Segue a represión contra os movementos sociais en xeral e o pensionista en particular. Derrogación da Lei Mordaza Xa!!

O pasado 29 de marzo a Unidade de Acción, co apoio de Modepén, publicamos un pequeno texto conxunto (A “Lei Mordaza”, agora tamén contra @s pensionistas NON LLES DÁ VERGOÑA?) para denunciar o uso cada vez máis frecuente desa Lei que xa hai tempo tiña que estar derrogada (xa ten máis de 10 anos). Daquela, a pinga que rebordou o vaso fora unha multa porque, 10 meses despois dos feitos, “nunha manifestación legalmente convocada alterouse a orde pública, aínda que ninguén lembra como. Tampouco houbo detidos nin identificados por eses supostos feitos.” Palabra de policía. Amén.

Os feitos sucederan en Madrid, que parece que se está a converter nun lugar “privilexiado” para os que gustan destes excesos administrativos e policiais pois, como nos contan os compañeiros daquela Comunidade, seguen a multiplicarse.

Denunciámolo neste novo comunicado que achegamos e co que nos solidarizamos todas as organizacións da Unidade de Acción.

Documento: XORNADA DE REPRESIÓN CONTRA O MOVEMENTO PENSIONISTA

A UE quere roubarnos as pensións.

Modepen acordou adherirse ao manifesto “A UE quere roubarnos as pensións”, asinado tamén por membros da maioría dos países europeos, co obxectivo de adicionalo ás reivindicacións da clase obreira neste 1º de maio de 2025. No mesmo, que achegamos na súa tradución ao galego, constan as seguintes ideas básicas:

Constatar que o sistema público de seguridade social, pensións, sanidade e asistencia médica en Europa, e tamén en todo o mundo, é un dos maiores logros do século XX, supoñendo un importante baluarte de seguridade, cobertura, atención e xubilación para moitas xeracións de traballadores e traballadoras.

Sen embargo observamos como, do Norte ao Sur e do Este ao Oeste de Europa, se está usando a profunda crise do sistema capitalista dos últimos anos para promover a súa privatización. Os gobernos xestores do Capitalismo pretenden así incrementar as ganancias dos grandes grupos empresariais e dos bancos, utilizando feitos reais como a crise económica, a baixa natalidade, o envellecemento da poboación ou os déficits orzamentarios, pero ocultando as verdadeiras causas, que se atopan nas políticas que serven a un sistema baseado na explotación das masas en beneficio dunha minoría insaciábel, sempre en busca de maiores ganancias.

Así vemos como o novo secretario xeral da OTAN, Rutte, e o banqueiro xefe, Draghi, chaman aos gobernos para que realicen cada vez máis recortes na seguridade social, na sanidade e nas pensións. E reclaman que os aforros vaian a engrosar o gasto militar. Ao tempo, preséntannos o Produto Europeo de Pensións Particulares (PEPP) como unha opción para garantir unha xubilación digna e segura cando, en realidade, é un intento de “crear un mercado único de capitais” que despoxe á cidadanía dos seus dereitos sociais para alimentar os beneficios dos grandes fondos de investimento cos que financiar as guerras promovidas pola OTAN e a UE.

Deste xeito pretendese suprimir o carácter social da Seguridade Social, o seu financiamento polos orzamentos públicos, a exención das cotizacións aos empregadores, a privatización dos sistemas de pensións, de saúde e de asistencia médica, o peche de hospitais e centros de saúde públicos, o aumento da idade de xubilación para homes e mulleres, a redución das pensións. En contraste necesitaríase unha longa lista para enumerar todas as reducións de impostos dos últimos anos.

Como persoas xubiladas a experiencia da nosa vida profesional amósanos que nada está dado, que todo se conquista coa loita, unha loita que non é só para nós mesmos senón tamén para os nosos descendentes. Por iso, esiximos:

• Un sistema público exclusivo de seguridade social, saúde, asistencia médica, con prestacións gratuítas.

• O financiamento da Seguridade Social principalmente polos orzamentos dos Estados de todos os países, polos empresarios, con baixa participación das persoas asalariadas.

• A abolición de todas as actividades bursátiles coas reservas de Seguridade Social.

• A abolición de toda privatización de servizos públicos.

• A redución en cinco anos da idade de xubilación para homes e mulleres.

• A creación de residencias públicas que satisfagan as necesidades das persoas xubiladas en cada país.

• O aumento das pensións de xubilación para satisfacer as necesidades básicas, igualando as pensións mínimas ao salario mínimo de cada país.

• Programas públicos, gratuítos e de calidade de asistencia social, recreativa e cultural.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS DEFÉNDENSE

TEXTO PARA ADICIONAR, O 1 DE MAIO DE 2.025, ÁS REIVINDICACIÓNS DA CLASE OBREIRA EUROPEA:

Modepen apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 06-04-2025.

Por terceiro ano consecutivo SOS Sanidade Pública convoca a todos/as os/as galegos/as a saír á rúa o vindeiro 6 de abril, ás doce horas, en Compostela1 esixindo “MÁIS SANIDADE PÚBLICA”.

Desde Modepen apoiamos esta convocatoria porque, como deciamos hai practicamente un ano, “a Sanidade Pública Galega segue en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque segue a ser necesaria “unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Este ano a convocatoria céntrase nos seguintes puntos:

MÁIS ATENCIÓN PRIMARIA

Centros de saúde e PAC dotados de persoal suficiente de todas as categorías, ben equipados, accesibles en 24-48 horas máximo, con consultas presenciais a solicitude do paciente. Reorientar a Atención Primaria á promoción, prevención, traballo comunitario e a participación social. Garantir o modelo de Atención primaria con especialistas de pediatría nos centros de saúde. Reforzar a capacidade da Atención Primaria de dar resposta aos problemas de saúde mental coa presenza da psicoloxía clínica.

MÁIS ATENCIÓN HOSPITALARIA

Utilización plena dos recursos instalados en hospitais mañá e tarde. Recuperar os recortes nos hospitais comarcais. Acabar coa política de concertación coa privada e restitución ao sistema público dos centros privatizados. Plans para reducir listas de espera e a rematar coa ocultación das mesmas. Reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto infanto-xuvenil. Acabar coa precariedade laboral do persoal. Esixencia da dedicación exclusiva ao persoal médico.

MÁIS SANIDADE PÚBLICA

Incrementar o orzamento sanitario público. Elaborar un Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades. Recuperar os servizos privatizados e as áreas sanitarias pechadas. Potenciar a Saúde Pública para combater os riscos e as epidemias para a saúde.

Artigo de Paco Castro, da Plataforma Pensionistas Compostela sobre a manifestación do día 30 de setembro.

O 14 de decembro de 1990 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou O día 1 de outubro como Dia Internacional das Persoas Maiores.

Con este motivo as plataformas de pensionistas que constitúen a Unidade de Acción convocan para o día 30 de setembro, unha xornada de mobilización, coordinada a nivel estatal, en distintas cidades e pobos do Estado, en defensa dunhas pensións públicas dignas, un servizo de saúde adecuado e un sistema público de atención á dependencia cercano e de calidade.

En Galicia, o MODEPEN e a Plataforma de Pensionistas de Compostela, imos facer unha manifestación unitaria en Santiago, que sairá ás 12 hs. da Alameda e rematará na Praza das Praterías.

Artigo de Paco Castro, da Plataforma Pensionistas Compostela sobre a manifestación do día 30 de setembro

Manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela o 04-02-2024.

O 12 de febreiro de 2023 tivemos que saír á rúa porque “a Sanidade Pública Galega estaba en coma, na última fase do seu desmantelamento” e porque era “necesaria unha gran mobilización social e profesional para cambiar esa situación aberrante e inaceptábel”.

Case un ano despois SOS Sanidade Pública vese obrigada a volver a convocar por eses mesmos motivos. Nun ano non se ten avanzado nada na solución dos problemas da nosa sanidade. Máis ben, seguimos a retroceder. O chamamento, que evidentemente apoiamos desde Modepen, é para o vindeiro 4 de febreiro, ás doce horas, en Compostela (1)

Diante dunha Sanidade Pública Galega en coma, na última fase do seu desmantelamento, é necesaria unha gran mobilización social e profesional, na que esixamos solucións como as que SOS Sanidade Pública e as súas 55 organizacións (que abranguen plataformas cidadás, organizacións políticas e sindicais e colectivos profesionais) sintentizan en 13 medidas urxentes que se poden consultar máis polo miúdo no enlace (2). Entre estas trece medidas están as seguintes:

Incremento do orzamento sanitario. Non a derivación sistemática de pacientes á privada. Incremento do persoal e novas categorías profesionais. Priorización das consultas presenciais. Reapertura dos Centros de Saúde pechados e creación de novos. Potenciación da Atención Primaria. Reintegración das ambulancias ao Sistema Público. Racionalización das listas de agarda.

Garantía de que a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) faise dende a sanidade pública en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.

Reintegración ao Sistema Público dos servizos privatizados. Elaboración dun Plan de Saúde Mental. Eliminación da inestabilidade e precariedade laboral. Concursos públicos transparentes e abertos. Restablecemento das Xerencias de Atención Primaria. Reorientación do sistema ao «modelo comunitario e participativo». Desmedicalización do sistema.

(1) Convocatoria (nova no xornal Nós).

(2) 13 medidas urxentes (Ligazón a SOS Sanidade Pública).

(3) 13 medidas urxentes pola sanidade que queremos…e que merecemos (doc. pdf).

O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.

Xa parece unha tradición do Movemento Pensionista iniciar o “curso político” en Madrid, manifestándose. Este ano a Unidade Acción Pensionista (da que forma parte o Movemento pola Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos -Modepen) tamén convoca. Para o 28 de outubro.

Porque o noso voto conseguiu un obxectivo claro, que mesmo por veces parecía difícil, evitar o trunfo da dereita extrema do PP aliada coa extrema dereita de VOX. Deste xeito é posíbel a formación dun goberno máis democrático que o que se nos viña enriba.

Pero iso non quere dicir que todo estea feito, porque as nosas reivindicacións seguen aí. Porque segue en pé a estratexia, que tan ben coñecemos, de privatizar todo o que se poida, goberne quen goberne, xa sexa a Sanidade, a Educación, a xa case inexistente Vivenda social… A estratexia de converter os nosos dereitos nos seus beneficios en nome dun sacrosanto “libre mercado” non é patrimonio exclusivo da dereita. E nesa estratexia inclúese tamén o noso sistema público de pensións, un substancial bocado, máis de 12.000 millóns de euros só na nómina de setembro e o 11,7% do PIB (1) que queren converter, de público e xestionado polo Estado a privado, un capital xestionado pola Banca.

Creo que este obxectivo estratéxico explica o que está a suceder coas nosas pensións e, por tanto, a razón da ser das nosas reivindicacións, porque o que están a facer é o mesmo guión que no resto das lambiscadas públicas que ansían privatizar. Vexamos:

1) Deteriorar o servizo público a través dunha estratexia a medio-longo prazo que está, como sabemos, en pleno funcionamento. Vémolo na sanidade, na educación ou na vivenda, neste caso xa moito máis avanzado, sen novas construcións nin adquisicións públicas de vivenda para cumprir o esquecido mandato constitucional que entende a vivenda como un dereito

Un deterioro que no caso das pensións vímolo moi claramente cando Fátima Báñez (a ministra de Rajoy) intentou fixar o escandaloso 0,25% como tope das subas anuais, pero que se mantén agora, coa perda real do poder adquisitivo que, a pesar do que nos queren vender, medra por baixo do IPC. Aumentando a idade de xubilación. Ou endurecendo os requisitos para accede á pensión. Ou empeorando a taxa de substitución.

2) O Relato. Ese relato que “explica” que, por exemplo e seguindo coa vivenda, o problema sexan os “Okupas” que atacan o dereito dos propietarios das “vivendas”, aínda que ese fenómeno realmente sexa practicamente inexistente, mentres se agocha sistematicamente o dereito das persoas vulnerábeis a unha vivenda digna. Un relato que se mantén aínda en situacións tan tráxicas e evidentes como a que se deduce na traxedia recente da vivenda de Alfonso X en Vigo (aquí podemos ver un exemplo de “relatos” diferentes do que estou a falar: 1) O relato dos okupas (2) e a realidade da falta de dereito á vivenda (3).

Un relato que, no caso das pensións, son eses mantras repetidos insistentemente de que “hai un problema demográfico”, esquecéndose de que, cos avances tecnolóxicos, hoxe un traballador produce moito máis que antes. Ou que “os gastos aumentan”, esquecéndose de que tamén poden aumentar os ingresos. Ou que a Caixa da Seguridade Social ten un déficit brutal, de arredor de 100.000 millóns de euros, que se di pronto. Un relato, este último, facilitado pola non realización da obrigatoria ( por Lei 21/2021) auditoría da mesma, unha auditoría que, segundo os cálculos do Tribunal de Contas demostraría un superávit de máis de 103.000 millóns de euros, que deixaría un lixeiro superávit real ou en máis de 140.000 millóns, como apuntou o propio ministro Escrivá (4). Unha auditoría que, ao non se facer, permite a pervivencia do necesario “relato” do déficit da seguridade social.

3) A existencia de alternativas privadas a estes servizos públicos, “demostradamente ineficaces, ineficiente e inefectivos”. Unhas alternativas que no caso das pensións a penas existían, con unicamente os desprestixiados Plans de pensións individuais, situación corrixida pola reforma Escrivá que introduciu os plans privados de capitalización colectiva. Xa temos as tres patas do chamado Modelo Holandés coas que avanzar cara á privatización: A Pata pública de reparto, a deteriorar, a Pata deses plans privados de capitalización colectiva, apoiados e financiados en parte polo estado a cargo das nosas pensións, vía desgravacións fiscais e redución de cotas e a terceira Pata, para os que teñan máis poder económico, os fondos individuais, tamén beneficiada por desgravacións a costa dos cartos de todos nós.

Por iso Modepen chama á mobilización (5) polos seguintes obxectivos:

Contra o deterioro das pensións e pola súa mellora:

– Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente. 1.080€

– Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.

– Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.

– Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:

– Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.

– Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.

Contra o “falso relato”

– Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.

Contra as alternativas privatizadoras:

– Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións socias da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.

Documento publicado en Praza.gal: O 28 de outubro o Movemento Pensionista vai a Madrid.

Chamamento á manifestación do 28 Outubro en Madrid.

28 de outubro, manifestación en Madrid

Defende o valor adquisitivo da túa pensión!

 

A mobilización desenvolvida por milleiros de pensionistas desde 2018 conseguiu importantes avances:

1º.- A suba anual das pensións segundo o IPC, que supuxo un 8,5% en 2023.

2º.- O aumento do 15% das pensións mínimas e non contributivas.

3º.- A modificación do discurso sobre as pensións. Agora, acéptase que, ao aumentar a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sobre a poboación total, será necesario aumentar os ingresos do sistema público de pensións.

4º.- As pensións non contributivas, e outras partidas, pagaranse con cargo aos orzamento xerais do Estado.

Mais aínda temos reivindicacións pendentes:

1ª.- Garantía de que ningunha persoa pensionista perciba menos do salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente. 1.080€

2ª.- Eliminación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada para as persoas que cotizaron 40 ou máis anos.

3ª.- Derrogación da Lei de promoción e impulso dos plans de pensións de emprego para impedir o desvío de cotizacións socias da Seguridade Social aos bancos, fondos de investimento e compañías de seguros.

4ª.- Realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social aprobada no Parlamento español, que debería estar finalizada en xuño de 2022.

5ª.- Derrogación das reformas de 2011 e 2013 e recuperación da xubilación aos 65 anos.

6ª.- Aprobación de novas medidas legais, a curto prazo, para rematar coa fenda de xénero:

  • Mulleres e homes: a igual traballo, igual salario, igual pensión.
  • Incremento da porcentaxe do haber regulador percibida como pensión de viuvez.

O 28 de outubro viaxaremos a Madrid para participarmos nunha manifestación unitaria de todas as plataformas do Estado español en defensa da suba das pensións segundo o IPC real e de todas as reivindicacións pendentes.

Participa!

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS PÚBLICAS DEFÉNDENSE!!!

Páxina web:  www.modepen.org

Youtube:  https://www.youtube.com/channel/UCt4-nAStckfzY9fmRjaj_EQ

Facebook:  https://www.facebook.com/MODEPEN

Twitter:  https://twitter.com/modepen

Instagram:  https://www.instagram.com/modepen_galiza/

Mastodon.gal:   @modepen@mastodon.gal

O 28 de outubro de 2023, tod@s a Madrid!. Pensión mínima de 1080 € e recuperación do poder adquisitivo de pensións e salarios, XA!.

Ás persoas pensionistas e maiores,

Á mocidade, ao pobo traballador de calquera idade,

Aos movementos sociais, ao sindicalismo de clase e combativo,

Á cidadanía en xeral

                                                                                                                                             25 de setembro 2023

             Antes das eleccións do 23J, os movementos e plataformas de pensionistas dos diferentes pobos e comunidades do Estado que subscribimos este escrito, dirixímonos por carta aos partidos, para que incluísen nos seus programas electorais as nosas reivindicacións básicas.

Tras esas eleccións, volvemos esixir que esas reivindicacións básicas sexan integradas tanto nas negociacións para elixir presidente, como no programa do goberno. As nosas propostas han de ser atendidas de inmediato. Non hai escusa para non facelo, aínda que o goberno estea en funcións.

Houbo eleccións, pero os problemas das persoas pensionistas non desapareceron; o incremento do custo da vida está a empeorar drasticamente as nosas condicións de vida. A subida imparable dos prezos da cesta básica ponnos cada vez máis difícil acceder a unha alimentación sa e aos medicamentos, a unhas condicións habitacionais dignas que garantan a mobilidade e unha temperatura adecuada nas nosas casas, o acceso aos servizo sociosanitarios de atención á dependencia, a residencias con condicións dignas, etc.

             O IPC interanual é do 5% e o subxacente de 2023 do 6,1%. Cómo é posible manter e mellorar as nosas condicións de vida se a pensión mínima é de 783 € e o 51,02% das persoas pensionistas teñen unha pensión por baixo de 1000 €?

Mentres tanto a banca, as eléctricas e tamén as grandes empresas non financeiras baten récord de beneficios. Soamente no primeiro trimestre de 2023, a gran banca obtén 12.385 millóns € de beneficios, un 20,7 % máis que o mesmo período do ano anterior (que se suman aos 40.666 millóns obtidos nos anos 2021 e 2022), aproveitándose da subida dos tipos de interese que afunde as economías das familias traballadoras e das pequenas empresas.

Ao mesmo tempo, un total de 28 das principais empresas do IBEX35 incrementaron os seus beneficios nun 39% en 2021 (15.800 millóns €) e nun 43% en 2022 (18.400 millóns €). Estas obscenas cifras de beneficios da banca e do gran empresariado inciden directamente na carestía da vida e deixan ben ás claras que se segue producindo unha desigual repartición da riqueza, que reduce salarios e pensións para mellorar as contas de resultados das grandes empresas, e o goberno ten que facer algo ao respecto.

Segundo os últimos datos publicados en agosto, o Estado español dedica a pensións o 11,8% do PIB, por baixo da media europea e descendendo ano tras ano (en 2019 dedicouse o 12,7%). Lonxe de países como Grecia (17,8% do PIB), Italia (17,6%) ou Francia(15,9%).

Por iso as diferentes plataformas e movementos de pensionistas que asinamos este escrito imos seguir na rúa esixindo:

  1. Unha pensión mínima de 1080 € con efectos retroactivos a xaneiro de 2023. Xa! Restablecer para decembro deste ano a paga compensatoria pola perda do poder adquisitivo das pensións. E recuperar a revalorización anual das pensións e os salarios en función do IPC real. Desde o primeiro ano de vixencia da reforma de pensións de 2013, a 2018 incluído, as persoas pensionistas perdemos 2,8% de poder adquisitivo. De 2019 a 2022, ambos incluídos perdemos un 6%. Total 8,8%. Veremos a final de 2023 o incremento do IPC xeral.
  2. Acabar coa brecha de xénero (32,65%) en pensións establecendo unha compensación para conseguilo e mellorar a pensión de viuvez (coas cifras publicadas de agosto de 2023, a pensión media de homes é de 1.443,3 euros e a das mulleres de 972,04 euros).
  3. A realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social, aprobada polo Parlamento na Lei 21/2021, que continúa sen cumprirse.
  4. Eliminación do requisito esixido de 2 anos de cotización nos quince últimos anos para poder acceder á pensión.
  5. Garantir o financiamento do SPP mediante un SMI do 60% salario medio, a creación de emprego de calidade e a recuperación do poder adquisitivo dos salarios.
  6.  Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados.
  7. Restablecer a idade de xubilación en 65 anos e 15 anos de cotización para o cálculo da pensión.
  8. Garantir a taxa de substitución de salario e pensión por encima do 90% para salarios inferiores a 1.500 € e 80% para o resto. Actualmente a taxa de substitución nos salarios medios é do 72,3%, co agravante de que a diferenza salarial nos devanditos salarios é de menos 21% en relación á UE27.
  9. Derrogar a Lei 2/2022 de Fomento dos plans de pensións de emprego que persegue a privatización do SPP.
  10. Que así mesmo se pare o proceso de privatización do patrimonio da Seguridade Social que se está producindo, coa constante e encuberta venda de activos, inmobiliarios e outros.
  11. Apertura dun diálogo permanente cos movementos e plataformas de pensionistas que asinan esta declaración para estudar a derrogación dos recortes establecidos nas reformas de 2011, 2013, 2021, 2022 e 2023.

Daremos conta das nosas demandas de inmediato aos grupos políticos do Congreso.

Sabemos que a mobilización segue sendo a nosa garantía para conseguir os nosos obxectivos e así o faremos o próximo día 28 de outubro, nas rúas de Madrid, como vimos facéndoo desde fai máis de cinco anos.

O 28 de outubro de 2023, tod@s a Madrid!

Goberne quen goberne as pensións públicas deféndense!

 

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Nota de prensa anunciando as mobilizacións do 25 de maio das plataformas estatais de Unidade de Acción.

O 25 DE MAIO, MOBILIZACIÓN PENSIONISTA

PENSIÓN MÍNIMA 1080

4/05/2023

NOTA DE PRENSA

Os movementos e organizacións de pensionistas de diferentes Pobos e Comunidades do Estado abaixo asinantes, coincidimos en impulsar diferentes mobilizacións nos diferentes Pobos e cidades do Estado o día 25 de Maio. Daremos puntual información de cada unha delas nos diferentes territorios. :

Tal como indicamos na carta enviada este mes aos partidos políticos con representación no Congreso, o recentemente aprobado RDL 2/2023 non é a reforma que vimos reclamando nas rúas desde fai mais de 5 anos.

1. Aínda que o RDL incorpora certas melloras, consideramos con todo que é parte dun proceso de reformas que está a recortar pensións e dereitos das persoas pensionistas. Reformas que como a do 2011 deberían ser derrogadas e que neste RDL perpetúanse.Os recortes nas pensións que aínda non se completaron procedentes desa reforma, como o aumento da idade de xubilación de 65 a 67 anos ou o incremento de anos cotizados para acceder ao 100% da pensión, séguense aplicando, e ratifícanse outros recortes como o incremento dos anos de cotización necesarios para o cálculo da pensión de 15 a 25 anos, que con este RDL auméntanse a 29. Non se pode dicir, por tanto, que este RDL non ten recortes. Séguense recortando as pensións públicas e anulando dereitos das e os traballadores e das persoas pensionistas.

2. Someter, tal como aparece no mencionado RDL, as decisións futuras respecto a o financiamento e prestacións do SPP aos criterios do Informe de envellecemento publicado pola Comisión Europea, a AiReF e o Pacto de Toledo deixa a porta aberta a novos recortes das pensións.

3. Por todo iso, instamos os grupos políticos do Congreso para utilizar a tramitación parlamentaria do RDL 2/2023 para que as nosas reclamacións máis urxentes sexan atendidas e para establecer de inmediato, en 2023 e con efectos retroactivos a xaneiro a pensión mínima da persoa pensionista en 1080 € en catorce pagas. É imprescindible asegurar que os orzamentos do estado cubrirán os posibles déficits do SPP.Demandamos que no trámite parlamentario en curso garántase:

A realización inmediata da auditoría das contas da Seguridade Social.

Incrementar a pensión mínima ata alcanzar os criterios de suficiencia da Carta Social Europea. Nese camiño, reclamamos 1080 € para 2023.

Derrogar os recortes das reformas de pensións incluída a de 2011 (Recuperar cando menos a xubilación aos 65 anos, 15 anos para o período de cálculo da pensión…).

Recuperar a perda do poder adquisitivo de salarios e pensións e restablecer paraiso a paga compensatoria das pensións.

Medidas efectivas para erradicar a brecha de xénero en salarios e pensións.

Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados.

Garantir as pensións mediante a creación de emprego de calidade e salarios dignos.

Impedir o financiamento con diñeiro público dos plans de pensións de emprego (PPEs) por medio das cotizacións á SS e asegurando que coticen e tributen como rendas de traballo.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS DEFÉNDENSE

A MOBILIZACIÓN É A NOSA GARANTÍA

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar),

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones),

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria),

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos),

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas),

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badaxoz, Móstoles, …

Solidariedade co encerro e xexún dos e das pensionistas vascos por unhas pensión mínimas de 1.080 euros mes.

O Movemento de Pensionistas de Euskal Herria (EHPM), iniciou este luns un encerro e xexún co obxectivo de “impedir que o clamor por unhas pensións dignas caia no esquecemento”.

Actualmente as pensións mínimas, que dependen da situación do beneficiario, están en 10.405,10 euros anuais (743,20 euros ao mes) se se ten cónxuxe non a cargo; en 10.962,60 euros ao año (783 euros ao mes) se non se ten cónxuxe, e en 13.526,7 euros anuais (966,20 euros ao mes) nos casos con cónxuxe a cargo.

Como explican no xornal Eldiario.es: “En Euskadi e Navarra, tras incluír a última suba do 8,5%, o 30% das persoas pensionistas, 199.800 pensionistas (155.000 en Euskadi e 44.800 en Navarra) non chegan a unha pensión de 800 euros mensuais, e de todas elas 154.000 son mulleres”.

Engaden que: “Levamos máis de cinco anos reivindicando unha pensión mínima de 1.080 euros en 14 pagas, por considerar que responde aos criterios de suficiencia fixados na Carta Social Europea (CSE). É un ingreso básico para que unha persoa pensionista poda acceder a unha vida digna na súa vellez, e é ademais, unha medida efectiva para reducir a brecha de xénero nas pensións”.

Lembremos que 1.080,00 euros/mes, en 14 pagas, é o importe actual do Salario Mínimo.

Unha delegación de Modepen (xunto a outros movemento do estado) trasladouse ata Bilbao para manifestar o seu apoio a esta protesta.

Ligazón a la noticia do “eldiario.es”:  Pensionistas de Euskadi y Navarra se encerrarán y ayunarán durante cinco días por pensiones mínimas de 1.080 euros

Ligazón a la noticia do “Público.es”: El histórico encierro y ayuno de los pensionistas vascos: “Algunos tienen 80 años, es simplemente dignidad”