POR UNHA VELLEZ DIGNA, RESIDENCIAS PÚBLICAS CON XESTIÓN PÚBLICA ESIXENTE E RESPONSABLE
ASINAN:
- Plataforma Pensionistas Compostela
- MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
- Vellez Digna (Asociación galega de Familiares e Usuarios de Residencias)
- REDE (Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia)
- TREGA (Asociación de Traballadoras e Traballadores de Residencias)
- ASFAREBA (Asociación de Familiares da Residencia de Barreiro e das Residencias de DomusVi)
- CRAPD (Asociación de Familiares e Usuarias de Residencias Públicas
O maltrato é unha violación dos dereitos humanos e civís dun individuo por calquera outra persoa ou institución, agravada sempre por producirse en situacións de vulnerabilidade. As institucións en xeral elaboran protocolos de actuación máis centrados no ámbito persoal que no público, malia ser neste ámbito realmente onde se producen con máis frecuencia, onde as institucións públicas teñen a responsabilidade máis directa.
O obxecto deste manifesto é denunciar ese maltrato ocultado e desgraciadamente normalizado, con políticas antisociais que constitúen en se mesmas un arquetipo organizado de abusos e desconsideracións gravísimas cara a persoas moi vulnerábeis e indefensas. Un maltrato estrutural que corrompe e envenena o sistema de coidados e asistencia a persoas maiores e persoas con discapacidade na Galiza, e que afecta en extremo ao deplorábel modelo de xestión das residencias:
A neglixencia, os abusos e o maltrato físico e psíquico, son intolerables. Porén, non son as únicas nin as máis comúns situacións de maltrato, aínda que moitas veces a propia Administración elude a súa responsabilidade descargando a culpa no persoal profesional que traballa nunhas condicións laborais inhumanas. Ten a súa orixe principal nas políticas sociais: con normativas deseñadas para o negocio do sector, coa ausencia de controles reais e incluso, con connivencia criminal da Administración responsable.
Cando faltan dispositivos sanitarios para a atención xeriátrica especializada, cando médicos e médicas lle achacan a idade calquera doenza, cando as residencias establecen normas ríxidas que producen despersonalización, cando se desprazan as persoas a residencias moi lonxe do seu espazo vital producindo desarraigo, Cando a xestión e administración dos coidados é neglixente, cando se produce o abuso en todas as súas formas, cando se infantiliza no trato e non se respecta a intimidade, cando se fai un uso indebido da contención física, cando se abusa da suxeición física e da suxeición química, cando se usan innecesariamente os apósitos de incontinencia, Cando hai uso inadecuado ou abuso de tratamentos que non potencian a saúde e minguan a autonomía persoal, cando se produce a estafa económica e a apropiación de bens aproveitando a incapacidade ou a vulnerabilidade das persoas… Tamén hai maltrato. Un maltrato do que é responsable a Administración Pública, o goberno da Xunta de Galiza neste caso.
O día internacional contra o maltrato das persoas de idade é un bo dia, por tanto, para denunciar todo o que está pasando nas Residencias de maiores e esixir a satisfacción dun dereito. Estamos falando dun dereito. Rexeitamos toda condescendencia que concibe os coidados como beneficencia. As persoas maiores non son: “os nosos maiores que traballaron moito os pobres”. Son simplemente persoas que aspiran con dereito a ter unha vellez activa e digna. En consecuencia RECLAMAMOS AO GOBERNO DA XUNTA DE GALIZA:
1) Un Plan integral de construción dos edificios públicos necesarios para cubrir as necesidades residenciais de todo o territorio de Galiza, RESIDENCIAS PÚBLICAS e CENTROS DE DIA, que evite o desarraigo das persoas maiores obrigadas a trasladarse a moitos quilómetros do seu entorno habitual e familiar por falta de prazas; acorde cos novos principios e estándares sobre a intimidade, humanización e calidade dos servizos, tanto asistenciais como médicos.
2) A asunción do acordo sobre criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) de 2022, do “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema de Autonomía y Atención a la Dependencia”. Trátase dun acordo que mellora substancialmente a orde de 1996 que sigue aplicando a Xunta, establecendo cuartos individuais e incremento substancial da rátium de persoal traballador por número de residentes. Un acordo moi de mínimos que debe interpretarse como un paso cara un sistema universal que garanta unha vellez digna.
3) A humanización dun modelo de servizos que garanta o envellecemento activo, o respecto as contornas de socialización e integración na comunidade veciñal das residencias. Co número suficiente de profesionais, tanto no ámbito sociosanitario como no dos coidados físicos. Acorde cos ditames e recomendacións que a Unión Europea realizou despois da experiencia da Pandemia do COVID19.
4) Investigación, explicación e asunción de responsabilidades polo espectáculo dantesco nas residencias durante a pandemia. Un abandono incomprensible e inhumano que non provocou nin reflexión nin preventiva rectificación. De nada serviron as reclamacións de colectivos sociais nin a grande cantidade de denuncias que a xustiza foi ensumindo no esquecemento. Unha infamia. Vulneración dos dereitos das persoas maiores, do dereito á información e á verdade: seguen sen investigarse, por tanto sen aclararse, as circunstancias que rodearon a morte de 964 persoas maiores nas residencias galegas. O dereito das vítimas e das súas familias foi violado. As vítimas e as súas familias necesitan o repouso digno que só pode vir pola investigación nos Xulgados, polas explicacións nos Parlamentos e pola asunción de responsabilidades.
5) A xestión pública esixente e responsable das Residencias, tamén as doadas pola Fundación Amancio Ortega, malia que nun exercicio perverso de confusión se presente á empresa concesionaria como “Entidade sen animo de lucro”. O desinterese, a neglixencia e o abandono actual contribúe eficazmente ao desprestixio do Servizo Público.
6) Que se realicen inspeccións eficientes e sen previo aviso. Actualmente o Plan de inspección de servizos sociais de Galicia para o ano 2023, contempla a comunicación das inspeccións aos servizos comunitarios.
7) Que se reformule o servizo do SAF, (SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR), destinado a dependentes e maiores en xeral. Reformulalo baixo o principio de universalidade e escoitando aos usuarios e aos concellos. Trátase dun servizo co que non están satisfeitos nin as persoas usuarias, nin as traballadoras, nin os concellos; as únicas que están satisfeitas son as grandes empresas do IBEX 35 que van acaparando mercado dos Servizos Públicos. Un negocio substancioso polo que presionan para privatizalos. Os recursos destinados actualmente son insuficientes para atender todas as necesidades dos fogares, mais son descomunais se consideramos a cantidade e a calidade dos servizos que prestan. Máis do 20% do orzamento queda no peto de empresas como CLECE, filial de ACS de Florentino Pérez ou de DomusVi, empresa de Yves Journel e dous fondos de inversión: Intermediate Capital Group (ICG) e Mérieux Equity Partners. Igual un xuiz non podería considerar isto malversación mais parecer parécese moito.
Non falamos so dun pé fundamental do chamado “Estado do Benestar”, falamos tamén de dereitos humanos. Algo que interpela a toda a sociedade, que nos interpela a todas e a todos. Apelamos con este manifesto á conciencia colectiva para unirse a nosa reclamación do dereito a un envellecemento activo, digno e humano. Os dereitos son conquistas, nunca foron concesións. É moi importante que a cidadanía se mobilice e se organiza para construír unha sociedade máis xusta e capaz de esixir os seus dereitos.