02-09-2024
O pasado 31 de xullo, Goberno e axentes sociais acadaron un acordo que permitirá variar as condicións das persoas traballadoras e pensionistas que decidan prolongar a súa vida laboral e/ou compatibilizar traballo e pensión.
O goberno, pois, continúa na liña de incentivar aos traballadores/as para que alonguen a súa vida laboral (xubilación activa e xubilación demorada), e aos pensionistas para que desenvolvan traballos a tempo parcial (xubilación flexible). A excusa utilizada é manter o sistema público de pensións ante a chegada á xubilación da xeración do “baby boom”.
No caso da modalidade de xubilación activa, a lei actual dictamina que se cobrará o 50% da pensión que correspondería a unha xubilación total. Con este novo acordo regúlase unha escaleira que parte do 45% e medra cada ano ata chegar ao 100%, no caso de que esta xubilación se retrase cinco anos (un ano de demora= 45% de pensión; 2 anos= 55%; 3 anos= 65%; 4 anos= 80%; 5 anos= 100%).
Ademáis, elimínase o requisito que esixía contar coa carreira completa de cotización (37 anos e seis meses) para acceder a este tipo de xubilación. Para os traballadores/as autónomos establécese unha escaleira similar.
Na xubilación demorada aprobada no 2022, o traballador/a podía escoller entre incrementar un 4% a súa pensión por cada ano de retraso ou obter unha cantidade variable (entre 5000 e 12000 euros) en función dos anos cotizados. En 2023 aprobouse un sistema mixto. Co novo acordo, a partir do segundo ano de retraso na xubilación, increméntase un 2% por cada período de demora superior a seis meses e inferior a un ano.
Por outra parte, na xubilación flexible actualmente en vigor, recórtase unha porcentaxe inversa á redución da xornada de traballo con respecto a un emprego a tempo completo. Así, se a persoa xubilada realiza un traballo de 20 horas semanais (o 50% da xornada completa, o máximo permitido ata agora), a pensión redúcese á metade. Se a xornada é de 12 horas semanais (o 70%) a pensión redúcese nun 30%.
No acordo recóllese que o Goberno estudiará nos próximos seis meses o incremento a aplicar.
O acordo contempla outros aspectos como os relacionados coa xubilación anticipada naqueles traballos catalogados como penosos ou perigosos, ou na colaboración coas Mutuas de Traballo nos casos de incapacidade temporal.
Como valoramos este acordo?
En MODEPEN pretendemos analizar as cuestións con rigor e obxectividade e, neste caso, malia recoñecer que hai aspectos que poden beneficiar a determinadas persoas polas súas especiais circunstancias, en conxunto considerámolo un acordo negativo polas seguintes razóns:
– Seguen, dunha maneira e outra, atrasando a idade de xubilación para compensar os recortes das prestacións. Como non se adoptan decisións definitivas que garantan ás persoas pensionistas unhas pensións públicas dignas e suficientes, os acordos adoptados pretenden resolver o problema facendo que, ante a insuficiencia das pensións, as persoas traballadoras e pensionistas prolonguen asúa vida laboral e/ou compatibilicen traballo e pensión.
– Demorar a idade de xubilación aumenta as dificultades da nosa mocidade para atopar un traballo digno e ter un futuro con dereitos.
– Retrasar a idade de xubilación para reducir os gastos de pensións supón, para moitos colectivos especialmente castigados, igualar a idade legal de xubilación coa esperanza de vida.
– Na chamada Mesa de Diálogo Social segue estando ausente a voz das persoas pensionistas, malia que os acordos alí adoptados nos afectan directamente.
Por elo seguimos a reclamar a urxencia de:
• A mellora substancial das pensións mínimas a niveis do SMI, que posibiliten ás persoas pensionistas unhas condicións de vida dignas.
• Recuperar a taxa de substitución salario-pensión que se está reducindo polos recortes das reformas.
• Adoptar novas decisións para acabar coa fenda de xénero que se sitúa no 37%.
• Cumprir coa Lei 21/2021, que determina a esixencia da realización da Auditoría de contas da Seguridade Social.
• Revalorizar as pensións de miles de pensionistas que foron prexudicados na súa pensión polos coeficientes redutores da xubilación anticipada, con 40 ou máis anos cotizados.
• Garantir o SPP (Sistema Público de Pensións) mediante a creación de emprego de calidade e a mellora substancial dos salarios e cotizacións.
• Derrogar a lei 12/2022 de fomento dos PPEs.
Para conseguir que as nosas reclamacións sexan atendidas, este outono seguiremos coas mobilizacións, tanto a nivel estatal como autonómico ou local, porque a rúa segue a ser o mellor e máis efectivo ámbito de actuación dos movementos sociais como o noso.
Mobilízate!
Defende o público, defende o que é teu e de tod@s!