Manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 04-02-2024.

O 12 de febreiro de 2023 tivemos que saír á rúa porque “a Sanidade Pública Galega estaba en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque era “necesaria unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Case un ano despois SOS Sanidade Pública vese obrigada a volver a convocar por eses mesmos motivos. Nun ano non se ten avanzado nada na solución dos problemas da nosa sanidade. Máis ben, seguimos a retroceder. O chamamento, que evidentemente apoiamos desde Modepen, é para o vindeiro 4 de febreiro, ás doce horas, en Compostela (1)

Diante dunha Sanidade Pública Galega en coma, na última fase do seu desmantelamento, é necesaria unha gran mobilización social e profesional, na que esixamos solucións como as que SOS Sanidade Pública e as súas 55 organizacións (que abranguen plataformas cidadás, organizacións políticas e sindicais e colectivos profesionais) sintentizan en 13 medidas urxentes que se poden consultar máis polo miúdo no enlace (2). Entre estas trece medidas están as seguintes:

Incremento do orzamento sanitario. Non a derivación sistemática de pacientes á privada. Incremento do persoal e novas categorías profesionais. Priorización das consultas presenciais. Reapertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos. Potenciación da Atención Primaria. Reintegración das ambulancias ao Sistema Público. Racionalización das listas de agarda.

Garantía de que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) faise dende a sanidade pública en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.

Reintegración ao Sistema Público dos servizos privatizados. Elaboración dun Plan de Saúde Mental. Eliminación da inestabilidade e precariedade laboral. Concursos públicos transparentes e abertos. Restablecemento das Xerencias de Atención Primaria. Reorientación do sistema ao «modelo comunitario e participativo». Desmedicalización do sistema.

(1) Convocatoria (nova no xornal Nós).

(2) 13 medidas urxentes (Ligazón a SOS Sanidade Pública).

(3) 13 medidas urxentes pola sanidade que queremos…e que merecemos (doc. pdf).