Estas eleccións non se parecen a outras. Por veces mesmo parece que estamos máis ante un referendum entre un goberno de extrema dereita (VOX en alianza co PP) ou un goberno… ben, un goberno co que por veces, demasiadas, imos estar en desacordo, pero co que poderemos estar en desacordo. E a bo entendedor…
Porque sabemos como foron aqueles gobernos do 0,25%, uns gobernos nos que, cómpre resaltalo, aínda non estaba a máis extrema dereita.
Aqueles goberno que baleiraron, como ningún outro fixera antes, a Caixa da Seguridade Social ata chegar a eses 140.000 millóns de euros de débeda do Estado de que falou o ministro Escrivá. Si, un ministro dun goberno que, cando menos, fala da débeda do Estado, algo que o PP (con ou sen VOX) non fixo nin, previsiblemente, fará nin farán, como tampouco falarán da devolución desa débeda, da redución da fenda de xénero, de aumentar as pensións mínimas, da defensa das pensións non contributivas, do salario mínimo ao nivel do salario medio, etc.
Non diso non van nin a falar, pero si falarán da privatización dos servizos públicos de sanidade e educación, da defensa do mercado da vivenda contra uns supostos okupas e non do dereito de todas as persoas á vivenda, de maiores incentivos aos plans de pensións privados, de recortes nas pensións públicas, de mochilas austríacas ou de redución de impostos aos máis ricos.
Porque estámolo vendo, estamos vendo como xestionan o resultado das eleccións municipais e autonómicas, deixando entrar a Vox nos gobernos e mesmo priorizando o seu programa ultradereitista.
Vemos a súa campaña tan chea de mentiras que dá vergoña allea. Todos sabemos que o seu candidato (e non só el) foi “cazado” en varias. Por poñer un exemplo dous vídeos cortos.
Este con Feijoo dicindo “cousas falsas” sobre a suba das pensións, e insistindo cando se lle desminte: https://twitter.com/LaHoraTVE/status/1680844341382709248.
E estoutro, demostrando a mentira: https://twitter.com/La_SER/status/1680919130151571461
Unha situación de tal gravidade que está obrigando a múltiples organizacións a definirse claramente por primeira vez diante destas eleccións, deste referendum. A pedir o voto contra un posíbel goberno que podemos definir realmente como profascista. Facendo chamamentos como os que está a haber no Movemento Pensionista.
Como este noso: https://www.modepen.org/index.php/2023/06/30/o-movemento-social-en-defensa-das-pensions-publicas-ante-as-eleccions-do-23-de-xullo/
Ou como estoutro de Coespe: https://www.coespeweb.com/Documentos/Comunicados/230_COESPE_ante_23J-2023.pdf
Ou este do movemento de pensionistas de Euskal Herria: https://www.angulaberria.info/es/noticia/2023-15-07/movimiento-pensionistas-euskal-herria-ante-convocatoria-elecciones-generales-23
Ou este do Movemento andaluz en defensa das pensións públicas: https://www.facebook.com/MOANDPP/videos/300677112532316/
Diferentes formatos, diferentes argumentacións, mesmo chamamento:
¡¡¡¡Nin un voto, nin por acción nin por omisión, á dereita nin á extrema dereita!!!!