2025: Revalorización das pensións, pero ameazas no horizonte.

Comunicado da Unidade de Acción.

O comunicado da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas céntrase en:

      1)  O incremento das pensións para 2025.

     2)  A batalla polo relato sobre a suposta crise do sistema de pensións públicas.

     3) A necesidade dunha reforma fiscal.

   4)  A preocupación polo aviso de “autoridades competentes” respecto ao “estado de benestar” incluídas as pensións públicas.

     5)  A necesidade da mobilización.

1) As pensións revalorízanse nun 2,8%, ao aplicar a media do IPC dos doce meses anteriores a decembro de 2024, en lugar do IPC total anual. Isto supón recuperar un 0,4% sobre a inflación anual.

Sobre esta revalorización valórase: Que supón unha vitoria do movemento, pero que, ao tempo, significa unha perda acumulada desde o 2011. Que cómpre empezar o debate do concepto do custe da vida (mencionando o brutal incremento do prezo dos alimentos en relación ao IPC xeral) Que hai un empeoramento relativo das pensións mínimas respecto ao SMI e que non hai noticias sobre a reivindicación da derrogación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados. Por iso reivindícase:

Recuperar o poder adquisitivo das pensións demandando recuperar a paga compensatoria vixente ata o 2023. (paga compensatoria en xaneiro de 2025 do 4%).

Equiparar por lei as Pensións Mínimas ao 100% do SMI.

Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados.

2) Seguimos enfrontando o relato da suposta crise do sistema de pensións públicas. A pesar do informe do Tribunal de Contas, que estimou entre 1989 e 2018 gastos impropios da SS por un valor de 104 mil millóns de euros, do aumento da afiliación até máis de 21 millóns de traballadoras e traballadores e á espera da auditoría da Seguridade Social decidida na lei do ano 2021. A pesar de que hai recursos suficientes para mellorar e manter o sistema público de pensións, debemos estar atentos a marzo de 2025 cando a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social. Sabemos que hai forzas interesadas nun resultado negativo desa avaliación (ver: https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2024/09/Avaliacion-marzo-2025-Documento.pdf).

3) Esíxese unha reforma fiscal, para que paguen máis os que máis gañan e teñen para garantir os servizos públicos e o investimento produtivo para impulsar un modelo de desenvolvemento social e medioambiental eficiente e xusto. Igualmente é imprescindible unha mellora substancial de salarios e pensións, especialmente dos más baixos, e erradicar a fenda de xénero nos ingresos.

4) A Unidade de Acción observa con preocupación o marco internacional. Menciona as declaracións do novo secretario xeral da OTAN chamando a incrementar o gasto militar á conta de erosionar o gasto social e, explicitamente, as pensións, aínda máis preocupante porque non se escoitan voces contrarias desde as institucións. (https://es.euronews.com/my-europe/2024/12/12/rutte-pide-a-los-ciudadanos-europeos-sacrificios-para-aumentar-el-gasto-en-defensa )

5) Por todo isto a UA fai un chamamento ás persoas pensionistas en particular e á xente traballadora en xeral a preparar unha defensa activa dos nosos dereitos este ano que se abre. A unidade e a mobilización serán máis necesarias ca nunca.

Podemos acceder ao comunicado completo desde aquí.