Organizacións sociais, políticas e sindicais alertan da situación de emerxencia na que se atopa o sistema de dependencia en Galiza

Compostela, 22 de setembro de 2025.- Organizacións sociais, políticas e sindicais presentaron esta mañá, en rolda de prensa a Plataforma por unha Atención Digna á Dependencia “Emerxencia, Dependencia”, para facer fronte común á necesidade dunha atención digna á dependencia a través dun sistema público galego forte.

ASGADeD, BNG, CCOO, CIG, Compostela Aberta, COP (Colexio de Psicoloxía), COTOGA (Colexio de Terapia Ocupacional), COTS (Colexio de Traballo Social), CUT, Esquerda Unida, MODEPEN, SINDICATO LABREGO GALEGO, PODEMOS e PSOE presentaban esta mañá a plataforma “Emerxencia, Dependencia” e o manifesto no que se recollen tanto a análise da situación como as propostas coas que se pretende dar unha solución acaída á actual situación de emerxencia.

Con este motivo anunciaron que se solicitará unha xuntanza coa conselleira de Política Social e máis cos grupos parlamentarios, para que inclúan estas propostas como emendas nos orzamentos da Xunta para 2026, ademais da convocatoria dunha mobilización para o día 17 de novembro, coincidindo co debate das emendas á totalidade dos orzamentos.

Manifesto presentación da plataforma “Emerxencia, Dependencia”

NosDiario: Organizacions sociais e politicas lanzan a plataforma “Emerxencia, Dependencia” para denunciar situacion critica do sistema en Galiza

Praza.gal: O “colapso” na dependencia leva á creación dunha “fronte común” sindical, social e política

RNE Galicia – Presentación da plataforma “Emerxencia, Dependencia”

NIN O BBVA NIN FEDEA DEBEN DIRIXIR O DEBATE SOBRE O FUTURO DAS PENSIÓNS

Nas últimas semanas o BBVA e o Ivie (Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas) fixeron pública unha nota de prensa na que manteñen que os traballadores e traballadoras máis novos deberán xubilarse aos 71 anos se queren cobrar unha pensión suficiente. A alternativa sería que subscriban un plan de pensións de capitalización ou que perciban unha herdanza. Os medios de comunicación difundiron masivamente o contido da nota de prensa asumindo o seu marco de interpretación. Desde Modepen entendemos que o obxectivo do BBVA e do Ivie é sementar entre a mocidade a desconfianza sobre a viabilidade do sistema de pensións para facilitar a substitución paulatina do sistema público de repartición por un sistema privado de capitalización.  O noso compañeiro Xabier Pérez Davila analiza a proposta do BBVA e do Ivie no documento que achegamos.

Sobre o relatorio do BBVA: NIN O BBVA NIN FEDEA DEBEN DIRIXIR O DEBATE SOBRE O FUTURO DAS PENSIÓNS

Segue a represión contra os movementos sociais en xeral e o pensionista en particular. Derrogación da Lei Mordaza Xa!!

O pasado 29 de marzo a Unidade de Acción, co apoio de Modepén, publicamos un pequeno texto conxunto (A “Lei Mordaza”, agora tamén contra @s pensionistas NON LLES DÁ VERGOÑA?) para denunciar o uso cada vez máis frecuente desa Lei que xa hai tempo tiña que estar derrogada (xa ten máis de 10 anos). Daquela, a pinga que rebordou o vaso fora unha multa porque, 10 meses despois dos feitos, “nunha manifestación legalmente convocada alterouse a orde pública, aínda que ninguén lembra como. Tampouco houbo detidos nin identificados por eses supostos feitos.” Palabra de policía. Amén.

Os feitos sucederan en Madrid, que parece que se está a converter nun lugar “privilexiado” para os que gustan destes excesos administrativos e policiais pois, como nos contan os compañeiros daquela Comunidade, seguen a multiplicarse.

Denunciámolo neste novo comunicado que achegamos e co que nos solidarizamos todas as organizacións da Unidade de Acción.

Documento: XORNADA DE REPRESIÓN CONTRA O MOVEMENTO PENSIONISTA

A Comisión Europea quere reducir as pensións públicas

No mes de marzo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizou unha avaliación das previsións sobre ingresos e gastos do sistema público de pensións (SPP). A avaliación concluíu que as medidas de ingresos e gastos adoptadas son suficientes para garantir a viabilidade do SPP até o ano 2050. Este procedemento, estabelecido na Disposición Adicional 2ª do RD-l 2/2023, debe repetirse cada tres anos. Polo tanto, a seguinte avaliación debería facerse en marzo de 2028.

Inesperadamente, o Goberno do Estado anuncia que encargará un informe adicional á AIReF en 2026. Ademais, mudará as regras de avaliación dos ingresos e gastos do SPP. Segundo a disposición adicional 32ª da Lei Xeral da Seguridade Social, as transferencias dos Orzamentos Xerais do Estado deben considerarse un ingreso do SPP. En adiante esta transferencia xa non se considerará un ingreso do sistema, polo que pasaría a recibir a consideración de préstamo e a contabilizarse como resultado dun déficit de recadación.

O Goberno recoñece que esta mudanza de criterio non prevista é consecuencia das presións da Comisión Europea (CE). Mark Rütte, secretario xeral da OTAN, esixiu en decembro reducir o gasto social, e en concreto en pensións, para incrementar o gasto militar até o 5% do PIB. Ursula von Der Leyen, presidenta da CE, apoia firmemente esta política. Ademais, desde hai anos, a CE promove os fondos de pensións privados de capitalización como alternativa aos sistemas públicos de repartición.

A ofensiva contra o SPP procura dous obxectivos:

1º Desviar recursos da protección social e as pensións públicas para as grandes empresas de armamento, o que beneficiará especialmente as compañías estadounidenses.

2º Abrir espazo para os fondos privados de capitalización despois de debilitar os sistemas públicos de repartición.

A quen beneficiarán os fondos privados de capitalización?

Á banca, as compañías de seguros e os fondos de investimento. Por iso financian grupos de “expertos” como Fedea que publican regularmente “informes” alarmistas sobre o déficit do sistema e a necesidade de subscribir contas individuais de plans de pensións privado.

Quen financia o laboratorio de ideas Fedea?

As grandes empresas. Bancos como Caixa Bank, BBVA, Sabadell, Santander, Banca March, Unicaja; e compañías de seguros como Mapfre e Mutua Madrileña. Todas elas interesadas nas comisións que cobran polo depósito e xestión das contas privadas para pensións de xubilación de capitalización.

Que propón o movemento social en defensa das pensións públicas (MSDPP)?

Prevese que nas próximas décadas, a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos pasará do 20% (2 de cada 10) ao 30% (3 de cada 10). As traballadoras e traballadores que se xubilarán a partir de 2030, 2040 e 2050 deben ter dereito a unha pensión digna. Para garantilo será imprescindíbel aumentar o gasto en pensións como porcentaxe do PIB.

O MSDPP vén esixindo que se adopten medidas de aumento de ingresos entre as que destacamos:

1º. Creación dunha nova cotización sobre o valor engadido das empresas que aumentaría a recadación dos sectores intensivos en capital (enerxía, finanzas, tecnolóxicas).

2º. Recuperación da participación dos salarios no PIB perdida nas últimas décadas. O informe sobre competitividade de Mario Draghi cífra no 6% da renda dispoñíbel o que equivale no Estado español a 80 mil millóns de euros. Esta recuperación ademais de permitir recuperar o poder adquisitivo perdido por millóns de traballadores e traballadoras ampliaría a base sobre a que se calculan as cotizacións sociais, incrementando os ingresos do SPP.

3º. Aprobar de vez unha reforma fiscal progresiva que incremente a recadación procedente dos dividendos en máximos históricos e dos grandes patrimonios.

MODEPEN, como parte do MSDPP quere alertar ás traballadores e traballadores en activo de que a OTAN e a Comisión Europea pretenden reducir as súas pensións futuras, e outras prestacións sociais, para as converter en gasto militar.

Nos próximos meses desenvolveremos un labor de información sobre as ameazas que pairan sobre as pensións públicas.

Ese labor de información creará as condicións para unha mobilización contra o aumento do gasto militar e en defensa do SPP que deberá ser o más masiva posíbel.

Galiza, Xuño de 2025

Participa!

Comunicado da U.A. do Movemento Pensionista: ¡¡¡PAREMOS O XENOCIDIO DE GAZA !!!

26 de maio 2025

Desde hai case 22 meses, o mundo é testigo dun dos maiores crimes da historia recente da humanidade. O pobo palestino, espoliado desde hai décadas pola ocupación colonial en Gaza e Cisxordania, agora é vítima, na Franxa de Gaza, dunha especie de solución final”: un xenocidio en vivo que se desenvolve diante dos nosos ollos, por parte do exército de ocupación israelí, co apoio activo de EEUU e outras potencias occidentais, e a complicidade da maioría dos países árabes da zona. Segundo o reconto oficial de vítimas desta masacre, xa son máis de 55.000 as persoas asasinadas desde outubro de 2023.

Pero a traxedia é, sen dúbida, moito maior do que indican as cifras. Porque as vítimas contabilizadas oficialmente, o son a través dos corpos recuperados, pero non se contan os cadáveres sepultados baixo as ruínas dos edificios e casas bombardeadas (a maioría das existentes). Corpos que non se puideron recuperar nin identificar, polo que a cantidade real de vítimas será con seguridade moi superior, sen dúbida unha cifra de dimensións horribles.

Ademais e especificamente, máis de 20.000 desas vítimas son nenas e nenos (máis de 1.100 menores de 1 ano), o que confire ao monstruoso crime perpetrado polo exército de Netanyahu nun infanticidio planificado, o maior da historia da humanidade que se lembra. Eses miles de vítimas inocentes e indefensas, ademais doutros miles de criaturas mutiladas ou traumatizadas para sempre, converte a traxedia de Gaza nun golpe moral dificilmente soportable para calquera persoa cun mínimo de humanidade e sentimentos.

Tampouco podemos pararnos na mera dimensión cuantitativa das vítimas palestinas. Non esquezamos que cada unha desas persoas asasinadas polo exército sionista era unha vida humana, como a nosa, e tiñan o mesmo dereito á liberdade e a dignidade coma nós, os nosos familiares ou os nosos amigos. Cada un deses nenos e nenas asasinados polas bombas de Israel eran vidas tan preciosas como a dos nosos propios fillos, fillas ou netos. Vidas inocentes, segadas pola barbarie. É dificilmente imaxinable o horror e o sufrimento de quen ve os corpos esnaquizados dos seus fillos e fillas, pero non por iso debemos deixar de tentar poñernos no seu lugar, compartindo a súa dor, aínda que só sexa por un momento. O que está a suceder en Palestina e en Gaza interpélanos a toda a humanidade.

Ninguén de nós podería imaxinar, non fai tanto, que cousas como estas puidesen ocorrer en pleno século XXI, pero están a suceder. Nun marco de destrución total, o exército sionista reduciu a entullos casas, escolas, hospitais, instalacións administrativas ou de servizos básicos, como a auga. Están utilizando a fame, a sede e a falta de atención sanitaria como arma de exterminio. Actualmente hai máis de 15.000 bebés a piques de morrer de fame.

Non podemos mirar cara a outro lado, porque os nosos irmáns e irmás palestinas reclámannolo, e porque por conciencia temos a obrigación de tentar parar o xenocidio. Ademais, ninguén nos garante que a barbarie coa que hoxe se asasina a poboación gazatí e palestina, non poida aplicarse, nun futuro incerto, a quen se opoña aos plans dos poderosos, por exemplo nós mesmas.

Por todo iso, desde os movementos e plataformas pensionistas dos pobos e comunidades do Estado español, esiximos:

  • O fin do xenocidio en curso sobre Gaza, así como que acabe xa a ocupación colonial da terra palestina.

  • A entrada inmediata en Gaza de toda a axuda humanitaria para atender as necesidades máis urxentes: alimentación, auga, atención sanitaria e equipos de emerxencia.

  • A detención e posta ao dispor diante dos tribunais internacionais, dos responsables do goberno e do exército de Israel, autores destes horrendos crimes, empezando polo primeiro ministro Benjamín Netanyahu.

  • Mentres dure o xenocidio, a ruptura total de relacións diplomáticas, comerciais culturais e deportivas co ente sionista. É vital, para deter o masacre, que se leve a cabo un boicot real da subministración de material militar, así como a suspensión do comercio de armas con Israel.

  • Neste sentido, demandamos do Goberno español que acompañe as súas declaracións de boas intencións, que valoramos, con feitos concretos e prácticos, como o inmediato embargo de armas, a cancelación dos contratos de defensa con empresas sionistas, ou a negativa á utilización dos portos do Estado español como escala de material bélico para alimentar o xenocidio sobre Gaza e Palestina.

Desde aquí chamamos ás compañeiras e compañeiros pensionistas para que unamos as nosas forzas e sumémonos ás manifestacións e actividades en solidariedade co pobo palestino, que se están convocando en todos os territorios do Estado. Habemos de conseguir parar o xenocidio en Gaza, e tamén os asasinatos e o espolio en Cisxordania. E que o pobo irmán de Palestina poida decidir o seu futuro en paz e liberdade.

GAZA SOMOS TOD@S!! VIVA PALESTINA LIBRE!!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

A UE quere roubarnos as pensións.

Modepen acordou adherirse ao manifesto “A UE quere roubarnos as pensións”, asinado tamén por membros da maioría dos países europeos, co obxectivo de adicionalo ás reivindicacións da clase obreira neste 1º de maio de 2025. No mesmo, que achegamos na súa tradución ao galego, constan as seguintes ideas básicas:

Constatar que o sistema público de seguridade social, pensións, sanidade e asistencia médica en Europa, e tamén en todo o mundo, é un dos maiores logros do século XX, supoñendo un importante baluarte de seguridade, cobertura, atención e xubilación para moitas xeracións de traballadores e traballadoras.

Sen embargo observamos como, do Norte ao Sur e do Este ao Oeste de Europa, se está usando a profunda crise do sistema capitalista dos últimos anos para promover a súa privatización. Os gobernos xestores do Capitalismo pretenden así incrementar as ganancias dos grandes grupos empresariais e dos bancos, utilizando feitos reais como a crise económica, a baixa natalidade, o envellecemento da poboación ou os déficits orzamentarios, pero ocultando as verdadeiras causas, que se atopan nas políticas que serven a un sistema baseado na explotación das masas en beneficio dunha minoría insaciábel, sempre en busca de maiores ganancias.

Así vemos como o novo secretario xeral da OTAN, Rutte, e o banqueiro xefe, Draghi, chaman aos gobernos para que realicen cada vez máis recortes na seguridade social, na sanidade e nas pensións. E reclaman que os aforros vaian a engrosar o gasto militar. Ao tempo, preséntannos o Produto Europeo de Pensións Particulares (PEPP) como unha opción para garantir unha xubilación digna e segura cando, en realidade, é un intento de “crear un mercado único de capitais” que despoxe á cidadanía dos seus dereitos sociais para alimentar os beneficios dos grandes fondos de investimento cos que financiar as guerras promovidas pola OTAN e a UE.

Deste xeito pretendese suprimir o carácter social da Seguridade Social, o seu financiamento polos orzamentos públicos, a exención das cotizacións aos empregadores, a privatización dos sistemas de pensións, de saúde e de asistencia médica, o peche de hospitais e centros de saúde públicos, o aumento da idade de xubilación para homes e mulleres, a redución das pensións. En contraste necesitaríase unha longa lista para enumerar todas as reducións de impostos dos últimos anos.

Como persoas xubiladas a experiencia da nosa vida profesional amósanos que nada está dado, que todo se conquista coa loita, unha loita que non é só para nós mesmos senón tamén para os nosos descendentes. Por iso, esiximos:

• Un sistema público exclusivo de seguridade social, saúde, asistencia médica, con prestacións gratuítas.

• O financiamento da Seguridade Social principalmente polos orzamentos dos Estados de todos os países, polos empresarios, con baixa participación das persoas asalariadas.

• A abolición de todas as actividades bursátiles coas reservas de Seguridade Social.

• A abolición de toda privatización de servizos públicos.

• A redución en cinco anos da idade de xubilación para homes e mulleres.

• A creación de residencias públicas que satisfagan as necesidades das persoas xubiladas en cada país.

• O aumento das pensións de xubilación para satisfacer as necesidades básicas, igualando as pensións mínimas ao salario mínimo de cada país.

• Programas públicos, gratuítos e de calidade de asistencia social, recreativa e cultural.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS DEFÉNDENSE

TEXTO PARA ADICIONAR, O 1 DE MAIO DE 2.025, ÁS REIVINDICACIÓNS DA CLASE OBREIRA EUROPEA:

Modepen apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 06-04-2025.

Por terceiro ano consecutivo SOS Sanidade Pública convoca a todos/as os/as galegos/as a saír á rúa o vindeiro 6 de abril, ás doce horas, en Compostela1 esixindo “MÁIS SANIDADE PÚBLICA”.

Desde Modepen apoiamos esta convocatoria porque, como deciamos hai practicamente un ano, “a Sanidade Pública Galega segue en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque segue a ser necesaria “unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Este ano a convocatoria céntrase nos seguintes puntos:

MÁIS ATENCIÓN PRIMARIA

Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas máximo, con consultas presenciais a solicitude do paciente. Reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

MÁIS ATENCIÓN HOSPITALARIA

Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde. Recuperar os recortes nos hospitais comarcais. Acabar coa política de concertación coa privada e restitución ao sistema público dos centros privatizados. Plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas. Reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto infanto-xuvenil. Acabar coa precariedade laboral do persoal. Esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

MÁIS SANIDADE PÚBLICA

Incrementar o orzamento sanitario público. Elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades. Recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas. Potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.

A “Lei Mordaza”, agora tamén contra @s pensionistas NON LLES DÁ VERGOÑA?

28 de marzo 2025

            A Delegación do Goberno en Madrid abriu expediente sancionador con multa de 1.200 euros a un compañeiro do movemento pensionista. O motivo? Este compañeiro foi unha das dúas persoas que comunicaron á mesma Delegación do Goberno, en cumprimento da normativa vixente, a convocatoria dunha manifestación unitaria en defensa das pensións públicas, o 22 de maio do ano pasado. Segundo a policía, nesa manifestación alterouse “ a orde pública”, aínda que ninguén lembra como. Tampouco houbo detidos nin identificados por eses supostos feitos.

Así pois, entendemos que esa sanción administrativa, dez meses despois dunha manifestación legalmente convocada e sen incidentes é, sinxelamente, un castigo colectivo cara a todo o movemento pensionista, utilizando unha lei represiva, para tentar afogar a súa voz.

Pero non é o único caso de pensionistas sancionados pola “Lei Mordaza”. Tamén foron sancionadas o ano pasado dúas compañeiras de Alcalá de Henares, nunha concentración pensionista de “os luns ao Sol”, por exhibir unha pancarta denunciando o xenocidio contra o pobo palestino. Parece que non foi do agrado do policía de quenda, que tentou reprimir ese acto. Outra arbitrariedade máis, que se suma á longa lista de miles de multas sen máis probas que a versión policial. Os movementos cidadáns, as protestas da xente traballadora e, agora tamén, as persoas pensionistas, son o obxectivo da “Lei Mordaza”, que este 30 de marzo cumpre 10 ANOS!

Din que o prometido é débeda. As promesas da derrogación da “Lei Mordaza”, feitas en campaña electoral polos dous socios do actual goberno, tanto PSOE como SUMAR, son parte dunha débeda que o actual goberno, que se di “progresista”teñen cos seus propios votantes, pero tamén coas xentes traballadoras, pensionistas e o conxunto da cidadanía. Cada día que pasa sen derrogar esa lei represora debería encherlles de vergoña, pola covardía de non cumprir coa súa palabra e optar pola vía autoritaria. Deberían ruborizarse se, ademais, segundo datos do seu propio Ministerio do Interior, a maior parte das multas impostas nestes dez anos fórono baixo o mandato deste goberno supostamente “de esquerdas”. Agora que tamén se nos ameaza desde o Ministerio de Defensa, con enormes aumentos dos gastos militares a cargo das necesidades sociais, é pertinente lembrarlles que o autoritarismo e o militarismo son a peor cara do capitalismo.

Tomamos boa nota de que as multas contra as e os compañeiros pensionistas son contra todo o colectivo, e o son por defender as pensións públicas e a liberdade de expresión.Tamén somos e seremos solidarias con todas as persoas vítimas deste Estado autoritario e das súas leis represivas. Non podemos esquecer, entre outros casos, aos 6 de Zaragoza, nin ás sindicalistas da Suíza de Xixón ou do SAT de Granada. Agora,tamén, chamamos á solidariedade das xentes traballadoras e pensionistas cos nosos compañeiros represaliados de Madrid e Alcalá de Henares. As organizacións e os movementos de pensionistas dos diferentes pobos e comunidades que firmamos este escrito, temos moi claro aquilo de que “se nos tocan a un@, tócannos a tod@s”.

Esiximos ao Goberno e aos grupos políticos que lle apoian, a que procedan inmediatamente á DERROGACIÓN DA LEI MORDAZA.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa dás Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

EVOLUCIÓN DA BRECHA DE XÉNERO NAS PENSIÓNS DE XUBILACIÓN (1977-2024) – PERSPECTIVAS DE FUTURO – POR XABIER PÉREZ DAVILA

Cando se achega o 8 de marzo facemos público esta análise sobre a brecha de xénero nas pensións de xubilación elaborado polo noso compañeiro Xabier Pérez Davila.

Cada mes as mulleres perciben en concepto de pensións de xubilación menos da metade do que perciben os homes. Esta enorme brecha débese á que nas décadas anteriores a taxa de ocupación das mulleres era moi inferior á dos homes e a que percibían salarios máis baixos.

Actualmente a taxa de ocupación feminina é 10 puntos inferior á dos homes e parece difícil que se reduza coas políticas ao uso.

A creación de un sector público dos coidados sería o mecanismo máis rápido para pechar polo menos parte da brecha de xénero na ocupación, os salarios e, polo tanto, as pensións futuras de xubilación. Un servizo público de axuda á autonomía e á dependencia criaría emprego con salarios e condicións de traballo dignos que contribuirían a avanzar no peche das brechas.

A experiencia dos países nórdicos pode servir de exemplo.

Nota de prensa da Unidade de Acción das plataformas e movementos de Pensionistas de Pobos e Comunidades do Estado do 12/02/2025

12 de febreiro de 2025

Hoxe día 12 de febreiro sométese a votación no Congreso o RDL 1/2025 no que se inclúe a revalorización das pensións, así como outras medidas que forman parte do denominado escudo social.

Hoxe tal como os partidos políticos anunciaron se ratifica o incremento das pensións previsto na Lei 21/2021.

Con todo, as plataformas e movementos de pensionistas abaixo asinantes reiteramos a nosa indignación polo mal trato escenificado no Congreso dos Deputados: o incumprimento da lei contra un dereito fundamental, como a revalorización das pensións. Isto é algo que nunca máis debe repetirse, e esiximos aos partidos políticos plenas garantías para que así sexa.

Valoramos positivamente os apoios de todo tipo que recollemos estes días, e que a nosa esixencia sexa atendida. Nesta ocasión, a resposta que demos en todos os territorios do estado a unha medida que nos levaba de volta a 2018 foi necesaria para que un ataque ás pensións públicas desta natureza non se producise e conseguimos impedir que traspasasen unha liña vermella infranqueable. A mobilización, unha vez máis, foi a garantía para conseguiras as nosas reivindicacións, e facer rectificar a quen tentou vulnerar os nosos dereitos.

Queremos deixar claro que calquera intento de volver á situación anterior a 2018 é totalmente inaceptable e reafirmamos a nosa decidida vontade de saír á rúa para impedilo.

Conseguimos que se revaloricen as pensións, pero moitas reivindicacións urxentes e imprescindibles seguen vixentes e por iso imos seguir mobilizándonos o tempo que sexa necesario para conseguilas.

Hoxe tamén denunciamos de novo que no pleno do día 22 de xaneiro e nesa ocasión cos votos do PP sumados aos do PSOE, Sumar, ERC, PNV, CC e UPN, apróbasese o decreto 11/2024, (dando paso á tramitación de lei do decreto, no último momento) que pretende compensar baixos salarios e pensións compaxinando traballo e pensión mediante o aumento da idade de xubilación que pode chegar ata os 72 anos.

Esta lei, aínda que se di voluntaria, atrasará a idade de xubilación, en especial ás persoas con peores traballos (na súa maioría, mulleres), salarios e pensións ata equiparar idade de xubilación con esperanza de vida. Este decreto tamén supón para a mocidade retardar e dificultar a súa incorporación ao traballo, e fomenta a precarización das súas condicións laborais. Como xa dixemos no noso comunicado do 5 de agosto de 2024, isto tamén é inaceptable.

Por iso, seguiremos na rúa como o vimos facendo desde fai máis de sete anos, defendendo o Sistema Público de Pensións contra os intentos de privatlzación, opoñéndonos á prolongación da idade de xubilación, voluntaria ou non, esixindo o cumprimento da lei e a consecuente realización da auditoría das contas da Seguridade Social e a mellora substancial dos salarios, impedindo a perda de poder adquisitivo para garantir a dignidade das pensións públicas.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS E OS

DEREITOS SOCIAIS DEFÉNDENSE!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDAD COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…