O 15 de xuño varias organizacións esiximos o dereito a un envellecemento activo, digno e humano.
O 15 de xuño é o día internacional contra o maltrato das persoas de idade. Con este motivo varias organizacións elaboramos un manifesto unitario.
No mesmo falamos dos maltratos como as violacións dos dereitos humanos e civís dun individuo por calquera outra persoa ou institución. Maltratos obvios e outros menos obvios, como a falta de dispositivos sanitarios para a atención xeriátrica especializada, as normas ríxidas e despersonalizadoras en residencias, o desarraigo por residencias afastadas do espazo vital propio, a infantilización, o uso indebido da contención ou a suxeición física ou química…
Denunciamos estes maltratos, ocultados e desgraciadamente normalizados, dos que é responsable o goberno da Xunta de Galiza. Maltratos que derivan, en último termo, de normativas deseñadas para o negocio do sector, da ausencia de controis reais e mesmo da connivencia criminal da Administración responsable. Uns maltratos que derivan da concepción dos coidados como Beneficencia e non como Dereito a un envellecemento activo, digno e humano.
En consecuencia no manifesto reclamamos 7 puntos ao goberno da Xunta de Galiza. Resumidamente:
1) Un Plan integral de construción de residencias públicas e centros de día que permita o seu uso dentro do entorno habitual e familiar e que cumpran os principios e estándares sobre a intimidade, humanización e calidade dos servizos, tanto asistenciais como médicos.
2) Que no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) a Xunta deixe xa de aplicar a orde de 1996 e asuma o acordo, moi de mínimos, de 2022 (enlace ao acordo na nota 1).
3) Un modelo de servizos co número suficiente de profesionais que garanta o envellecemento activo, o respecto as contornas de socialización e integración na comunidade veciñal das residencias.
4) Investigación e responsabilidades polo ocorrido nas residencias durante a pandemia.
5) A xestión pública das Residencias, incluídas as doadas pola Fundación Amancio Ortega.
6) Que se realicen inspeccións eficientes e sen previo aviso.
7) Que se reformule o servizo o Servizo de Axuda no Fogar baixo o principio de universalidade. Un servizo actualmente insatisfactorio para as persoas usuarias, as traballadoras e os concellos, pero satisfactorio para as grandes empresas do IBEX 35 que o ven só como un mercado e non como un dereito.
Un manifesto no que apelamos á conciencia colectiva para reclamar, non só un pé fundamental do “Estado do Benestar”, senón un Dereito: A un envellecemento activo, digno e humano.
Un manifesto asinado por: Plataforma Pensionistas Compostela. MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos). Vellez Digna (Asociación galega de Familiares e Usuarios de Residencias). REDE (Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia). TREGA (Asociación de Traballadoras e Traballadores de Residencias). ASFAREBA (Asociación de Familiares da Residencia de Barreiro e das Residencias de DomusVi). CRAPD (Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Públicas).
O Manifesto faraise público cando sea presentado por los firmantes.
(Nota 1) “Criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD)” de 2022, do “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema de Autonomía y Atención a la Dependencia” https://www.mdsocialesa2030.gob.es/derechos-sociales/servicios-sociales/docs/AcuerdoSAAD.pdf.