Nota de prensa da unidade de acción das plataformas e movementos de pensionistas de Pobos e Comunidades do Estado.

3 de febreiro de 2025

Tras coñecer que novamente está en vigor o incremento das pensións para 2025 así como outras medidas que forman parte do denominado escudo social deixamos sen efecto, de momento, as mobilizacións que anunciaramos no caso de que non se houbera reconducido a situación creada o pasado día 22 de xaneiro.

Con todo, as plataformas e movementos de pensionistas abaixo firmantes reiteramos a nosa indignación polo mal trato escenificado no Congreso dos Deputados: o incumprimento da lei contra un dereito fundamental, como a revalorización das pensións. Isto é algo que nunca máis debe repetirse, esiximos aos partidos políticos plenas garantías para que así sexa.

Valoramos positivamente os apoios de todo tipo que recollemos, e que a nosa esixencia fose atendida. Nesta ocasión, o facer pública a convocatoria de manifestacións masivas, a nivel de todos os territorios do Estado, conseguiu impedir que traspasasen unha liña vermella infranqueable. A mobilización, unha vez máis, foi a garantía para conseguir as nosas reivindicacións, e facer rectificar a quen tentou vulnerar os nosos dereitos. Queremos deixar claro que calquera intento de volver á situación anterior a 2018 é totalmente inaceptable e reafirmamos a nosa decidida vontade de saír á rúa para impedilo.

Denunciamos tamén que nese mesmo pleno do día 22 de xaneiro e nesa ocasión cos votos do PP sumados aos do PSOE, Sumar, ERC, PNV, CC e UPN, aprobásese o decreto 11/2024, que pretende compensar baixos salarios e pensións compaxinando traballo e pensión mediante o aumento da idade de xubilación que pode chegar ata os 72 anos.

Esta lei, aínda que se di voluntaria, atrasará a idade de xubilación, en especial ás persoas con peores traballos (na súa maioría, mulleres), salarios e pensións ata equiparar idade de xubilación con esperanza de vida. Este decreto tamén supón para a mocidade retardar e deificultar a súa incorporación ao traballo, e fomenta a precarización das súas condicións laborais. Como xa dixemos no noso comunicado do 5 de agosto de 2024, isto tamén é inaceptable.

Por iso, seguiremos na rúa como o vimos facendo desde fai máis de sete anos, defendendo o Sistema Público de Pensións contra os intentos de privatización, opoñéndonos á prolongación da idade de xubilación, voluntaria ou non, esixindo o cumprimento da lei e a consecuente realización da auditoría das contas da Seguridade Social e a mellora substancial dos salarios impedindo a perda de poder adquisitivo para garantir a dignidade das pensións públicas.

GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIÓNS E OS DEREITOS DEFÉNDENSE!

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)
EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)
MADPP (Movimiento Andaluz por la Defensa de las Pensións Públicas)
MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e dos Servizos Públicos)
UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)
PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Ligazón ao documento Comunicado de U.A. 03-02-2025

Susto e aviso.

Estamos lendo o comunicado da Unidade de Acción (UA), que enlazamos, cando moitos de nós aínda temos o susto no corpo. Ao carallo a actualización das pensións deste ano!!!!. Ese 2,8% para as pensións contributivas, 6% para as pensións mínimas e as non contributivas e 9% para o Ingreso Mínimo Vital. E, o máis preocupante, a conciencia (os que aínda non eran, ou éramos, conscientes) de que están en perigo, que calquera goberno, con calquera desculpa (ou sen ela) pode tirar ao lixo o “incremento segundo o IPC”. Este ano ou calquera ano.

Este 22 de xaneiro quedará marcado como o día do susto aos pensionistas (houbo máis “trasacordos” graves, mais, agora, nós estamos a falar das pensións). Xuntáronse as dereitas: Vox, Junts, PP (xa sabemos como rima) para dar un aviso ao goberno no noso lombo.

E puideron facelo porque, como di o comunicado da UA “As pensións seguen sendo moeda de cambio e non un dereito básico fundamental”.

É un susto e é un aviso, máxime nas vésperas do mes de marzo deste ano cando, como sabemos, toca facer a avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social (disposición adicional 2ª do Real Decreto-lei 2/2023) e adoptar, segundo saia esa avaliación, un aumento dos ingresos, unha redución dos gastos, ou unha combinación de ambos. Un momento “perigoso” á vista da ansia dos nosos banqueiros por xestionar (e cobrar comisións) un sistema privado de pensións. (Ver análise sobre esa DA 2ª i).

Pois ben, Modepén e a UA dámonos por avisados.

Porque “Non imos aceptar nin un só paso atrás nin políticas respecto a as pensións como as adoptadas de 2011 a 2018”. E porque: “Se esta cuestión non está resolta satisfactoriamente antes do 20 de febreiro deste ano, o día 22 sairemos á rúa como o fixemos en xaneiro de 2018”.

Non imos aceptar nin un só paso atrás.

Modepen dá a benvida a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD)

En rolda de prensa deste martes 14 de xaneiro presentouse a Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD) constituída por un grupo de persoas de diversas contornas sociais e profesionais.

Denuncian que, por unha banda, a Xunta de Galiza aposta por converter o Sistema Público Galego de Dependencia nun Sistema de Beneficencia “Low Cost”, como demostra a baixa intensidade dos servizos, as ínfimas contías das prestacións económicas e o seu claro infra-financiamento, a preferencia pola “Prestación Económica de Coidados no Entorno Familiar (PECEF)” en detrimento do SAF (Servizo de Atención no Fogar) ou pola enorme escaseza de residencias públicas.

E por outra banda constatan como a Xunta de Galiza favorece descaradamente a privatización do sistema da dependencia, que xa conta cunha forte presenza de Fondos de Investimento estranxeiros (“fondos voitre”), que unicamente buscan a maximización de beneficios e non o correcto coidado das persoas en situación de dependencia. Neste sentido lembran que o Estado español só dedica aos servizos sociais o 0,8% do seu PIB, mentres que a media da Unión Europea é do 1,6% chegando nos Países Nórdicos a máis do 3%.

ASGADeD traballará para modificar a realidade antes descrita mediante a construción dun movemento social forte, amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega para exixirlle ás administracións públicas un compromiso real cuns servizos sociais da dependencia e discapacidade de calidade e de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas. Un servizos que permitan “Envellecer na casa”, prestando servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Tele-asistencia, …) que adíen o momento do ingreso nun Centro Residencial.

E por isto ASGADeD reivindica:

-Uns servizos sociais de dependencia de cobertura universal e gratuítos.

-Un financiamento adecuado polas administracións públicas.

A realización das inspeccións pertinentes que garantan a calidade nos coidados ás persoas usuarias.

Rateos de profesionais adecuados, debidamente formados, e con condicións laborais e salariais dignas.

-Priorizar os servizos formais do SAF, Atención Residencial, Centros de Día, … prestados por profesionais respecto ás prestacións económicas (Vinculada aos Coidados na Contorna Familiar, Vinculada ao Servizo, …) que se basean nos coidados informais prestados desde a contorna familiar por coidadores non profesionais;

-A coordinación cos servizos sanitarios públicos de Atención Primaria, dotándoos dos recursos necesarios.

Uns servizos abertos á participación das persoas usuarias e dos seus familiares, así como da veciñanza das localidades na que se sitúen ou ás que dean servizos.

Na rolda de prensa comentáronse tamén as últimas decisións que tomou a Xunta, aproveitando as Festas do Nadal, e que amosan a teima privatizadora e precarizadora dos servizos da dependencia:

1) A Orde do 4 de decembro de 2024 (DOG do 13/12/2024) que modifica a Orde do 18 de abril de 1996, afondando nos recortes do persoal sanitario que debe existir nas residencias.

2) A Resolución de 31 de decembro de 2024 (DOG do 02/01/2025) coa que a Xunta:

Unifica os procedementos da dependencia e da discapacidade sen ampliar os equipos de valoración nin abordar en profundidade a falta de persoal.

– Abre a posibilidade de conveniar a realización dos informes de saúde con mutuas privadas.

– Elimina a obrigatoriedade da realización do Informe Social, debilitando o papel dos e das traballadores sociais e comprometendo a calidade da atención.

– Estabelece a citación da dependencia e da discapacidade a través de mensaxe no móbil, o que non permitirá que as citacións se realicen de forma efectiva.

Finalmente o 26/12/2024 o Presidente da Xunta informou de que os dependentes que teñan recoñecido o dereito á unha prestación da dependencia e están agardando por unha praza pública (nunha residencia ou centro de día, ou por recibir atención no seu domicilio, …,) recibirán unha axuda directa do Goberno galego. Unha “paguiña”, que xa se prometera no 2023, e da que se descoñece o importe e o control da mesma.

Noticias sobre a rolda de prensa:

GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/movimientos/2025-01-14/5137262-nace-asgaded-defensa-sistema-publico-dependencia-beneficios-cuidados-terminos-casan-mal

Nos diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/social/nace-entidade-sistema-beneficencia-low-cost-da-xunta/20250114145424214592.html

Xornal Galicia: https://xornalgalicia.com/actualidad/agenda/presentacion-publica-da-asociacion-galega-na-defensa-do-sistema-publico-de-dependencia-e-discapacidade

Galicia Confidencial: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/282779-nace-asgaded-asociacion-defender-sistema-publico-dependencia-calidade-galicia

 

2025: Revalorización das pensións, pero ameazas no horizonte.

Comunicado da Unidade de Acción.

O comunicado da Unidade de Acción dos Movementos Pensionistas céntrase en:

      1)  O incremento das pensións para 2025.

     2)  A batalla polo relato sobre a suposta crise do sistema de pensións públicas.

     3) A necesidade dunha reforma fiscal.

   4)  A preocupación polo aviso de “autoridades competentes” respecto ao “estado de benestar” incluídas as pensións públicas.

     5)  A necesidade da mobilización.

1) As pensións revalorízanse nun 2,8%, ao aplicar a media do IPC dos doce meses anteriores a decembro de 2024, en lugar do IPC total anual. Isto supón recuperar un 0,4% sobre a inflación anual.

Sobre esta revalorización valórase: Que supón unha vitoria do movemento, pero que, ao tempo, significa unha perda acumulada desde o 2011. Que cómpre empezar o debate do concepto do custe da vida (mencionando o brutal incremento do prezo dos alimentos en relación ao IPC xeral) Que hai un empeoramento relativo das pensións mínimas respecto ao SMI e que non hai noticias sobre a reivindicación da derrogación dos coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados. Por iso reivindícase:

Recuperar o poder adquisitivo das pensións demandando recuperar a paga compensatoria vixente ata o 2023. (paga compensatoria en xaneiro de 2025 do 4%).

Equiparar por lei as Pensións Mínimas ao 100% do SMI.

Derrogar os coeficientes redutores da xubilación anticipada con 40 anos cotizados.

2) Seguimos enfrontando o relato da suposta crise do sistema de pensións públicas. A pesar do informe do Tribunal de Contas, que estimou entre 1989 e 2018 gastos impropios da SS por un valor de 104 mil millóns de euros, do aumento da afiliación até máis de 21 millóns de traballadoras e traballadores e á espera da auditoría da Seguridade Social decidida na lei do ano 2021. A pesar de que hai recursos suficientes para mellorar e manter o sistema público de pensións, debemos estar atentos a marzo de 2025 cando a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social. Sabemos que hai forzas interesadas nun resultado negativo desa avaliación (ver: https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2024/09/Avaliacion-marzo-2025-Documento.pdf).

3) Esíxese unha reforma fiscal, para que paguen máis os que máis gañan e teñen para garantir os servizos públicos e o investimento produtivo para impulsar un modelo de desenvolvemento social e medioambiental eficiente e xusto. Igualmente é imprescindible unha mellora substancial de salarios e pensións, especialmente dos más baixos, e erradicar a fenda de xénero nos ingresos.

4) A Unidade de Acción observa con preocupación o marco internacional. Menciona as declaracións do novo secretario xeral da OTAN chamando a incrementar o gasto militar á conta de erosionar o gasto social e, explicitamente, as pensións, aínda máis preocupante porque non se escoitan voces contrarias desde as institucións. (https://es.euronews.com/my-europe/2024/12/12/rutte-pide-a-los-ciudadanos-europeos-sacrificios-para-aumentar-el-gasto-en-defensa )

5) Por todo isto a UA fai un chamamento ás persoas pensionistas en particular e á xente traballadora en xeral a preparar unha defensa activa dos nosos dereitos este ano que se abre. A unidade e a mobilización serán máis necesarias ca nunca.

Podemos acceder ao comunicado completo desde aquí.

Aprobada por unanimidade a moción das pensións que defendeu Por Chantada – Interior Galego Vivo no pleno do Concello de Chantada.

Documento da Moción do grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo na defensa das pensións dignas no interior galego.

Aprobada por unanimidade a moción das pensións que defendeu Por Chantada – Interior Galego Vivo no pleno.

Concretamente, os 12 asistentes (na Corporación hai 13 persoas concelleiras) acordaron:

👉🏼 O Concello de Chantada comprométese coa dignidade das persoas pensionistas e apoia que, por lei, se estabeleza que a pensión contributiva mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional (SMI)”.

👉🏼 A Corporación “manifesta a súa adhesión á campaña pola blindaxe das pensións na Constitución Española, mediante a prohibición expresa da privatización do Sistema Público de Pensións e da perda de poder adquisitivo das pensións, blindando as pensións como unha prestación social fundamental”.

👉🏼 Por último, a moción presentada insta a “dar traslado ao Congreso e ao Senado do Reino de España dos acordos adoptados para que lexislen e, por lei, se estabeleza que a pensión mínima sexa, cando menos, igual ao SMI, aplicando a tal efecto revalorizacións anuais progresivas até 2030. En todo caso, e con carácter inmediato, ningunha pensión contributiva no mundo rural debería ficar por baixo dos 1000 euros”.

Antom Fente lembrou durante a súa defensa que “PP e PSOE reformaron en 2011 o artigo 135 da Constitución española sen referendo para impor o ditame de Bruxelas, é dicir, a estabilidade orzamentaria e entregar a soberanía económica. En outras palabras, para o que interesa a Constitución refórmase sen pudor, en canto para o fundamental, como as pensións, póñense escusas de todo tipo.

De igual xeito, explicou que o fundamental para o sistema de pensións é “a solidariedade interxeracional, é dicir, a calidade do traballo, para o que é necesario que exista emprego e salarios altos”. Desta arte, Fente explicou que “o Fondo de reserva da Seguranza Social, a denominada como Hucha das pensións, volve incrementarse situándose hoxe en 5578 millóns de euros polo récord de cotizacións. Porén, é moi pouco para o que podería ser, pois foi saqueado por Mariano Rajoy, xa que durante o seu goberno (2012-2017) pasou de 66.815 millóns de euros a só 8.095, sen esquecer os 5.000 millóns de euros que retirou Pedro Sánchez (2018-2019)”.

Pleno ordinario 5 de decembro de 2024 [vídeo e documentación]

Tamén se aprobou en Sober e Vilardevós. Vaise debater tamén en Laza e Monforte de Lemos.

Bulos, trolas e mentiras flagrantes

Moi mal van as cousas para que en Modepén teñamos que asinar manifestos como o de “apoio ao científico Fernando Valladares e ao resto de persoas, colectivos e entidades que están a ser acosadas por amosar as numerosas evidencias do cambio climático”. Un manifesto que naceu xa coa adhesión de 850 entidades, asociacións ou colectivos e a que nos estamos sumando máis, entre elas, como dicimos, MODEPEN (o prazo de adhesións é ata o 28 de novembro). (https://fnca.eu/74-fundacion/1814-manifiesto-en-apoyo-a-fernando-valladare)

Moi mal van as cousas para que Maldita.es, a páxina web especializada en investigar e desenmascarar bulos, trolas e mentiras flagrantes e interesadas, estea estes días batendo récords de análises, chegando a ter que abrir unha páxina específica con información (máis ben anti-desinformación) actualizada sobre a DANA: (https://maldita.es/clima/20241030/dana-consecuencias-este-sur-victimas-bulos/ )

E non é que de súpeto nos volvesemos todos contadores de bulos, trolas e mentiras flagrantes. Os responsábeis son uns poucos, por razóns de lucro, protagonismo ou “política” (se a iso se lle pode chamar política) e todos coñecemos e sabemos de algúns. E hai tamén uns responsábeis especiais, os propietarios das redes sociais centralizadas (Tick.Tock, Instagram, Facebook, X-twitter…) eses magnates e mangantes que viven mellor (aínda) grazas a eses bulos, trolas e mentiras flagrantes, como denuncian neste artigo, tamén de maldita.es, centrado na DANA pero que sabemos que se pode extrapolar a calquera situación que lles dea pé, se ben é certo que utilizar a traxedia de Valencia o fai máis despreciábel. (https://maldita.es/malditatecnologia/20241119/desinformacion-dana-respuesta-plataformas-redes-sociales/)

Unha situación que tampouco é totalmente nova, certamente. Por exemplo, en Modepén coñecemos ben un vídeo de hai uns anos, pero que sigue a rolar, e que utiliza imaxes nosas e de outras organizacións de pensionistas para engadirlle un audio contrario ás nosas ideas e claramente manipulador e fascista. Reproducimos a súa imaxe inicial (e evidentemente rogamos non difundilo e si denuncialo)

Pero aínda que estas “mentiras ” leven tempo entre nós e aínda que lle podamos atopar semellanzas a contos máis antigos como o das meigas, o certo é que neste momento están a acadar niveis moi preocupantes. E que tantas mentiras non poden ser casuais, nin deberse unicamente as novas tecnoloxías, que certamente favorecen a súa propagación. Nin tampouco se deben só a intereses de protagonismo ou de lucro de algúns desalmados. Hai uns intereses de desestabilización política, de potenciar á extrema dereita, contra os que temos que estar alerta e aos que temos que denunciar.

Comunicado da U.A. do Movemento Pensionista: COAS VÍTIMAS DA DANA E O POBO VALENCIANO.

19 de novembro de 2024

          As organizacións e plataformas de pensionistas dos diferentes pobos e comunidades do Estado queremos manifestar a nosa solidariedade coas familias e amigos das vítimas das inundacións da DANA que arrasou 78 pobos o pasado 29 de outubro: 2 en Castela-A Mancha, un en Andalucía e 75 na provincia de Valencia.

          Queremos transmitirlles a dor e a consternación das persoas pensionistas pola perda das vidas de 219 persoas identificadas ao día de hoxe, desexando que se atopen as outras 11 persoas desaparecidas, aínda que xa pasaron máis de vinte días desde a traxedia.

Aínda que todas as vidas perdidas impórtannos por igual, é preciso sinalar que máis dun centenar desas vítimas mortais eran persoas de máis de 70 anos, que se viron atrapadas en residencias ou nos seus propios domicilios. Este feito deixa ben ás claras a especial vulnerabilidade das persoas maiores, evidencia que desde o movemento pensionista vimos denunciando e esixindo medidas efectivas para protexer e dignificar a vida desas persoas.

Pero moitas desas mortes poderíanse evitar, se os responsables do Consell da Generalitat Valenciana, co presidente Carlos Mazón á cabeza, fixesen caso aos avisos que recibiron, e cumprisen coa súa obrigación de activar os protocolos e alertar á poboación (máis da metade das persoas falecidas víronse atrapadas en espazos pechados). Deberon tamén suspender a xornada laboral para protexer a saúde e a seguridade das e os traballadores, como esixe a Lei de Prevención de Riscos Laborais. Como se fixo co persoal da Deputación de Valencia, que foi enviada a casa ao mediodía, ou a Universidade de Valencia, que suspendeu a súa actividade ese día 29 de outubro.

O goberno valenciano non debeu ceder ante as presións dunha patronal depredadora, que mantivo nos seus postos de traballo á xente, pasase o que pasase, con resultado letal en moitos casos. Un goberno de PP e Vox, de negacionistas climáticos, que se estreou pechando (e xactáronse diso) a Unidade Valenciana de Emerxencias, mentres desviaban recursos para promocionar a tauromaquia.

Non estamos soamente ante a inacción duns xestores incompetentes, senón ante decisións de gobernantes con resultado de morte. As responsabilidades destes políticos, e tamén dos empresarios, deberán ser depuradas ante os tribunais de xustiza. Pero sen esperar a iso, Carlos Mazón debería ter dimitido xa, xunto co seu goberno. Estivo desaparecido durante as horas máis críticas da emerxencia. A saber onde estivo, pero non foi alí onde debía. Por iso Mazón está claramente incapacitado para xestionar nada, e decenas de miles de valencianos e valencianas esixiron a súa dimisión na histórica manifestación do pasado día 9 de novembro.

Hai demasiado tempo que a especulación capitalista disparou a construción desbocada, tanto residencial como industrial, en costas e áreas inundables, sen ter en conta os potenciais riscos que conleva, sobre todo en zonas como o País Valenciano, onde adoitan desenvolverse ciclicamente fenómenos de pinga fría. As medidas ecocidas de elites e gobernos, desatendendo á ciencia e os movementos ecoloxistas, aceleran o quecemento global, e a frecuencia e intensidade deses desastres naturais. Esta nova inundación, a peor de máis dun século pero probablemente non a última levouse por diante infraestruturas vitais de todo tipo, arrasou rúas e barrios enteiros, destruíndo non menos de 130.000 vivendas de xente traballadora.

Tamén hai demasiado tempo que os servizos sociais esenciais están a desmantelarse; que a sanidade, educación, pensións e servizos sociais están a deteriorarse e privatizando, para regar de recursos públicos as contas de resultados das elites e manter a institucións, como a monarquía, a xerarquía católica (que non se destacou pola súa solidariedade, ante a DANA) ou a industria bélica, absolutamente parasitarias. Este inmenso desastre debe facer cambiar as prioridades dos recursos públicos, e activar políticas para protexer todos os postos de traballo e a actividade da xente damnificada, pero tamén e sobre todo poñendo á súa disposición o parque de vivendas baleiras en mans dos bancos e da Sareb.

Non soamente débense paliar as consecuencias desta DANA, senón que é imprescindible abordar un plan preventivo integral, coa participación dos equipos técnicos e científicos necesarios, para previr futuros episodios de desastres naturais que por desgraza chegarán, e protexer á poboación e á natureza das súas consecuencias.

Por último e non menos importante, habemos de valorar e recoñecer o inmenso movemento de solidariedade co pobo valenciano que se está desenvolvendo, coa especial presenza da mocidade no mesmo. Persoas do propio país e de todos os territorios que están a dar o mellor de si mesmas para axudar a quen máis o necesitan porque o perderon todo. Emociona ver ao pobo valenciano reaccionando como unha soa voz ante a ignominia dos seus gobernantes, esixindo responsabilidades e defendendo o que é seu. Unimos a nosa voz á súa, e esiximos xa a dimisión de Carlos Mazón e o seu goberno.

Desde as organizacións pensionistas dos pobos e comunidades do Estado enviamos ao País Valenciano nosa solidariedade. Facemos un chamamento ás nosas compañeiras e compañeiros para que apoien material e economicamente aos pobos afectados, para que as nosas irmás e irmáns valencianos superen este terrible episodio, normalicen as súas vidas canto antes e garántanse os seus recursos, os seus dereitos e o seu futuro.

ASJUBI40 (Asociación Jubilación Anticipada sin Penalizar)

COESPE (Coordinadora Estatal por la Defensa del Sistema Público de Pensiones)

EHPM (Movimiento de Pensionistas de Euskal Herria)

MADPP (Movimento Andaluz por la Defensa de las Pensiones Públicas)

MODEPEN (Movemento Galego en Defensa dás Pensións e os Servizos Públicos)

UNIDADE COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas)

PLATAFORMAS DE PENSIONISTAS de Badajoz, Móstoles…

Documento do Comunicado para descargar.

A defensa das pensións públicas como un dereito adquirido de carácter salarial.

Na recente asemblea de Modepén do 21 de setembro deste ano acordouse engadir no documento “As ideas que nos unen” (que vén ser o noso programa) unha definición da natureza das pensións polas que loitamos. En concreto acordouse engadir os dous parágrafos seguintes (na asemblea quedou pendente dun maior debate un terceiro parágrafo):

– Entendemos que as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial derivado das contribucións realizadas a raíz da relación laboral que motivou as mesmas.

– Entendemos que as pensións non contributivas derivan do dereito humano a unha vida material digna, de especial relevancia en persoas que, precisamente por ser pensionistas por idade ou por discapacidade, non poden traballar.

Neste artigo, publicado no xornal dixital “Praza.gal”, o noso compañeiro Bieito Lorenzo publica para a súa difusión as que, na súa opinión, son as razóns que nos levaron a aprobar o primeiro parágrafo, o relativo ás pensións contributivas, deixando para un próximo artigo, as razóns do segundo.

Documento: A defensa das pensións públicas como un dereito adquirido de carácter salarial.

Aproveita a publicación do artigo para informar das seguintes datas de interese:

26 de decembro, manifestación en Madrid.

Marzo de 2025, cando se realizará a primeira avaliación da evolución dos gastos e ingresos do sistema de Seguridade Social prevista na Disposición Adicional Segunda do Real Decreto-Lei 2/2023.

Artigo de Paco Castro, da Plataforma Pensionistas Compostela sobre a manifestación do día 30 de setembro.

O 14 de decembro de 1990 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou O día 1 de outubro como Dia Internacional das Persoas Maiores.

Con este motivo as plataformas de pensionistas que constitúen a Unidade de Acción convocan para o día 30 de setembro, unha xornada de mobilización, coordinada a nivel estatal, en distintas cidades e pobos do Estado, en defensa dunhas pensións públicas dignas, un servizo de saúde adecuado e un sistema público de atención á dependencia cercano e de calidade.

En Galicia, o MODEPEN e a Plataforma de Pensionistas de Compostela, imos facer unha manifestación unitaria en Santiago, que sairá ás 12 hs. da Alameda e rematará na Praza das Praterías.

Artigo de Paco Castro, da Plataforma Pensionistas Compostela sobre a manifestación do día 30 de setembro

A BATALLA POLAS PENSIÓNS DE MARZO DE 2025.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA DO REAL DECRETO-LEI 2/2023

Introdución

1º. As reformas do sistema de pensións de 2011 (R. Zapatero) e 2013 (M. Rajoy) tiñan como obxectivo reducir o gasto en pensións nas décadas futuras.

2º. Foron impulsadas desde a Troika (BCE, FMI, CE) como parte da política austericida que causou enormes danos sociais e económicos na Unión Europea, especialmente nos países do sur de Europa.

3º. A reforma de Rajoy concretou o Índice de Revalorización das Pensións (IRP) e o Factor de Sostibilidade (FS).

4º. O IRP introducía unha fórmula para o cálculo da subida anual das pensións que obrigaría a incrementos anuais do 0,25% durante moitos anos o que produciría unha importante perda de poder adquisitivo.

5º. O FS diminuiría o importe das pensións iniciais segundo aumentase a esperanza de vida.

6º. Ademais a reforma de 2011 atrasara a idade de xubilación até os 67 anos e prolongara o período de cálculo da pensión inicial ata 25 anos.

7º. Todas estas reformas serviron para limitar o crecemento das pensións iniciais de xubilación, de maneira que nalgúns anos foron inferiores en valor absoluto ás de anos anteriores e noutros o foron en valor real ao aumentar menos que a inflación.

7º. O informe sobre o envellecemento de 2021 (CE, The Ageing Report 2021) recollía o impacto destas reformas. O gasto en pensións como porcentaxe do PIB caería segundo avanzase o século XXI condenando ás futuras xeracións de pensionistas á xeneralización da pobreza.

8º. As mobilizacións de xaneiro de 2018 fixeron saltar polos aires o IRP e o FS. O movemento social en defensa do sistema público de pensións (MSDPP) derrotou temporalmente o proxecto das finanzas de reducir as pensións públicas para abrir paso aos fondos privados de capitalización.

9º. Así, o informe sobre o envellecemento de 2024 (CE, Axeing Report 2024) corrixía as previsións de 2021, previndo que o gasto en pensións como porcentaxe do PIB aumentará nas próximas décadas.

10º. En consecuencia, a batalla das forzas políticas e organismos partidarios da redución do gasto en pensións desprazouse á redacción e interpretación da Disposición Adicional Ssegunda (DA2ª) do Real decreto lei 2/2023.