Comunicado da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas
8 de xullo 2024
O resultado das eleccións europeas do pasado día 9 de xuño supón un incremento das ameazas sobre os dereitos sociais e as liberdades, nos diferentes pobos de Europa. Isto engádese ás constantes alusións dos dirixentes occidentais e a OTAN a un enfrontamento bélico con Rusia que, de entrada, xa supón o desvío de inxentes cantidades de diñeiro público cara aos beneficios da industria militar. Co ascenso da extrema dereita e a chantaxe da guerra, o sistema neoliberal seguirá saqueando os recursos e dereitos da clase traballadora, cada vez con menos complexos. Por iso temémonos que, cunha máis autoritaria composición do Europarlamento e da propia Comisión Europea, aumenten as presións para restrinxir, empobrecer e privatizar as pensións públicas, ao ditado das elites financeiras.
Nese contexto de aumento da incertidume, as plataformas e movementos pensionistas dos diferentes Pobos e Comunidades do Estado español continuaremos vixiantes e mobilizándonos, como o vimos facendo desde fai máis de seis anos. A dignidade das pensións non é ningún agasallo, senón un dereito de toda a clase traballadora. As reivindicacións pensionistas, por tanto, son unha necesidade: tanto a suficiencia das pensións mínimas, como o acabar coa brecha de xénero; tanto a actualización das pensións co IPC real, como as xubilacións anticipadas de 40 ou máis anos cotizados sen penalizar; tanto a obrigación legal da Auditoría de contas da Seguridade Social, como o mantemento da taxa de reposición das pensións públicas, así como tamén o parar os intentos de privatización que supoñen os Plans de Pensións de Emprego, entre outras propostas. En definitiva, unhas reivindicacións compartidas e sentidas polo conxunto do movemento pensionista.
Ademais das iniciativas territoriais que se veñen desenvolvendo por parte das plataformas e os movementos, desde o espazo de Unidade de Acción estatal coordinamos nos últimos meses diversas accións conxuntas:
1. Entre decembro e xaneiro pasados tivemos unha serie de reunións cos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados que apoiaron a investidura, excepto o PSOE. Aínda que ao final non houbo debate sobre os Orzamentos Xerais do Estado (PXE), as liñas de interlocución seguen abertas, así como os compromisos sobre algunhas das nosas principais reivindicacións, que seguen vivas e non foron atendidas. Por tanto, unha das nosas tarefas pendentes é tentar que todo iso tradúzase en feitos concretos, sexa cal for o escenario do futuro inmediato.
2. A mobilización unitaria de primavera levouse a cabo o pasado día 6 de maio, territorial e descentralizada. Houbo un total de 143 actos reivindicativos en todo o Estado (81 deles en Euskal Herria), coa entrega en 28 cidades dunha carta aberta á ministra Elma Saiz. Esta mobilización veu reforzar o traballo das distintas plataformas e movementos en prol das reivindicacións máis arriba descritas.
3. Celebrouse en Bilbao o I Encontro internacional de Plataformas de Pensionistas e Sindicatos, os pasados días 23 e 24 de maio, con participación de organizacións dos estados francés, alemán e español. Nese encontro constatouse que a loita polas pensións públicas nos diferentes pobos de Europa comparten características moi similares, derivadas da cobiza capitalista. É por iso que, como reflicte o documento de conclusións dese Encontro, temos a
obrigación como movemento de reforzaras nosas propias iniciativas territoriais, pero tentando a coordinación a escala europea canto antes. En breve publicaremos o documento final do encontro, coas firmas de todas as organizacións participantes.
Queremos alertar ás persoas pensionistas, e tamén ás e os traballadores que aínda non o son que, aínda que temos dereito ao lexítimo descanso, non deberiamos relaxarnos en exceso este verán. Ás incertidumes sinaladas ao principio polo ascenso dos autoritarismos nas institucións europeas, engádese o risco de que se aproveite a distracción estival para acelerar a privatización das pensións, coa firma de convenios colectivos que inclúan os PPEs (de momento só asinaron o convenio da construción, pero anúncianse outros). Habemos de parar os pés a ese proxecto, e sinalar a responsabilidade dalgúns dirixentes sindicais no mesmo. En definitiva, reforzar o traballo que se vén realizando.
Habemos de seguir insistindo na gravidade do incumprimento legal que supón a non realización da Auditoría de contas da Seguridade Social (Lei 21/2021), así como na necesidade de derrogar os aspectos negativos de todas as reformas de pensións e laborais que destrúen os dereitos das persoas traballadoras e pensionistas. Tamén esiximos a derrogación da “lei mordaza”, que se chegou a aplicar de maneira vergoñenta sobre pensionistas. A nosa total solidariedade con esas compañeiras e compañeiros.
Ademais da actividade para o verán que ata aquí relatamos, (sen descartar outras posibles accións), queremos dar a coñecer o acordo das plataformas e movementos dos pobos e comunidades do Estado, da Unidade de Acción pensionista, de dúas xornadas de mobilización para o próximo outono:
1. Luns 30 de setembro de 2024. Un “luns ao Sol especial”, enmarcado na celebración do “Día Internacional das Persoas de Idade”, do día seguinte 1 de outubro. A desenvolver de maneira unitaria en cada territorio, con cartel e manifesto conxunto, e como impulso para a seguinte mobilización.
2. Sábado 26 de outubro de 2024. Gran Manifestación pensionistas, traballadoras e cidadanía en Madrid.
Resistir, insistir, nunca desistir!
Goberne quen goberne, as pensións públicas e os dereitos deféndense!
ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)
COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…