catro leis (brevemente Lei 21/2021, Lei 12/2022, Rd-lei 13/2022 e o mencionado Rd-lei 2/2023) son, por tanto, o resultado do pulso mantido durante estes anos entre o movemento pensionista de Galiza e do resto do Estado contra o intento de actualizar e afondar na privatización do sistema de pensións públicas.
Unha privatización que, ante a ineficacia dos obsoletos plans individuais de pensións, necesitaba crear un novo marco privatizador (Lei 12/2022 do 13 de xuño sobre os Plans de pensións de emprego) que permitirá desviar fondos públicos para alimentar fondos privados de capitalización, que crearán desigualdade e inestabilidade financeira.
Unha privatización que, para que sexa mellor asumida, necesita dunha desvalorización das pensións públicas (incrementos por debaixo do IPC, mantemento da brecha de xénero, incremento do cálculo da base de cotización, etc) e da creación dun “relato” (do tipo “non hai cartos abondos para un gasto crecente” ou “a seguridade social xa ten un déficit excesivo”…) que nos convenza da inevitablidade desa privatización. Como vemos nada novo, é o mesmo esquema que se repite nos intentos de privatización da Sanidade ou da Educación públicas, por pór dous exemplos ben coñecidos.
Nesta longa confrontación sufrimos derrotas pero tamén demostramos a nosa forza conseguindo algunhas vitorias certas, que obrigaron ás forzas privatizadoras a recuar nalgunhas das súas pretensións, revertendo en parte a desvalorización das pensións públicas (aumento do 8,5% en xeral e do 15% para as mínimas e as non contributivas…), ou conseguindo cambiar, tamén en parte, o “relato”, con consecuencias positivas, como deixar de falar só dos gastos e empezar a falar (e non só falar, claro) dos ingresos (cotización adicional de solidariedade, mecanismo de equidade interxeracional e incremento da base máxima de cotización) ou a lei para realizar a auditoría das contas da Seguridade Social (camiño de clarificar iso do “déficit” do sistema).
Estamos así nun momento en que debemos de realizar un balance polo miúdo para valorar as nosas vitorias e as nosas derrotas, que nos permita definir cales han de ser os nosos obxectivos a partir de agora.
Conscientes deste fin de ciclo, o movemento pensionista, tanto a nivel Estatal como Modepen en Galicia, temos reflexionado e emitido senllos comunicados, que reproducimos a continuación: