V ASEMBLEA DE MODEPEN- O PORRIÑO, 3 DE XUÑO

O Movemento pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos celebrou o pasado 3 de xuño de 2023 a súa V asemblea no Centro Cultural Municipal do Porriño.

Constituída a mesa para presidir a asemblea procedeuse, segundo a orde do día, a debater as emendas ao documento “As ideas que nos unen”, que vén ser o documento base do noso movemento, partindo do xa aprobado na anterior asemblea do 29-01-2022.

(No ANEXO ao final deste documento hai un enlace ao texto previo aprobado na asemblea de 2022 e á redacción actual despois da asemblea de 2023)

Este documento comprendía, na redacción de 29-01-2022, os seguintes apartados:

I. Unha introdución, na que se facía unha análise da evolución do movemento pensionista desde a nosa fundación e que, coas emendas introducidas nesta asemblea, chega ata a data actual.

II. Os principios polos que se rexe Modepen.

III. Unha Táboa reivindicativa, cos seguintes bloques: A) Bloque Legal. B) Bloque Económico. C) Bloque Social. D) Bloque de Servizos Sociais. E) Bloque Autonómico.

IV. Acabar coa Fenda de Xénero.

A este documento, unha vez actualizado pola Comisión redactora nomeada para preparar esta asemblea, presentáronse 6 emendas (que se poden ver, na redacción previa ao debate, no ANEXO ao final deste texto) e que relacionamos sucintamente a seguir:

a) A primeira emenda analiza os feitos máis relevantes ocorridos desde a última asemblea (a 4ª fase do noso movemento) mencionando o fin da reforma coa aprobación en marzo de 2023 do RDL 2/2023 que completa o conxunto de leis sobre a reforma das pensións, (que) pon de relevo unha serie de aspectos, tanto positivos coma negativos, que deberán marcar a nosa axenda a curto e medio prazo. e define onde deberían incidir principalmente as nosas accións futuras, en concreto:

  • – Conseguir que non haxa ningunha pensión por baixo do salario mínimo.
  • – Que se leve a cabo a auditoría das contas da SS aprobada no Parlamento.
  • – Que se eliminen as condicións que gravan as carreiras laborais de 40 e máis anos.
  • – Que se remate coa fenda de xénero nas pensións e nos salarios.
  • – Que se derroguen os recortes recollidos nas leis dos gobernos de Zapatero e Rajoy.
  • – Impedir calquera xeito de privatización das pensións.
  • – Estreitar lazos cos movementos sociais e de pensionistas internacionais para dotarnos de maior forza nas reivindicacións que nos son comúns.

b) A segunda emenda é un total de 16 proposta de cambios de redacción, algunhas de maior e outras de menor calado. Especial relevancia teñen as seguintes:

-Número 3, para aclarar, na Introdución, no primeiro parágrafo da 2ª fase, a evolución do IPC e a suba das pensións nos últimos anos ata o actual 2023.

-Número 4, tamén na Introdución, 2ª fase, no segundo parágrafo para matizar a actuación das diferentes forzas políticas, coa redacción: “O Goberno aceptou subir as pensións segundo o IPC medio acumulado. As forzas políticas á súa esquerda asumen, con distinta intensidade, as propostas do MSDPP. Só os partidos da oposición , PP, Vox, CS, reclama a práctica conxelación do poder adquisitivo das pensións”.

-Número 5, tamén na Introdución, na 3ª fase, ao falar das “batallas decisivas”, número 2 ao falar do mecanismo de “equidade inter-xeracional”, ao final do punto, cambiar “Consideramos necesario o aumento do gasto en pensións como porcentaxe do PIB” por “Desde 2008 até 2022 a partida en pensións como porcentaxe do PIB aumentou un 50%, pasando do 8,5% ao 12,8% do PIB. Nas próximas décadas aumentará a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total. A CE preme para conxelar a partida en pensións. O MSDPP debe traballar para aumentar a porcentaxe de PIB dedicada ao pagamento das pensións”.

-Número 10, na Táboa reivindicativa, Bloque legal, punto 2. modificar para que quede redactado do seguinte xeito: “2. Restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos. O parlamento do Estado constituirá unha comisión para estudar o adianto da xubilación antes dos 65 anos tendo en conta a taxa de paro total, a taxa de paro xuvenil, a taxa de actividade feminina e a necesidade de reducir o nivel de produción e consumo de acordo coas esixencias da transición ecolóxica. Tendo en conta os mesmos criterios, reavaliaranse os coeficientes redutores profesionais”

-Número 11, mesma Táboa reivindicativa, Bloque legal, cambiar o punto 4. polo seguinte: 4. A derogación da Lei de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego, de 30 de xuño de 2022 e a creación dun fondo de pensións de promoción, depósito e xestión pública para investir na transición enerxética e financiar a constitución dunha Empresa Pública Galega da Enerxía.

Este punto foi obxecto de forte debate, votándose entre 4 alternativas. A redacción final foi aprobada por maioría de votos respecto á totalidade das outras tres.

-Número 13, mesma Táboa reivindicativa, Bloque legal, punto 11. que queda do seguinte xeito: “11.Reforma fiscal radical para construír un sistema progresivo que garanta ingresos suficientes para financiar sistemas 100% públicos de sanidade, educación, dependencia e pensións, e para erradicar totalmente a pobreza, así como para a crecente necesidade de intervención pública na economía.”

c) A terceira emenda pretende estabelecer principios básicos sobre as pensións non contributivas, entendendo por tais aquelas que perciben as persoas pensionistas que non teñen dereito á pensión contributiva. Consiste en incluír un novo punto 3 na Táboa reivindicativa, Bloque social, cambiando, en consecuencia, a numeración dos puntos seguintes. O novo punto di:

3. As pensións non contributivas pagaranse con cargo aos Orzamentos xerais do estado nunha contía que ha de ser Suficiente para poder vivir con dignidade segundo os criterios homologados da Carta social europea. A pensión non contributiva é un dereito individual e, por tanto, nacerá cando a persoa, independentemente da súa situación familiar ou de convivencia, acade a idade legalmente estabelecida e non cobre ningunha pensión de carácter contributivo, ou se confirme a situación de discapacidade que xere o dereito a cobrala.

As razóns de por que esta redacción están explicadas na propia proposta.

d) A cuarta emenda engadindo a necesidade dunha estratexia común dos movementos sociais na Introdución, apartado de Principios xerais, no Principio 3, engadir Todo, como resposta un contexto histórico que reclama como nunca de movementos sociais fortemente afianzados nunha estratexia común impulsora de profundos cambios sociais.

A redacción final do principio será: Principio 3. Para conseguir os seus obxectivos MODEPEN constitúese como organización soberana galega e participa no MSDPP. Fronte a un horizonte socioeconómico de considerable incertidume para o mundo do traballo, MODEPEN reafírmase na súa condición de movemento social permanente, para contribuír ao desenvolvemento da conciencia crítica da sociedade e dar sentido organizativo á mobilización social. Todo, como resposta un contexto histórico que reclama como nunca de movementos sociais fortemente afianzados nunha estratexia común impulsora de profundos cambios sociais

e) A quinta emenda consta de dous apartados:

– O primeiro corresponde coa Introdución, Fase 4, Sexto parágrafo, ao falar do sucedido neste último período, propondo incluír unha previsión concreta, achegada neste ano polo propio Ministro da Seguridade Social, aos “gastos impropios” (140.000. millóns de euros). O parágrafo finalmente queda redactado do seguinte xeito:

– Dótase de ingresos fixos ao Fondo de Reserva da SS (a “hucha” das pensións) e se desbota usalos para outros fins que non sexan o pago das pensións contributivas (gastos impropios). O goberno a traverso do Ministro da Seguridade Social admitiu unha débeda de mais de 140.000 millóns de euros nestes gastos.

– O segundo propón incluír un novo punto 8 na Táboa Reivindicativa. Bloque social, coa seguinte redacción final:

8. Exiximos ao goberno que garanta que as Administracións Públicas ofrezan atención presencial e personalizada para todas as persoas, así como dixital para quen así o prefira, evitando así as nefastas consecuencias para todas as persoas mais desfavorecidas: maiores, migrantes, xente no paro, etc, pola súa dificultade para usaren os medios dixitais e ter que depender de familiares ou amizades no mellor caso, incluso gravar cos gastos innecesarios de xestión cando non hai unha posibilidade de axuda.

f) A sexta emenda comprende á súa vez catro apartados:

-O primeiro para suprimir o Principio 4 (pacifismo) e trasladalo a un anexo que iría ao final do documento denominado “Cuestións novas que nos preocupan e interesan” xunto con outros puntos (Ver o cuarto apartado neste grupo)

-O segundo e terceiro unificáronse tras o debate nun novo Principio 4 co seguinte texto:

Principio 4. MODEPEN é unha asociación en defensa das pensións públicas. Agora non estamos loitando só para nós, para conseguirmos o noso convenio colectivo sectorial, senón que pretendemos interesar tamén á poboación nova. Loitamos para que teñan prestacións sociais, afianzando e mellorando un sistema público sostible de pensións de reparto, para que como en Francia se preocupen e se mobilicen pola súa defensa. Debemos facer un traballo de concienciación, de pedagoxía, sobre dito sistema, para que coñezan o seu valor individual e social, a solidariedade interxeracional que supón e que adopten estas reivindicacións como súas e para defenderen o seu futuro. MODEPEN considera imprescindible ofrecer formación acerca da Seguridade Social e o sistema público de pensións.

-O cuarto consiste en crear un anexo que, tras o debate en asemblea, queda redactado co seguinte texto:

ANEXO

OUTRAS CUESTIÓNS QUE NOS PREOCUPAN E INTERESAN

Aínda que sexamos pensionistas non deixamos de ser cidadás e cidadáns deste país e deste tempo polo que temos que abrirnos a outras perspectivas e problemas.

A.- PACIFISMO

Declaramos que non existen “guerras xustas” e que toda guerra é unha derrota da humanidade; que o pacifismo e o antimilitarismo son a única vía de pensamento e acción moralmente aceptable.

Porque no tema da paz non podemos ser equidistantes e non queremos ser cómplices co noso silencio do espallamento da industria da morte, reiteramos a nosa aposta decidida polos principios do humanismo pacifista, rexeitamos a guerra como vía de solución dos conflitos, defendemos o valor da diplomacia entre os pobos e, coherentemente, rexeitamos o incremento dos orzamentos en gastos militares, que deberan ser destinados a asuntos sociais.

B.- FEMINISMO

As mulleres somos a metade da humanidade. O feminismo é unha esixencia democrática de igualdade entre os sexos. O patriarcado secular no que nacemos e que nos educou, a vós e a nós, fai que pareza natural que as mulleres teñamos que soportar a subsidiaridade, a inferioridade ( o segundo sexo) e a desigualdade na nosa vida, tanto no ámbito familiar coma na presenza en instancias públicas e laborais. Hai outras olladas, outros exemplos, paga a pena írmonos interesando na aparición de novas masculinidades non tóxicas como novos referentes de homes, sobre todo no ámbito educativo.

C.- CUESTIÓNS ECOLÓXICAS

O futuro sostible do planeta estase esgotando pola avaricia insensata do capitalismo. Ademais, a industria da publicidade, a influencia constante dos medios de comunicación, e a omnipresencia de internet transfórmanos de cidadás e cidadáns en consumid@rs compulsiv@s.

Temos o reto de construír un sistema enerxético alternativo en beneficio das necesidades colectivas e das comunidades rurais e urbanas, engadindo ao cálculo mercantil a valoración do dano que poida provocar na flora, na fauna, na paisaxe e na poboación. O dano ambiental intensifícase, a eazando o futuro ecolóxico da hmanidade. Non negamos que haberá que encarar sacrificios, porque os cambios os provocan, pero deberán reducirse ao máximo e compensalos axeitadamente.

En calquera caso, debemos optar por un decrecemento produtivo mediante certa austeridade individual e colectiva que nos leve a rebaixar o consumo, sen admitir a postura egoísta de “ eu pago e podo permitirmo”, xa que o consumo excesivo dos privilexiados é un expolio para a cidadanía.

Terminado o estudo das emendas continuouse, xa pola tarde e despois do xantar, co estudo da orde do día, decidindo a asemblea que non era necesario realizar ningunha modificación aos estatutos e tampouco modificar os membros da Xunta Directiva, co que se deu por rematada a asemblea extraordinaria

A continuación celebrouse unha asemblea ordinaria, na que se deu conta da xestión e memoria de actividades do ano anterior así como do balance anual de ingresos e gastos.

A continuación e por Antonio Pasarín presentouse o “Informe de MODEPEN nas Redes Sociais” e unha proposta para a creación do Grupo de Publicacións, proposta que resultou aprobada.

A asemblea transcorreu nun agradábel ambiente de camaradería. Ao final vos deixamos unha pequena reportaxe fotográfica.

ANEXO